Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

xoves, 28 de febreiro de 2019

VISITAMOS O TEATRO E O CAFÉ MODERNO DE PONTEVEDRA.

O mércores 27 de febreiro o alumnado de 1º e 2º curso de Educación Primaria acudiu ao Auditorio de Afundación para desfrutar dun concerto teatralizado do grupo Mamá Cabra. Finalizaron esta saída coa visita ao Café Moderno. 

Mamá Cabra,
coa obra de teatro “Eu cociño, ti cociñas”, sorprendeu e enganchou ao alumnado aos seus pegadizos sons e a unha historia onde a cociña foi a protagonista.
Os nenos e nenas do C.E.I.P. San Martiño, cantaron e coñeceron receitas que poderán elaborar nas súas casas coa axuda dos seus familiares. 
Unha proposta innovadora, onde a alimentación saudable se converte no medio perfecto para traballar aspectos curriculares. 
Despois, visitaron o Café Moderno, onde coñeceron algo mais da historia de Pontevedra e dos personaxes que frecuentaban este emblemático lugar, como Perfecto Feijóo, Castelao, ou o violinista Manuel Quiroga. O alumnado descubriu coas trasnadas do Ravachol a importancia do Café Moderno na vida cultural de principios do século XX, lugar onde se facían os faladoiros.
Finalmente, decoraron uns antefaces do Ravachol que levaron de recordo desta interesante visita-obradoiro. 
Facer click aquí para ver máis fotografías.


SABEDES POR ONDE ESTIVO ORBIL O LUNS 25 DE FEBREIRO?

 Visitando o  C.E.I. P. San Martiño!

Que  ben o pasamos dando apertas a Orbil, a mascota  do Salón  do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, un lobo  moi divertido e agarimoso que le moitos contos. Así, a espera para a  nosa visita o Salón  faise  máis  levadeira! 
Esta visita de Orbil está enmarcada dentro de diferentes actividades que estamos a levar a cabo no centro co motivo do Salón, tendo como eixo central "a revolución das mulleres".
Fixeron  moi  boas migas!
Para ver máis fotografías facer click aquí.
Moitas grazas amigo! Vémonos pronto no Salón do Libro!

sábado, 23 de febreiro de 2019

LIBRE O MEU PENSAMENTO!

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), convidaron á comunidade educativa á implicación de forma activa na celebración do Día de Rosalía de Castro que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.

O 24 de febreiro, é o día fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora. Así, dende o C.E.I.P. San Martiño, queremos conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. 
Por este motivo, o venres 22 realizamos no colexio un acto con música e lecturas de textos da escritora galega.

Nos días previos realizamos entre todo o alumnado do centro este mural titulado "O XARDÍN DE ROSALÍA". Os nenos e nenas traballaron diferentes textos da autora galega, reflexionando sobre a vixencia do amplo abano de inxustizas sociais, incluída a situación da lingua galega, presentes na obra de Rosalía de Castro. Para facer este mural, o alumnado escribiu diversas poesías de Rosalía nas flores, para compoñer así este xardín tan fermoso exposto na entrada do noso centro! 


O venres, realizamos unha Mani-FESTA-acción simbólica arredor de tres poemas escollidos polo alumnado. 
Os poemas recitados foron os seguintes: 
curso de Educación Primaria: "Na Catedral".
curso de Educación Primaria: "Miña casiña, meu lar".
curso de Educación Primaira: "Campanas de Bastabales".




Para finalizar esta homenaxe a nosa poeta galega, cantamos todos xuntos "Adiós ríos, adiós fontes" interpretada polo compositor e cantante Amancio Prada. Facendo click aquí podedes ver toda a reportaxe fotográfica.
A continuación deixámosvos un vídeo da homenaxe de Rosalía. Esperamos que vos guste!





venres, 22 de febreiro de 2019

UNHA VISITA MOI ESPECIAL NO CEIP SAN MARTIÑO.

