Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

luns, 19 de decembro de 2016

CONCURSO ESCOLAR LITERARIO E DE EXPRESIÓN PLÁSTICA

   Coincidindo coa celebración do "Ano Castelao", a área de cultura A.V. Salcedo Norte convocou un concurso escolar literario e de expresión plástica ao alumnado dos colexios da Parroquia de San Martiño de Salcedo.

 O pasado sábado a Asociación de Veciños Salcedo Norte, celebrou na súa sede,  a entrega de Premios do Concurso  Escolar Literario e de Expresión Plástica sobre Castelao.
   Os alumn@s galardonados foron os seguintes:


- CONCURSO  ESCOLAR  LITERARIO  (Alumnado/a de 5ª e 6ª de E.P)
   
           1ª  PREMIO:  Javier Rodríguez Celemín
           2ª  PREMIO:  Raquel García García
           3ª  PREMIO:  Carolina Abril  Alonso Gómez

- CONCURSO  ESCOLAR  DE  EXPRESIÓN  PLÁSTICA  ( Alumnado/a de 5ª e 6ª de E.P)

        1ª PREMIO: Selena Rodríguez Gónzalez.
        2ª PREMIO: Noa  Pereira  Cerdeiras.
        3ª PREMIO: Sara Luisa  Pazos Cuartas.














martes, 6 de decembro de 2016

DE MAIOR, QUERO SER BOMBEIRO.....

A pasada semana os nosos pequenos de 1º e 2º de Primaria, visitaron as instalación dos Bombeiros. A visita resultou moi emocionante para todos.
Pincha no seguinte enlace para ver a reportaxe: BOMBEIROS

martes, 22 de novembro de 2016

VAIA CASTAÑADA!!!!
Un ano máis divertímonos e comemos castañas polo Magosto....

Este ano foi o mesmo día de San Martiño... Que maneira mellor de celebralo!!!!!
Coma sempre asamos castañas, xogamos a moitas cousas e todo discurriu ben... Menos mal que non choveu!!! Máis de un mirada de cando en vez cara ás nubes..., pero ao final portáronse como se esperaba...
Dende aquí felicitacións unha vez máis ao alumando de 6º de Primaria que fixeron de monitores e monitoras nos xogos que se organizaron. Disque tiveron algún problemiña que outro, e é que certamente iso de ser profesor/a seica non é tan doado como parecía......
Por se lle apetece a alguén recordar, podedes pinchar na palabra MAGOSTO e ver una reportaxe gráfica que deixamos aquí para o recordo....
 

domingo, 30 de outubro de 2016

AI, QUE CABAZAS!!!!! NON TE RÍAS, CORRE...

E non podían faltar a exposición de cabazas no noso Cole polo Samaín.
Este ano, coma sempre, as familias colaboraron para poder ofrecer aos nosos alumnos esta maravilla, que entre medo, curiosodade e admiración é sempre tan ben recibida por todos e todas. Grazas familias!!!!!!!
Aproveitamos para agradecer tamén a ANPA do centro a súa implicación, organizando un Obradoiro o xoves pola tarde, para todas aquelas familias que quixeron compartir un momento de lecer, baleirando a súa cabaza...
Por último, o noso agradecemento e forte aperta para o avó de Mariño de 2º de Primaria, que obsequiou ao centro cunha "Señora Cabaza", que rapidamente convertemos na raíña da exposiciónm e que podedes ver nesta imaxe.
Se vos atrevedes a ver toda a exposición, pinchade neste enlace:   CABAZAASSS!!!
 
UNHA DE  MEDO POLO SAMAÍN....!!!!!!
...E chega o medo no día do Samaín....
Inda que resulte díficil de entender,  o curioso é que un dos días do ano no que  máis nos divertimos,  é xustamente o día que máis medo nos fan pasar... En verdade non é para menos: este ano os profes do Cole dispuxéronse, un ano máis, a escenificar unha de medo, medo, medoooo!!!! ( Grazas profes polo voso esforzo e por ese ánimo incombustible...!!!!!!! ).
Pero ao final, rimos tanto que xa non sabiamos se o conto era de medo ou de risa... jajajjajajaj
Aquí vos deixamos unhas imaxes da posta en escena do conto: O PAPÓN....
Para ver máis, pincha AQUÍ
 
