Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

martes, 25 de xuño de 2019

FESTIVAL FIN DE CURSO 2019

Para rematar este curso 2018/19, o venres día 21 fixemos un festival con todo o alumnado do colexio!
Despedimos o curso con diferentes obras de teatro, cancións..., entrega de orlas para o alumnado de 6º de Educación Infantil e 6º de Educación Primaria e entrega dos diplomas de Ponteciencia.

O alumnado de 4º de Educación Infantil bailou a muñeira "O vello mentireiro".  Ollade o ben que o pasaron!
O alumnado de 5ª de Educación Infantil representou a obra de teatro "Doña Carme". Martina interpretou a Dona Carme e Valeria fixo de narradora mentres actuaban os demáis compañeiros e compañeiras.
O alumnado de 6º de Educación Infantil representou a obra "Imos contar un conto", unha variación do conto "A cebra camila" relacionada co proxecto anual de biblioteca, o Camiño de Santiago. 
Ao finalizar a actuación tivemos a entrega de orlas para este alumnado que o ano que ven pasa para Primaria! Que contentos e ilusionados estaban coas súas orlas! 
O alumnado de 1º de Educación Primaria bailou "A danza do pitiño"
O alumnado de 2º de Educación  Primaria bailou "A pulga na palla de Antonio Fraguas".
O alumnado de 3º de Educación  Primaria interpretou un concerto para vaso e orquestra.
O alumnado de 4º de Educación Primaria representou a obra de teatro "Xuízo no bosque ou soñar non costa nada".
O alumnado de 5º de Educación  Primaria cantou "Eu contigo, ti comigo"
O alumnado de 6º de Educación  Primaria cantou a voces "Si mamaká"
Ao finalizar as actuacións houbo varias sorpresas! A entrega de orlas ao alumnado, unha proxección dun vídeo feito polos nenos e nenas deste curso onde dedicaban unhas palabras aos mestres e mestras e compañeiros, e un fermoso vídeo elaborado pola mestra Fátima con diferentes momentos ao longo destes anos no colexio, retrocedendo na súa infancia. Dende aquí, o profesorado quere desexarvos, unha vez máis, moita sorte nesta nova etapa!
Finalizamos este festival coa entrega dos diplomas de Ponteciencia e dos mediadores de conflitos, un orgullo para o profesorado conseguir por 5º ano consecutivo este 1º Premio!

Parabéns a todo o alumnado! 

A continuación deixámosvos dous vídeos deste día!  Para ver todas as fotografías fadede clic aquí. FOTOGRAFÍAS FESTIVAL CURSO 2019


Actuacións do alumnado de Educación Infantil. 

Actuacións do alumnado de Educación Primaria.

Foi un pracer contar coa presenza das familias! 
Que pasedes un bo verán! 


mércores, 19 de xuño de 2019

PETISCOS DE CIENCIA.

O luns 17 de xuño tivemos no C.E.I.P. San Martiño a segunda presentación sobre actividades STEM, chamadas "PETISCOS DE CIENCIA". 

Coa dirección e coordinación de Diego Fariña, mestre de CCNN, os alumnos e alumnas de 5º curso de Educación Primaria, sorprendéronos con diferentes experimentos. 
Puxemos en práctica de novo o método científico consolidando de forma divertida a aprendizaxe. Petiscos de Ciencia logrou xerar unha vez máis a curiosidade en todo o alumnado, explicando os diferentes experimentos para finalmente chegar todos xuntos a unhas conclusións. 

Algúns dos experimentos que fixeron foron:
  • Inflar un globo sen soprar, coa axuda de vinagre e bicarbonato. Un experimento de química fácil e divertido! Con este experimento aprendemos de forma lúdica sobre as reaccións químicas e os gases.
  • Facer unha fonte cunha botella, un globo e unha  palliña. Experimento de presión do aire. 
  • Levantar un vaso cun globo. Experimento científico usando auga fría e un chisqueiro.
Para ver máis fotografías pinchade aquí: PETISCOS DE CIENCIA. 
Dende aquí queremos agradecer ao mestre Diego Fariña e ao alumnado de 5º curso de Educación Primaria por esta segunda presentación de "PETISCOS DE CIENCIA"!

CONCERTO DIDÁCTICO: Banda de Música de Salcedo.

O C.E.I.P. San Martiño tivo o pracer de escoitar en directo, no salón de actos, á Banda de Música de Salcedo.
venres 7 de xuño, asistiu ao concerto didáctico o alumnado de Educación Infantil, 1º e 2º curso de Educación Primaria e o venres 14 de xuño, o alumnado de 3º, 4º, 5º, e 6º de Educación Primaria.