Este mércores 20 de febreiro, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria recibiu unha visita moi especial: o escritor e ilustrador ANXO FARIÑA

Anxo Fariña visitou o noso colexio da man do Faro de Vigo. O obxectivo principal da visita foi achegar ao alumnado a súa obra e ensinarlles a súa faceta de ilustrador e escritor. Os nenos e nenas traballaran na clase previamente coas distintas coleccións como "Megatoxos" ou "Pelelliños", investigando sobre a súa biografía. 

Faloulles de forma moi próxima sobre os seus comezos como escritor, facendo unha demostración do fácil que pode ser ilustrar unha historia partindo de algo tan sinxelo como unha caixa de cartón. Contoulles que para él, o importante é que os seus debuxos expresen sentimentos, de aí a súa sinxeleza.
Moitas veces, ao finalizar a lectura dunha obra, xórdennos dúbidas e curiosidades que soamente o propio autor podería desvelar. O alumnado tivo a gran oportunidade de resolvelas nunha rolda de preguntas!


Despois desta agradable charla, Anxo Fariña asinoulles os libros para que o alumnado levase un bonito recordo deste encontro. Así, moitos nenos e nenas quedaron con ganas de ler máis obras deste autor, facendo desta maneira, que a Bibliotca cumpra co seu papel de promover o gusto pola lectura
Que ben o pasamos! Volve pronto, Anxo!

xoves, 21 de febreiro de 2019

CONVERTÉMONOS EN PEREGRINOS!

O alumnado de Educación Infantil do C.E.I.P. San Martiño visitou o mércores 20 de febreiro o albergue de peregrinos Virxe Peregrina de Pontevedra, facendo previamente un anaco do Camiño  Portugués. 
Esta saída está contextualizada nun proxecto anual que se está levando a cabo no centro sobre o Camiño de Santiago. 
Comezamos a saída no parque infantil de Campolongo, onde merendaron e se divertiron xogando todos xuntos.
Despois de repoñer forzas, fixeron un anaco do Camiño Portugués. 

Ao chegar ao albergue recibiunos Tino Lores (Presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués) e unha hospitaleira. Comezaron explicándolles os requisitos para poder aloxarse no albergue, selaron as credenciais de peregrino e inscribíronse no libro de rexistro do albergue, asinando eles mesmos. Despois, visualizaron un vídeo da nosa cidade por onde pasa o Camiño.


O alumnado descubriu o valioso que resulta para o peregrino este aloxamento, e os servizos que lles ofrecen a través dunha visita guiada polas intalacións: comedor, cociña, oficina, lavandería, aseos, habitacións…Incluso  fixeron que durmían no albergue! 







Grazas ao persoal do albergue por esta inesquecible visita, que era para moitos nenos e nenas a súa primeira excursión!

Agardamos con ilusión a visita de Tino Lores ao noso colexio para seguir aprendendo máis cousas sobre o Camiño de  Santiago.
Para ver toda a reportaxe fotográfica pinchade aquí.



venres, 15 de febreiro de 2019

ENCONTRO CON BEGOÑA VILA

O luns 11 de febreiro o alumnado de 3º e 6º de Educación Primaria participou nun encontro con Begoña Vila, co obxectivo de celebrar o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Begoña Vila, é unha enxeñeira astrofísica que traballa na NASA, e é a encargada de controlar o telescopio espacial James Webb, o sucesor do "Hubble" que será enviado ao espacio no vindeiro 2019.

