Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

xoves, 28 de marzo de 2019

VISITA RAFAEL QUINTÍA

O mes pasado o alumnado de 6º de Educación Primaria tivo a gran sorte de recibir unha charla a cargo de Rafael Quintía Pereira (antropólogo e historiador) sobre o Entroido. 

Saínza, unha alumna deste curso, quérevos contar alguhas cousas sobre esta interesante visita: 

O ENTROIDO
O xoves 28 de febreiro veu Rafael Quintía Pereira ó colexio, a darnos unha charla sobre o entroido. Comentounos que ó entroido, tamén se lle pode chamar: Antroido, Entruido... Ensinounos moitas fotos e vídeos dos personaxes do entroido. Por exemplo as bonitas, os xenerais do Ulla, os cigarróns, os peliqueiros, os felos, as madamas e galáns, os merdeiros, o oso... Eran moi chulos. Díxonos que os personaxes tradicionais do entroido non se disfrazaban, senón que se vestían. Como os curas, médicos, policías, que non se disfrazan, vístense. 
Logo falou do folión. O folión é un grupo de persoas que saen correr o entroido tocando bombos e ferramentas de labranza. Van percorrendo aldeas sen parar de tocar. Non só existe o rito de entroido de ir vestido, senón que existen outros, como por exemplo: a corrida do galo (que agora está prohibida), guerras de fariña, o xogo das olas... 
Trouxo unha careta de cigarrón, unha zamarra, un bastón e unhas chocas. 
Foi moi divertido e intersante.
Para ver máis fotografías, facer click aquí
Dende aquí queremos agradecer a Rafael Quintía por ensinarlles tantas cousas sobre o entroido ao alumnado! 

luns, 18 de marzo de 2019

"PETISCOS DE CIENCIA".

A semana pasada no C.E.I.P. San Martiño realizamos unha serie de presentacións sobre actividades STEM, ás que chamamos: "PETISCOS DE CIENCIA"

Coa dirección e coordinación de Diego Fariña, mestre de CCNN, os alumnos e alumnas de 6º curso de Educación Primaria, sorprendéronos con diferentes experimentos ao longo de toda a semana. O venres, incluso se animou o alumnado de 6º curso de Educación Infantil , que baixo a coordinación da súa titora, Patricia Sampayo e a axuda de Cristina, a profesora de prácticas, nos mostraron tamén as súas primeiras experiencias coa ciencia.

O método científico é unha forma divertida de consolidar a aprendizaxe, ademais de  desenvolver a creatividade, a iniciativa e agudizar o sentido crítico. Por esta razón, no noso centro,  vimos apostando dende hai uns anos por este tipo de actividades. 

Petiscos de Ciencia logrou xerar curosidade en todo o alumnado, chegando por eles mesmos a unha serie de conclusións e xeneralizacións... 
Algúns experimentos parecían maxia! Pero despois de deixarnos coa boca aberta, o alumnado daba logo a explicación científica, que nos deixaba aínda máis abraiados!!!
Neste cadro podedes ver os experimentos cos que nos deleitaron!
Grazas ao alumnado de 6º curso e aos mestres Diego e Patricia por estes "PETISCOS DE CIENCIA".
 Para ver todas as fotografías, fadede click aquí.
"Dimo e esquézoo, ensínamo e lémbroo, involúcrame e apréndoo".Benjamin Franklin.

venres, 15 de marzo de 2019

SEGUIMOS APRENDENDO COS OBRADOIROS DE HABILIDADES SOCIAIS!

Como xa vos contamos fai uns días, o colexio está ofrecendo ao alumnado obradoiros de habilidades sociais, organizados coa colaboración do Concello de Pontevedra e impartidas por un grupo de pedagogos do mesmo.

O alumnado agardaba con ilusión aprender novas habilidades nos próximos talleres,e... xa fixemos dous mais! 27 de febreiro e este mércores 13 de marzo, impartíronse novos obradoiros en 6º de Educación Primaria

O 27 de febreiro, comezou o obradoiro cunha dinámica de grupo que pretendía completar a da anterior xornada sobre a comunicación, para incidir na realidade de que, para que se produza a comunicación entre dúas ou máis persoas teñen que darse unha serie de premisas ou condicións.
O alumnado, guiado polas docentes, axudou a idear e verbalizar a situación idónea para que unha comunicación teña lugar. É dicir, “ausencia de ruído”, “respecto das quendas”, “ausencia de interrupcións”, “comunicación visual”… Seguidamente, realizaron outras dúas actividades que fixeron ver claramente ao alumnado onde fallaba o proceso comunicativo e que facer para resolver a situación.