CONTADOR QUE ME CONTAS...
Un ano máis e co motivo da celebración do Días das Biblitoecas Escolares, oraganizamos a catividade de "Contador que me contas..." , na cal os maiores do colexio, contan, escenifican e recrean contos populares aos máis pequenos. Ao longo desta pasada semana, nas sesións da Hora de Ler o alumnado de 4º,5º e 6º entretivo aos seus compañeir@s cos contos de sempre, pero coa gracia, a motivación e todos os arreglos  que cada ano improvisan e innovan para os máis pequenos...
Se queres ver máis, pincha AQUÍ.

xoves, 6 de outubro de 2016

APOSTANDO POLAS NOVAS TECNOLOXÍAS COS MÁIS PEQUENOS....

Neste curso escolar 2016/17 incorporamos dous novos proxectos:
 Robótica, en Ed. Infantil: co traballo en equipo ,iniciaranse na programación e desenvolverán o pensamento lóxico, lateralidade, secuenciación de accións, motricidade fina...co robot PRO-BOT e ROBOTIX PETS, contando co sofware Probotix e xogos como Osmo Coding e Beebot no Ipad.
 Scratch, unha linguaxe de programación para 2º de Primaria, coa que desenvolverán as competencias lingüística, matemática e tecnolóxica, baseado nunha metodoloxía de aprendizaxe cooperativa.
Os medios de comunicación xa se fixeron eco desta iniciativa. Por iso o pasado venres, no FARO DE VIGO aparece unha ampla entrevista sobre o tema e anteriormente PONTEVEDRA VIVA tamén adicou unha entrada a esta actividade innovadora e pioneira en Galicia


xoves, 29 de setembro de 2016

UN PRIMEIRO DÍA DE ESCOLA MOI ESPECIAL


Como todos sabemos, e cando digo todos refírome a nais, pais e nenos, que os nervios de principio de curso son malos conselleiros.
Pois eu, ás  sete e media, un día antes da escola, estaba coma unha moto: correndo, brincando, pensando no día seguinte… e volta a correr e a brincar. Xa vos dixen, coma unha moto.
Cando acabei de cear e me metín na cama non podía cos nervios, que se volta para aquí,  que se volta para alá. Ben, ao final  quedei durmido ás once e media.
Ao día seguinte levanteime, vestinme, almorcei e ZÁS! Acordeime de que era o primeiro día de escola! Rapidamente terminei de preparar a mochila, púxenme os zapatos e saín da casa coma un raio.
Ao chegar ao colexio encontreime con todos os meus amigos e empezamos a falar das nosas vacacións. Nun momento tocou o timbre e alí nas escaleiras dixéronnos quen ía ser o noso profesor. O noso curso, 6º de primaria, foi o primeiro en subir.
Entramos e decatámonos de que todo estaba cambiado … e para mellor! Subimos á segunda planta e entramos á nosa nova clase. Na aula, as cadeiras tiñan postos os nosos nomes e fomos sentando.
Despois de estar falando un bo anaco de todas as cousas importantes dun primeiro día de cole, déronnos o notición: cada ano o alcalde visita un colexio para inaugurar o curso escolar, e este ano tocounos a nós, xusto cando estamos en sexto e somos os maiores!
Como a maioría de nós non o coñeciamos (algúns nin lle sabían o nome!), decidimos buscar información para preparar un pouco a visita… e foi xusto nese momento cando chegou a directora acompañada da profe Lola, o alcalde e uns fotógrafos.
Falamos e fixemos moitas preguntas, desde por que quixo ser alcalde, ata cantos anos tiña. Ademais contounos cousas como, por exemplo, que ía viaxar a Francia para presentar o proxecto de cidade de Pontevedra.
Foi moi divertido porque nunca tiveramos a oportunidade de falar cun alcalde tan detidamente. E logo, o que  non podía faltar, foto de grupo con el. Despois despediuse e marchou.Cando se foi, felicitáronnos polo noso comportamento.
No patio botamos un partido moi intenso, o meu equipo perdeu pero paseino ben.