A comunicación con Begoña Vila foi por videoconferencia dende Washington, nunha pantalla no Salón de actos do Pazo da Cultura.
Entre outras cousas, fíxolles reflexionar, a través dunha gráfica, sobre a realidade dos traballos que desempeñan as mulleres (baixo porcentaxe de altos cargos). Explicoulles a súa labor como enxeñeira nun centro de voo espacial, e do telescopio James Webb no que está a traballar.
Finalizaron este encontro cunha rolda de preguntas que o alumnado tiña preparadas.
O alumnado foi resolvendo moitas das dúbidas e curiosidades da man de Begoña. Sen lugar a dúbidas, unha experiencia gratificante para todos e cada un deles!
Pinchando aquí podedes visualizar todas as fotografías.


domingo, 10 de febreiro de 2019

OBRADOIROS DE HABILIDADES SOCIAIS NO C.E.I.P. SAN MARTIÑO

O CEIP San Martiño ofrecerá a partir deste mes obradoiros de habilidades sociais para 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. Son organizados coa colaboración do  Concello de Pontevedra e realizaranse en cinco sesións, ao longo dos vindeiros tres meses. Son impartidas por un grupo de pedagogos do Concello.

Este pasado mércores día 6, impartiuse un deles en 6º de Educación Primaria: comezou o obradoiro cunha dinámica de grupo, para incidir na realidade de que, aínda que parece que nos coñecemos pola convivencia diaria, pode que algúns aspectos de cada un de nós pasen desapercibidos para o resto. Resultou todo un éxito, ás veces sorprendíanse eles mesmos coas respostas, pois non sempre foron quen de atinar co nome da compañeira ou compañeiro que estaba detrás desas actividades.
A segunda dinámica que propuxo a pedagoga foi, se cabe, aínda máis interesante, pois pretendía demostrar como non se chega a producir unha comunicación plena se a situación non é propicia. Foi realmente divertido! Decatáronse do complicado que pode resultar comunicar ou expresar algo e conseguir ser realmente comprendido.

O alumnado agarda con ilusión aprender novas habilidades nos próximos talleres!! 

Para acceder as fotografías pinchade aquí: OBRADOIROS.


domingo, 3 de febreiro de 2019

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ!

O mércores 30 de xaneiro celebramos todos xuntos o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia.
Pretendemos fomentar no alumnado coñecementos e actitudes que nos conduzan cara a sociedades máis tolerantes e empáticas, onde primen valores de respecto, cooperación, solidariedade, igualdade entre mulleres e homes, desenvolvemento dos dereitos humanos, entre outros. 
Por iso, estes días fixemos unha serie de actividades, como son: elaborar pombas e marcapáxinas de contos relacionados coa Paz, decorar as portas das aulas, aprender poemas de Gloria Fuertes, etc.
O propio día da Paz, fixemos Contacontos nas aulas, demos "abrazos gratis" e cantamos todos xuntos unha canción. 

En cada aula contouse un conto, e nos días previos, profesorado e alumnado decoraron as súas portas con imaxes do mesmo. Cada neno e nena, foi visitando as diferentes portas das aulas e escollendo o conto que quería escoitar o día da Paz.

Os contos a elixir eran os seguintes: 
   4º Educación Infantil: De que cor é un bico?
   5º Educación Infantil: Hoy no juegas.
   6º Educación Infantil: Imagine.
   1º Educación Primaria: Jaime de cristal.
   2º Educación Primaria: La guerra de los números. 
   3º Educación Primaria: El enemigo.
   4º Educación Primaria: Malala. Temos dereitos.
   5º Educación Primaria: El hombre de la luna.
   6º Educación Primaria: A visita dos troles. 
   Aula de inglés: El Rey que quería un amigo.


Tanto o profesorado como o alumnado gozou moito desta actividade acollendo a alumnos e alumnas de diferentes idades e compartindo un momento agradable da lectura nun día especial. Sen dúbida, unha gran experiencia para todos!

Para finalizar este día, cantamos todos xuntos no salón de actos a canción "Hecho con tus sueños" de Maldita  Nerea. 
A continuación podedes ver un vídeo das diferentes actividades e da canción.

Para ver toda a reportaxe fotográfica, fadede click na palabra PAZ.

O día da Paz, ten que estar cada día no centro, durante todo o curso, por iso seguiremos traballando cada día para logralo!!!