domingo, 29 de maio de 2011
SEMANA DOS OBRADOIROS
Como colofón á "Semana dos Obradoiros" sobre os inventos, pareceunos interesante que todos puiderades comprobar como os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria levaron a cabo a presentación dos seus traballos. Por iso, e a modo de exemplo, a continuación mostrámosvos un vídeo resumo dos talleres realizados sobre o avión e a pila.
sábado, 28 de maio de 2011
xoves, 26 de maio de 2011
No cuarto día da Semana dos Obradoiros foron dous os grupos de 6º de Primaria os que presentaron os seus traballos. O primeiro grupo expuxo un estudo sobre a pila eléctrica (definición, tipos, historia, inventor...) e realizou un taller de elaboración dunha pila voltaica utilizando moedas de 5 céntimos, fieltro e papel de aluminio, coa que foron quen de encender un diodo led. Facendo clic nesta ligazón podedes ver o seu traballo.
Imaxes do obradoiro sobre a pila de Volta (alunm@s de 6º de Ed. Primaria presentan a pila a alumn@s de 4º de Ed. Primaria).
O segundo grupo presentou un interesante traballo sobre o teléfono, coa mesma estrutura que os anteriores (funcións, tipos, evolución, inventor...) e organizou un obradoiro de construción dun teléfono "caseiro", empregando vasos de plástico, corda e palillos. Facendo clic nesta ligazón poderedes ver a súa presentación.
Imaxes do obradoiro sobre o teléfono (alunm@s de 6º de Ed. Primaria presentan o teléfono a alumn@s de 5º e 6º de Ed. Infantil).
mércores, 25 de maio de 2011
Un grupo de alumnos e alumnas de 5º de Primaria presentou un obradoiro sobre o invento do reloxo ao alumnado de 1º de Primaria, que puido así coñecer para que serve un reloxo, as súas partes e como evolucionou ao longo da historia. Para rematar a actividade, todos os alumnos de 1º construíron o seu propio reloxo de area. Facendo clic nesta ligazón podedes ver a presentación que elaboraron.
O outro grupo de 5º de Primaria presentou un traballo sobre o compás (brúxula) ao alumnado de 2º de Primaria: as partes do compás, os seus usos, o inventor e a súa historia; e, por último, un obradoiro de elaboración dun compás caseiro, foron as partes nas que se dividiu a súa exposición. Facendo clic nesta ligazón podedes ver a presentación que elaboraron.
Os alumnos de 6º e 5º de Primaria prepararon varios obradoiros que presentarán ao longo desta semana aos compañeiros de Ed. Infantil, 1º e 2º ciclo de Ed. Primaria.
Todos estes obradoiros constan de dúas partes. En primeiro lugar hai unha parte teórica na cal se fala do invento, da súa evolución ao longo da historia e da biografía do seu inventor. A segunda parte do obradoiro é decididamente práctica e baséase na realización dunha actividade experimental relacionada coa temática que se presenta.
Hoxe, martes 23, @s alumn@s de 6º presentaron os seus traballos sobre dous inventos, a imprenta e o avión, e finalizaron a súa exposición con dous obradoiros de elaboración de selos ou tampóns e dun planeador de papel, respectivamente. Clicando nas seguintes ligazóns poderedes ver as presentacións que elaboraron: imprenta - avión.
Queremos felicitar dende aquí aos nosos alumnos e alumnas de 3º ciclo que prepararon estes pequenos proxectos con tanta ilusión e interese e tamén non esquecernos de agradecer e feliciar a Diego, o seu profesor de informática que dirixiu e coordinou estes traballos. A tod@s a nosa noraboa!!!!
Obradoiro sobre a imprenta ( alunm@s de 6º de Ed. Primaria presentan a imprenta a alumn@s de 4º de Ed. Infantil)
luns, 23 de maio de 2011
sábado, 21 de maio de 2011
Nesta xornada coñeceron o Castelo de Pambre, as torrentes de Mácara de Ramil e participaron nas actividades lúdico-musicais do Día da diversidade natural e cultural.