VISITA AO IES TORRENTE BALLESTER
A transición entre as distintas etapas educativas debe ser un proceso, non un cambio. Nesta transición, o alumnado experimenta medos, dúbidas, desorientación… Así, para que esta adaptación á nova situación se desenvolva de forma positiva, é necesaria unha colaboración, coordinación e comunicación dos centros de Educación Primaira cos Institutos do municipio, sendo primordial o apoio e implicación das familias.
Para afrontar estes cambios, o alumnado de 6º de Educación Primaria, fixo unha visita ao IES Torrente Ballester. Queremos contarvos esta experiencia!
Ao entrar no IES, recibiunos o director, David Castro, e acompañounos á primeira aula que íamos visitar, a aula de música.
Aquí, puidemos tocar varios instrumentos de percusión e o piano. O alumnado do IES sorprendeunos cunha sinxela melodía, onde posteriormente algún alumno e alumna do centro animouse a participar.
Neste vídeo podedes escoitar un anaco da canción:
Continuamos coa visita aos laboratorios de física e química e a aula de tecnoloxía, onde puidemos ver os proxectos que realiza o alumnado dos diferentes cursos do instituto, incluso probamos o ben que funcionaban!
Despois, na aula de informática o director comentounos que o alumnado de 1°da ESO non a ía usar moito, xa que están no programa Edixgal e cada alumno e alumna ten o seu propio ordenador portátil.
Visitamos unha das aulas de 1° da ESO, o alumnado estaba na clase de matemáticas. Tamén coñecemos o pavillón polideportivo e o salón de actos, onde atendemos ás explicacións do director e respondeu ás cuestións que inquietaban aos alumnos e alumnas sobre o funcionamento do centro.
Finalizamos esta interesante e necesaria visita na biblioteca, onde a xefa de estudos fixo unha presentación polo miúdo sobre os estudos que se imparten no instituto, incidindo nos primeiros cursos da ESO.
Queremos dar as grazas ao Instituto por un agasallo que nos fixo moita ilusión! Un conto de María Victoria Moreno, ilustrado polo alumnado do IES, para cada alumno e alumna e tamén para a biblioteca do cole!
Antes de marchar, sacamos unha foto de grupo no exterior do centro e visitamos o patio cuberto, onde nos refuxiaremos os días de choiva.
|
Para ver máis fotografías, fadede click aquí. |
Desde o Ceip San Martiño, queremos garantir un bo proceso de transición entre estas etapas, polo que, mantemos a comunicación entre o profesorado do centro e dos institutos. A coordinación entre ambos centros é un aspecto clave para que o noso alumnado supere con éxito a incorporación a esta nova etapa.
Coma sempre, quedamos á disposición das familias para calquera dúbida.