Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

martes, 28 de maio de 2019

PATIOS INCLUSIVOS NO C.E.I.P. SAN MARTIÑO.

Pouco a pouco o noso patio inclusivo vai collendo forma!

Queremos lograr con esta proposta a inclusión real de todo o alumnado durante os recreos, o desenvolvemento do xogo en grupo, a cooperación, o respecto, o liderado, a dismunición de conflitos e favorecer a creatividade do noso alumnado, entre outras.

Estes patios inclusivos teñen moitos beneficios, e en canto ás relacións sociais, estas vólvense aínda máis próximas, favorecendo o diálogo entre iguais.

É importante sinalar, que o xogo sempre é libre. Como mestras e mestres, seguimos traballando e buscando outras propostas para o alumnado que non participa, adaptando os xogos a outros intereses.

Aquí podedes ver como se divirten xogando ao parchís e ao xadrez!



luns, 27 de maio de 2019

"POLO CORREO DO VENTO" VISITA O NOSO COLEXIO!

O xoves 23 de maio veu ao C.E.I.P. San Martiño o grupo
  "POLO CORREO DO VENTO"

O grupo está formado polo escritor e ilustrador Carlos Taboada, finalista do Premio Merlín 2018 de literatura, e por Enrique Mauricio, Licenciado en Ciencias Políticas, magnífico narrador oral, capaz de crear unha burbulla de poesía e historias ao redor de calquera público. 

Esta é unha das últimas actividades levadas a cabo no centro relacionadas coas Letras Galegas 2019, dedicadas a Antonio Fraguas.

Os nenos e nenas de Educación Infantil e 1º e 2º curso de Educación Primaria, gozaron dunha sesión de contacontos sobre Antonio Fraguas e un taller de debuxo moi divertido. 
A través de Peregrina, unha detective moi especial, descubrimos un montón de cousas sobre Antonio Fraguas: que foi alumno de Castelao, que estudou as nosas tradicións, que foi membro fundador do Museo do Pobo Galego, que  estudou os costumes ao redor do entroido...
Enrique púxolle voz ao conto A detective Peregrina e o insólito "caso de Antón Fraguas", mentres Carlos ía ilustrando a historia! Reclamaban en todo momento a participación do alumnado, mediante a voz, os xestos e  a música!

Para rematar, entre todas e todos, debuxamos a Antón Fraguas, guiados por Carlos Taboada, pasiño a  pasiño, e o máis importante, como din eles:  sen  medo ningún!

Non é a primeira vez que recibimos a súa visita e, coma  sempre, alumnado, mestres e mestras, quedamos encantados!

Facer clic aquí para ver todas as fotografías: POLO CORREO DO VENTO 2019.
A continuación  deixámosvos unha montaxe en vídeo deste día. Esperamos que vos guste!

GRAZAS CARLOS E ENRIQUE! ATA A PRÓXIMA!

xoves, 23 de maio de 2019

CIENCIA DIVERTIDA.

O mércores 15 de maio, os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria convertéronse en científicos, grazas aos talleres de CIENCIA DIVERTIDA que tivemos no colexio.

Pretendemos deste xeito diversos obxectivos como: espertar a curiosidade do alumnado pola ciencia, lograr a aprendizaxe dunha maneira lúdica, maior implicación do alumnado, consolidar aprendizaxe adquirida na aula, entre outros. 

Os experimentos que fixeron foron:
  • O corpo humano como circuíto divertido: electricidade estática e xerador Van de Graaff. O xerador de Van de  Graaff é unha máquina electrostática que utiliza unha cinta móbil para acumular grandes cantidades de carga eléctrica no interior dunha esfera metálica oca. Un dos xeradores máis grandes de Van de  Graaff do mundo foi construído por o mesmo Robert  J. Van de  Graaff en 1931. Os cabelos póñense de punta, xa que todos están cargados negativamente. As cargas do mesmo signo repélense, por iso se encrespan. A electricidade estática está por todas partes! E experimentar con ela non só é divertido, tamén  instrutivo. Podedes experimentar na casa con globos e papeis, é moi sinxelo e divertido para os máis pequenos da casa!  
  • Fabricando Slime ou Blandi Blub..Consiste na realización dunha reacción química na que dous líquidos (bórax e alcohol polivinílico) aumentan a súa viscosidade e transfórmanse nun sólido tipo “slime”, que é unha especie de masilla, un Blandi Blub moderno e caseiro que se pode moldear e personalizar ao gusto do consumidor. Fixemos varios Slimes de diferentes cores empregando diferentes colorantes. Desta maneira tan divertida, comprobamos os estados sólido e líquido da materia.
  • "A agua máxica". Experimento de química. Realización dunha mestura que cambia de cor grazas aos axentes químicos. Nun vaso de plástico botamos auga, unha pizca de sosa cáustica, outra de glicosa e unhas gotas de azul de metileno. Removemos cunha culler e neste momento a solución ponse de cor azul. Se deixamos de revolvela, despois dun tempo, o líquido do vaso descolórase deixando a solución transparente. Pero, podes recuperar a cor azul se a volves a remover; e volvela de novo transparente se a deixas en repouso. Deste xeito, podes facer “maxia” varias veces!