Comezamos pechando os ollos e imaxinando que iamos de paseo a Pontevedra, ambientando a historia coa música e acompañando o alumnado con palmas!

Foron presentando e clasificando os diferentes instrumentos mentres tocaban unha pequena melodía: o oboe,  o saxofón tocando a canción da Pantera Rosa,...
Alfredo presentounos os instrumentos da familia do vento-metal, explicándonos que necesitan una boquilla para facelos soar; a trompa e os seus cilindros que serven para facer soar as notas; a trompeta, más aguda que a trompa; a tuba máis grave; o bombardino que soa moi grave... e moitas cousas máis!

Para rematar, saíron voluntarios e voluntarias para probar e tocar os instrumentos. 

CANTAS COUSAS DESCUBRIMOS E QUE BEN O PASAMOS GRAZAS Á BANDA DE MÚSICA DE SALCEDO!

EXCURSIÓN FIN DE CURSO: SANTIAGO DE COMPOSTELA.

O mércores 5 de xuño foi de excursión a Santiago de Compostela o alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º curso de Educación Primaria e o martes 11 de xuño, foi o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria.

Quixemos facer esta excursión como a culminación do Proxecto de biblioteca, como xa sabedes, sobre o Camiño de Santiago
Todo o alumnado do centro visitou a cidade de Santiago: con visita guiada ao Pórtico da Gloria da Catedral, Museo das Peregrinacións e visita polo casco vello da cidade no tren turístico!

O alumnado de 4º e 5º de Educación Infantil atopou as súas mascotas da aula (Palmira e Popi) na Praza do Obradoiro. Que alegría levaron ao velas alí rematando o Camiño!
Facer clic aquí para ver todas as fotografías: EXCURSIÓN SANTIAGO DE COMPOSTELA.
Aquí vos deixamos un vídeo destes fermosos días. Esperamos que vos guste. 



luns, 17 de xuño de 2019

TALLER DE COCIÑA: Actividades para aprender e desfrutar.

O xoves 13 de xuño tivemos o pracer de recibir no C.E.I.P. San Martiño o chef Rubén González Vallejo do Cafetín de Pontevedra para pechar o proxecto de biblioteca sobre o Camiño De Santiago co alumnado de Educación Infantil.



A cociña é un marabilloso espazo para aprender xogando. Con este taller o alumnado puxo en práctica diferentes habilidades e reforzaron a aprendizaxe dunha maneira divertida. 
A linguaxe tamén intervén en todos estes aspectos, o cal favorece a análise e comprensión. Ademais, ao ser un taller con todo o alumnado de infantil permitiu que se integraran con compañeiros e compa-ñeiras doutras aulas e vivir así una experiencia enriquedora


Rubén e o seu equipo, ensináronnos e axudáronnos a facer a típica torta de Santiago para finalmente  degustala.  Foi  unha  mañá preciosa!  
Grazas a todo equipo,  voltade  cando  queirades!
Facer clic aquí para ver todas as fotogradías: TALLER COCIÑA


PATRULLAS MEDIADORAS DE CONFLITOS.

No C.E.I.P. San Martiño durante os recreos temos uns grupos de alumnos e alumnas que fan de mediadores e mediadoras de conflitos, dinstínguense dos demais por levar un chaleco reflector

Esta é unha proposta do Departamento de Orientación, a cargo de Montse, a orientadora do centro, a cal levou a cabo sesións de formación para o alumnado voluntario encargado de escoitar os problemas doutros nenas e nenos e de propoñer un acordo entre o alumando implicado.

Os mediadores son alumnos e alumnas de 5º e 6º curso de Educación Primaria. A mediación escolar ten como obxectivo resolver os problemas que xorden durante a convivencia no patio

Na mediación, un compañeiro ou compañeira axuda aos que teñen un conflito para dialogar con ambas partes e atopar unha solución. Desta maneira, os pequenos conflitos non van a maiores e favorece a prevención da violencia escolar, logrando un bo clima durante os momentos de descanso e xogo. 
Así, os pequenos problemas entre o alumnado na maioría dos casos arránxanse pedindo perdón, cun abrazo, xogando xuntos ou con outra proposta dos mediadores e mediadoras. No caso de que non logren chegar a un entendemento interven un mestre ou mestra.

Esta é unha experiencia positiva para os mediadores e mediadoras, xa que é necesario que saiban establecer normas, escoitar, pactar, dar solucións, non xulgar,... entre outras habilidades.