O mércores 13 deste mes, o tema traballado foi a autoestima. Realizando de novo dinámicas moi suxestivas e atractivas, para que cada unha das alumnas e alumnos reflexionara con frases e ideas do tipo: sobre un mesmo, como é un, saber no que podes mellorar, sentimentos, coidarse,ou como nos sentimos con nós mesmos.

Resultou todo un éxito, igual que nas anteriores citas, sorprendéndose eles mesmos coas respostas ou resultados aos que chegaban. Toda e cada unha das actividades propostas foron realmente amenas e espertaban a súa curiosidade,  co cal a implicación do alumnado foi total.

venres, 8 de marzo de 2019

DESPEDIMOS CON TRISTEZA AO RAVACHOL.

Este ano, o Ravachol  quixo festexar no noso centro o Entroido Peregrino 2019.
Como xa sabedes, este Ravachol é resultado dun obradoiro feito o día do entroido, e o pasado xoves 7, despedímolo entre bágoas!
Foi para nós unha honra e un orgullo telo no San Martiño. Ravachol peregrino, quixo facer o Camiño de Santiago connosco e desfrutar cantando e bailando cos nenos e nenas desde centro.

Pero a desgraza quixo unha vez máis levarnos a Ravachol…Nestes días de frío e choiva, de tanto corretear e bailar polas rúas, mollou as plumas, colleuno o frío e a súa delicada  saúde non  puido resistir!!
Rematou o entroido! Rematou a vida do noso papagaio peregrino! 
A profe María  bendeciu ao noso querido Ravachol e despedímolo ata o ano que  vén.



Estas son as palabras que lle dedicamos entre todos:
Ravachol…
Para que sempre veñas a  pasalo ben a San Martiño de Salcedo!
    Todos: Ravachol,  Ravacholiño…
               Non te perdas no camiño.
Para que non te esquezas de que deixas aquí unha chea de amigos e amigas!
                Ravachol,  Ravacholiño…
               Non te perdas no camiño.
Para que os cocidos e as filloas non che falten da barriga!
                Ravachol,  Ravacholiño…
               Non te perdas no camiño.
Para que o ano que vén, bailes e cantes tamén!
                Ravachol,  Ravacholiño…
               Non te perdas no camiño.

Para ver todas as fotografías, facede click aquí.


martes, 5 de marzo de 2019

O ENTROIDO CHEGA AO C.E.I.P. SAN MARTIÑO.

O venres 1 de marzo, todos os nenos e nenas do  C.E.I. P. San Martiño celebraron con moito entusiasmo o entroido

Foi unha celebración de todo o centro cos obxectivos de ter un día divertido, de convivencia e de aprender un pouco máis sobre o noso proxecto anual que se está levando a cabo no colexio, o Camiño de Santiago. Por este motivo, o alumnado disfrazouse de peregrino realizamos unha serie de obradoiros relacionados co proxecto, nos que traballamos de maneira cooperativa, desenvolvendo a imaxinación, a creatividade e o compañeirismo.

Para levar a cabo estes obradoiros repartimos ao alumnado un medallón dunha determinada cor. Todos os equipos estaban formados por alumnado de todas as aulas, unha vez formados os 8 equipos distribuíronse en 8 aulas diferentes polas que foron rotando ao longo da mañá. 
Cada unha destas aulas tiña deseñado un obradoiro para que o alumnado gozase do entroido dun xeito diferente, foron os seguintes:

-"Buscando o tesouro", que tivo lugar no patio do colexio.
-"Mochilas no camiño", onde realizaron diferentes xogos nos que o alumnado debía facer a mochila de peregrino.
-"O descanso do peregrino". Visualización dun powert point con diapositivas e un vídeo sobre o peregrino.
-"As camisetas do Camiño", neste obradoiro debuxaron unha cuncha de vieira nunhas camisetas de cor branca (que trouxeran previamente). Levarémolas postas na excursión a Santiago de Compostela!
-"Música para peregrinar", no que tocaron un folión coa profesora de música.
-"As cunchas do peregrino". Decoración e explicación de diferentes elementos do Camiño de Santiago. 
-"Tinta invisible", no que pintaron con tinta invisible e con diferentes técnicas mensaxes secretas.
-"O Ravachol peregrino", onde fixeron as plumas para poñerlle ao Ravachol, que será incinerado á volta de vacacións.
Puidemos admirar a creatividade dos disfraces! Mesmo algún onde puidemos ver nunha capa de peregrina a Palmira (a mascota da clase 3 anos) no seu percorrido polo Camiño de Santiago.  
Que disfraces máis chulos e divertidos! Para ver todas as fotografías, pinchade aquí.
Despois destas actividades comemos sobremesas típicas do entroido e bailamos con música no patio. 
Deixámosvos un vídeo cos diferentes talleres. Esperamos que vos guste!