    Pasámolo xenial e aprendemos unha chea de cousas sendo científicos por un día!
    Podedes ver todas as fotografías facendo click aquí. 
       



mércores, 22 de maio de 2019

"O GALEGO É A FÓRMULA".

Un ano máis, o alumnado de Educación Infantil do C.E.I.P. San Martiño, acudiu o xoves 16 de maio ao CORRELINGUA.

Con esta marcha e coas actuacións musicais quixemos visibilizar e reivindicar o uso da lingua galega. O galego non é so un instrumento de comunicación se non tamén, é parte da nosa historia e cultura.
Este ano o lema foi "O galego é a fórmula"!
Luis O Caruncho foi o encargado de presentar este Correlingua 2019.
Fixemos un percorrido polo casco antigo de Pontevedra, completándo-se cunha serie de actos culturais e festivos. 

Este percorrido saíu da Praza da Ferraría, regresando máis tarde á mesma, para merendar e gozar da actuación dun dos grupos gañadores do Cantalingua:Paulinha. Alí bailamos e cantamos! Pasámolo xenial!
Facer click aquí para ver máis fotografías do Correlingua 2019.
Para finalizar este Correlingua 2019,  Carmen e Álvaro subiron ao escenario para recoller un agasallo que nos tiñan preparado: uns contos (que xa forman parte da biblioteca do C.E.I.P.  San Martiño) e un globo!  Moitas grazas! Cando todos os colexios que formaron parte do Correlingua tiveron o seu globo, soltámolos, quedando a Praza da Ferrería deste xeito.
                                       
Deixámosvos un vídeo para que olledes o ben que o pasamos bailando ao ritmo de Paulinha



mércores, 15 de maio de 2019

XORNADAS L-PRODAYS.

O alumnado de 3º e 6º de Educación Primaria, acudiu o 26 de abril ao CUVI, Campus Universitario de Vigo, a unhas xornadas L-Prodays.

Queremos compartir con vos este texto redactado por unha alumna de 3º de Educación Primaria, Mara Gómez Osorio:

JORNADAS L-PRODAYS 

Este viernes hicimos una salida muy interesante. Fue una mañana muy entretenida, ¡el tiempo se me pasó muy rápido! y lo mejor de todo es que me sentía como una universitaria más. 
Durante la visita los alumnos y alumnas de ingeniería nos explicaron muchos proyectos para facilitar la vida de algunas personas. 
Desde pastilleros electrónicos hasta cunas que detectan el llanto de un bebé y se balancean. Pero las que más me gustaron fueron: Ephobia, que eran unas gafas de realidad virtual para superar las fobias; Inlobe, una aplicación para medir la diabetes sin tener que pincharse en los dedos, colocando sólo una pequeña pinza en la oreja que permite verlo todo en el móvil; y la aplicación Auditore que con sólo hacer una foto a la partitura hace sonar la canción. 



Las jornadas L-Prodays en Vigo resultaron muy chulas y sirvieron de mucho aprendizaje. 
Facer click aquí para ver máis fotografías.


martes, 14 de maio de 2019

CHARLAS INFORMATIVAS PARA AS FAMILIAS NO C.E.I.P. SAN MARTIÑO

O martes pasado tivemos unha charla enfocada no desenvolvemento da linguaxe e da comunicación para os pais e nais de Educación Infantil a cargo da mestra de Audición e Linguaxe, Cecilia Lago.

Esperamos que a charla resultase de proveito e agardamos de novo a vosa participación na próxima convocatoria.
Grazas!

domingo, 12 de maio de 2019

QUE BEN O PASAMOS NA "MERENDA CON PAN DE MILLO"!

O venres 10 de maio, o alumnado de Educación Infantil, asistiu ao  Museo de Pontevedra para ver o espectáculo "Merenda con pan de millo"

Co gaio da celebración do Ano da Música pola Área de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra e da semana das Letras Galegas, o Museo de Pontevedra, quixo achegar aos escolares de 3 a 6 anos o patrimonio inmaterial de música e lingua a través da obra de teatro musicalizada Merenda con pan de millo.

“Merenda con pan de millo” é un espectáculo baseado no Libro-disco Pan de millo. Nel combináronse cancións e narración oral, co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor. 

Os nenos e nenas do CEIP San Martiño participaron cantando temas como: “Pan de millo”, “Miña “Abuela Manuela”, “O piollo e a pulga”, “Unha vella tiña un can” e “Que cousa, cousiña é?”.
Pinchando aquí podedes visualizar todas as fotografías e algún vídeo.
Quedaron abraiados co ben que tocaba a banda de pulgas!


ANDAINA POLA SENDA DO RÍO ALMOFREI.

O alumnado de 4º de Educación Primaria realizou unha andaina pola senda do río Almofrei, o luns 6 de maio. 
Esta visita á aldea do Salgueiral e ao espazo natural e fluvial do Almofrei, foi unha gran oportunidade para achegarse á realidade do noso entorno rural de Pontevedra.