TODOS OS MESTRES E MESTRAS DO COLEXIO ESTAMOS MOI ORGULLOSOS DOS MEDIADORAS E MEDIADORES DESTE CURSO 2018-19! 
PARABÉNS POLO GRAN TRABALLO QUE FIXESTES! 

venres, 7 de xuño de 2019

PREMIOS DO ALUMNADO DO C.E.I.P. SAN MARTIÑO

Seguimos sumando premios para o cole! 

Este ano conseguimos dous premios de FARO DA ESCOLA:

-PREMIO ESPECIAL MELLOR CÓMIC "O CAMIÑO DE SANTIAGO".

-TERCEIRO PREMIO "MELLOR DESEÑO".
Participamos na 4º edición do Faro da Escola xunto con 54 colexios máis e xa están en todas as casas os periódicos que imprimiu Faro de Vigo.

Este ano elaboramos un monográfico sobre "O Camiño de Santiago" que nos serviu para amosar os traballos feitos polo alumnado nas aulas. Dedicamos unha atención especial a banda deseñada e este traballo foi recoñecido co premio especial Faro da escola.
Estamos moi orgullosos do resultado final do periódico.
Esperamos que todos e todas desfrutedes del tanto coma nós.

Ademais, no CONCURSO DE REDACCIÓN DA COMUNIDADE DE MONTES DE SALCEDO,  foron premiados os seguintes alumnos  e alumnas: 

1º PREMIO para Alba Quiroga de 6º de Educación Primaria Uxía Regueira de 4º de Educación Primaria.
2º PREMIO para Joaquín Lima de 5º de Educación Primaria.

A temática desta primeira edición foi "Non queimes o monte, non queimes o teu futuro", no que se presentaron 113 traballos realizados polo alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria do CEIP San Martiño e o CEIP Cabanas. Os premios consistiron nuns vales de compra para libros e material escolar e o acto da entrega de premios contou coa participación da Banda de Música de Salcedo!

A finalidade deste concurso é fomentar a creación literaria en galego e achegar a educación medio ambiental ao alumnado dos centros de ensinanza públicos da parroquia de Salcedo.
Parabéns por estes premios !

xoves, 6 de xuño de 2019

O C.E.I.P. SAN MARTIÑO GAÑADOR DO PREMIO "DIS FRUT ARTE".

Seguimos de celebracións! Esta vez foron os alumnos e alumnas do Plan Madruga os gañadores do concurso DIS FRUT ARTE

DIS FRUT ARTE, é un concurso intercolexial de Arume e Fanpa Pontevedra. Tivo lugar o xoves 30 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Nestas fotografías podedes apreciar a creatividade e imaxinación do alumnado, creando pratos con moita arte coas distintas froitas da tempada.

Parabéns ao alumnado polo seu traballo e grazas ao equipo de monitores e responsables das cociñas de Arume e a Fanpa! 

VISITAMOS O MERCADO MUNICIPAL DE ABASTOS DE PONTEVEDRA.

O xoves 30 de maio, o alumnado de 6º de Educación Infantil visitou o Mercado Municipal de Abastos de Pontevedra

Na ribeira do río Lérez, atópase o Mercado de Pontevedra, un lugar de intensa vida comercial. Reformado fai 16 anos, mantén integramente o seu encanto de mercado antigo coas escalinatas interiores de pedra e decenas de arcos que coroan este espectacular espazo do comercio pontevedrés. 

A finalidade desta visita é ensinarlle ao alumnado o Mercado, o edificio e a xente que traballa nel, pero sobre todo o que os mercados tradicionais supoñen: comercio de proximidade, produtos de calidade, achegando o sector primario aos nenos e nenas.

A actividade consistiu en visitar a planta baixa do Mercado, primeiro andar, parando en diferentes postos de peixe, marisco, carne, queixos... rematando esta visita no espazo infantil O Ganapán, onde lles contaron o conto de "El pez arcoiris". Antes de marchar degustamos un riquísimo paté de mexillón! 
Aquí podedes ver máis fotografías: GANAPÁN 2019.
Grazas a Sandra e Lorena por ensinarnos tantas cousas do noso Mercado de Pontevedra, e a Erundina, Manoli e a carnicería Macario por a súa atención!

Deixámosvos un vídeo deste día. Esperamos que vos guste! 

luns, 3 de xuño de 2019

1º PREMIO EN PONTECIENCIA PARA O C.E.I.P. SAN MARTIÑO!

Por 5º ano consecutivo... 1º Premio Marie Curie por

 "A tensión superficial nos líquidos"


O venres 31 de maio celebrouse Ponteciencia, e o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria estivo  nesta  feira da miniciencia participando nos diferentes talleres e facendo as exposicións de 4 investigacións. Un traballo impecable por parte do alumnado, que outro ano máis,  sorprendeu a todos os asistentes!  Parabéns!

Facer clic aquí par ver todas as fotografías. 
A  Escola de Enxeñería Forestal foi escenario da VI  Feira da Ciencia na que foron presentados entre o vernes 31 de mario e o sábado 1 de xuño, 47 traballos de investigación. A sesión de portas abertas facilitou que os asistentes puidesen coñecer de preto os proxectos e participar nas actividades científicas programadas pola organización.

Pontenciencia ten como obxectivo desenvolver o pensamento investigador. Iníciase a principios do curso escolar cunha charla sobre o método científico para o alumnado e as posteriores investigacións na aula e finaliza coa presentación das mesmas nun no evento final denominado "Feira da  miniciencia".
Queremos deixar constancia do traballo e implicación do profesorado un ano máis nestes proxectos de ciencia: Diego Fariña por organizar e coordinar todos os proxectos presentados; a Fátima Sampayo por colaborar coa presentación e investigación de "Stop, velutinas" e a Patricia Sampayo e Cristina Pérez por serens as primeiras persoas en deseñar un dos proxectos co seu alumando de Infantil sobre a tensión superficial, ampliado e investigado posteriormente polo alumnado de 6º de primaria co seu profesor de Ciencias Naturais.

Estamos moi contentos porque por 5º ano consecutivo o colexio conseguiu o 1º Premio en Pontenciencia!  Grazas a todos!

Parabéns polo gran traballo realizado! 

LETRAS GALEGAS 2019: ANTÓN FRAGUAS.

Co motivo da celebración do día das Letras Galegas 2019, dedicado este ano a Antón Fraguas, traballamos durante estas semanas diferentes temáticas relacionadas con este autor.

Antón Fraguas dedicou a súa vida ao estudo da cultura e do territorio galego en diferentes ámbitos, con especial atención á antropoloxía. Ademais, cos seus traballos contribuiu a defender o idioma propio como lingua de expresión para calquera coñecemento, segundo expresa a RAG.    
Foi historiador, profesor, director e presidente do Museo  do  Pobo  Galego, así como un dos fundadores da  Sociedade de  Lingua e membro das Irmandades da Fala e do Seminario de  Estudos Galegos. Escribiu sobre xeografía e arqueoloxía, pero no campo no que máis destacou foi na cultura espiritual campesiña. As festas e romarías populares, as cantigas, as crenzas e os costumes aparecen nos seus ensaios.

Querémosvos contar no que estiveron traballando os alumnos e alumnas do noso colexio sobre Antón Fraguas! Ademais, cambiamos a decoración das portas das aulas en memoria de Antón Fraguas! Ollade o ben que quedaron!

Nas aulas de Educación Infantil:

4° de Educación  Infantil: fixeron un percorrido polo traxe tradicional seguindo a Antón Fraguas.

5º de Educación Infantil: traballaron cun poema de Antón Fraguas e investigaron sobre o traxe tradicional galego.

 de Educación Infantil: indagaron sobre a vida e obras de Antón Fraguas a través do conto a "Detective Peregrina e o insólito caso Antón Fraguas". 
A decoración da porta desta aula é unha ilustración do homenaxeado feita por Carlos Taboada, ilustrador do libro.


Nas aulas de Educación Primaria:
1º de Educación Primaria: debuxaron embarcacións tradicionais galegas, relacionándoas coa sala adicada ao mar do Museo do Pobo Galego. Tamén estiveron traballando cunha unidade didáctica do Seminario Galán.

2º de Educación Primaria: indagaron sobre o carro e seguen traballando coa obra literaria "O casamento da pulga e a formiga", que cantarán-escenificarán no festival de fin de curso.

3º de Educación Primaria: investigaron sobre o Antonio Fraguas antropólogo, fixándonos nos costumes e curiosidades do Entroido, de aí a decoración da porta coas caretas dos peliqueiros!


4º de Educación Primaria: aproveitaron para falar da relación entre a Festa das Letras Galegas e a RAG.

5º de Educación Primaria: traballaron sobre a vida e obra en xeral de Antón Fraguas, recollendo os datos en libros de lapelas, cos que fixeron un mural para a aula, na porta debuxárono de mozo e puxeron as súas obras.

6º de Educación Primaria: investigaron sobre a figura de Antonio Fraguas como antropólogo, e para ter unha idea máis precisa do que é a antropoloxía, Rafa Quintía, pasou pola súa aula e faloulles do como traballa un antropólogo, apoiándose na traxectoria do autor homenaxeado. Para decorar a porta, xogaron coa imaxe de Antonio Fraguas para intentar facer algo de "Pop Art"!

Aula de inglés: a dorna.
Facer clic aquí para ver as fotografías.