A finalidade desta visita foi sensibilizar ao alumnado sobre a importancia de manter a riqueza patrimonial, tando a nivel sociocultural como natural, do noso rural.
Esta actividade é unha iniciativa do Concello de Pontevedra e a Comunidade de Montes do Salgueiral, coa colaboración dos veciños e a dirección técnica de Anias (Xestión e formación sociocultural).
Gozaron dunha divertida andaina pola senda do río Almofrei, onde desenvolveron dinámicas baseadas no coñecemento da contorna natural e patrimonio cultural da zona.  
Ímosvos contar un pouquiño do que fixeron!
Comezaron esta andaina pola senda do río Almofrei, merendaron polo camiño para repoñer forzas e así chegar ata o muíño da Bouza. Aquí fixeron dous grupos, mentres uns quedaban fóra e aprendían a debullar o millo, o outro grupo entraba no muíño para ver como se moía o gran! 
Tiveron que marchar do sitio a fume de carozo porque o pasaron tan ben que nin se acordaron de mirar o reloxo. E claro, chegaron xustiños ao cole! Pero a "culpa" foi de Amelia e Gonzalo, os dous monitores que espertaron en todos eles o interese por repetir esta experiencia coa familia ou con amigos, e que fixeron que o tempo se lle pasase voando! Grazas!

Por certo, nesta experiencia tamén coñecemos a outros nenos e nenas, xa que a compartimos co alumnado de sexto de Educación Primaria do colexio de Lérez.
Para ver máis fotografías, facer click aquí. 

venres, 3 de maio de 2019

O ALUMNADO DE 6º DE EDUCACIÓN DE INFANTIL VISITA PONTEVEDRA.

O xoves,  2 de maio o alumnado de 6º de Educación Infantil foi de visita a Pontevedra

Primeiro merendaron no parque de Campolongo e logo, Roberto, fíxonos unha visita guiada pola Zona Vella, contándonos como era a nosa cidade hai moito tempo, ademais de moitas outras curiosidades.

Querémosvos contar algunhas das cousas que vimos!
Comezamos na Igrexa da Peregrina, alí descubrimos que se fixo copiando a forma dunha vieira!
Seguimos camiñando cara á Praza da Ferrería, onde antigamente vivían os que traballaban deste oficio. Praza da Estrela, onde antes era correos e viaxaban en carros de cabalos, un deles chamábase Estrela e daí o nome da praza. Casa das Caras, caracterizada polos catro bustos renacentistas do século XVI,  que adornan a súa fachada no piso superior, onde descubrimos a Alfonso X O Sabio.
Para ver todas as fotografías, pinchade aquí. 
Continuamos o roteiro pola Praza da Leña, Igrexa de San Bartolomeu e ou seus contrafortes; Praza da Verdura, onde tivo lugar o primeiro mercado da nosa cidade; Praza de Méndez Núñez Fonte dos Tornos. 
Finalizamos o percorrido na Praza da Pedreira ou Mugartegui, onde puidemos ver un reloxo de sol. Esta é a praza máis silenciosa de toda a cidade, pechando os ollos imaxinamos que estabamos na  Pontevedra da Idade Media!
Divertímonos moito coñecendo todas estas curiosidades da historia da nosa Pontevedra!

mércores, 1 de maio de 2019

O ALUMNADO DE 1º E 2º DE EDUCACIÓN PRIMARIA VISITA O ALBERGUE DE PEREGRINOS!

O venres 26 de abril o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria visitou o Albergue de Peregrinos de Pontevedra. 

Tino Lores (Presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués) recibiu aos nenos  e nenas e comezou explicándolles o funcionamento do albergue, púxolles o selo do albergue e inscribíronse no libro de rexistro.
Fixeron un percorrido polas instalacións: comedor, cociña, oficina, lavandería, habitacións, aseos... e probaron as liteiras dos peregrinos.
Finalmente fixeron o último tramo do camiño dos peregrinos cando chegan ao albergue de Pontevedra. 

Para ver todas as forografías, facede click aquí. 
Grazas ao persoal do albergue por recibirnos unha vez máis! 


CONTACONTOS POLA ASOCIACIÓN DOWN PONTEVEDRA-XUNTOS.

O alumnado de Educación Infantil recibiu hoxe, martes 30 de abril, a visita de Óscar e Sandra da Asociación Down Pontevedra Xuntos. 

Contáronnos que a Síndrome de Down é o conxunto de características que se manifestan nunha persoa como consecuencia dunha alteración xenética: a presenza nas súas células dun cromosoma extra no par 21, é dicir, 47 cromosomas en lugar de 46. Estas características inflúen sobre a aprendizaxe e a conduta das persoas coa Síndrome de Down. Con esta visita o alumnado de Educación Infantil descubriu que non hai dúas persoas iguais e que todas as diferenzas nos enriquecen. 

As nenas e nenos disfrutaron de varios contos e dunha curtametraxe relacionados co respecto ás diferenzas.  Gozamos moito desta xornada tan enriquecedora!
Para ver todas as fotografías, facede click aquí. 


Grazas Óscar e Sandra! Voltade cando queirades!