En resumo, a todos nos da tristeza dicirlle adeus ás vacacións, pero cremos que este pode ser o mellor curso da nosa experiencia no “San Martiño”.        alumnado de sexto     
Para ver máis, pincha en FOTOS
BENVIDOS AO CURSO 2016/17

Benvidos ao  novo curso 2016-17!!!!!!
  Esperemos que veñades cargados de ilusións  e moitas ganas de descubrir as sorpresas que vos agardan. Podemos dicir que este ano o colexio  empeza  coa cara lavada. Por fóra  laváronlle as paredes. E por dentro, un equipo do profesorado encargouse desinteresadamente de decorar e acondicionar o vestíbulo. Esperemos que vos guste e que vos sintades cómodos.

Moito aniiiimo!!! E moitas  ganas de ser feliz aprendendo novas cousas.
Para ver máis pincha enriba de FOTOS.

martes, 28 de xuño de 2016

Texto gañador do II Concurso Literario Salcedoteca

UNHA HISTORIA DIFERENTE

Todo comezou na base do C.S.M.M.M. (Club Secreto dos Malos Malísimos da Morte). Neste club, estaban todos os malos de películas, series, libros, cómics... en fin, xa me entendedes, TODOS, dende os máis coñecidos (Dark Vader ou Maléfica) ata os menos coñecidos (Rei Xeo ou Mandrake). O club, fora creado había moitísimo anos, co fin de dominar o mundo..... e todo iso que queren os malos. Pero, estaba claro, que ese, non era o seu único fin, tamén querían vinganza.

A base secreta estaba..... non sei, era secreta. Pero nela, discutían todo tipo de temas como por exemplo: novos ataques ou misións, novos membros do club... Pero o tema máis discutido, sen dúbida algunha, era, o de quen debería ser o xefe, algúns, dicían que debería ser Maléfica, xa que fora a creadora do club, pero outros, opinaban que debería ser malo máis forte; Dark Vader, o lobo de Carapuchiña ou outros máis. Pasábanse todo o día discutindo, mellor dito, toda a noite, que era cando traballaban mellor, e perdían moitísimo tempo que podían aproveitar para atacar algunhas zonas.

Eh... ben, se hai un ``Club dos Malos´´, por que non un dos bos?, preséntovos, o C.B.N.S.G. (Club dos Bos Non tan Secreto como lles Gustaría). E... é obvio, neste club, estaban todos os bos de series, películas...BLA, BLA, BLA.... Xusto o que dixen antes, pero nos bos. Este club creárase despois de que A Bela durminte espertase. Ó principio, non tiñan ningún fin nin nada diso, pero cando comezaron a recibir novos ataques, puxeron de obxectivo, derrotar ós seus inimigos dunha vez por todas.

Estes tamén tiñan unha base ``SEGRETA´´ aínda que... non era tan secreta, todo o mundo sabía onde estaba. Nesta base tamén discutían temas variados pero estes, non deliberaban o do xefe nin nada diso. O club, estaba liderado pola Fada Madriña, e ninguén, o quería contradicir.

Ben, vasta de presentacións e que comece a historia de verdade:

Maléfica, estaba que metía medo, e os seus cómplices... tamén. Acababan de perder unha batalla, e a Fada Madriña (Coñecida no club como Madri), conseguira un territorio amado por Maléfica: O seu bosque encantado, e, coma si se tratase do seu propio castelo, Maléfica, quería recuperalo. Así que encargoulle a Dark Vader o traballo de reconquistalo.

Era un traballo moi difícil xa que, o exército que conseguira o bosque encantado, era, nin máis nin menos, que, o de Luke Skywalker: o seu inimigo supremo. Pero Vader, non se rendeu, loitou nun cara a cara con Luke e... perdeu!! Xa vos imaxinaredes o castigo que lle caeu: el e seu exército, foron os encargados de sacar brillo ás armas dos demais exércitos do club durante tres meses!

Esa mesma noite, celebrouse unha festa en honor a Luke, organizada por Madri. Na festa, houbo de todo, comida, bebida e incluso un mago e un pallaso. Pero o que non sabían era que Maléfica non se rendera: Mandara a Mandrake á festa, coa misión de estropeala. O seu exército foi para alí pero... será mellor que non o conte porque, perdeu: batalla por aquí, pelexa por alí pero... nada. Unha derrota tremenda.

Por iso, Maléfica, púxose máis furiosa aínda. Nas seguintes sesión de reunión do club, so pensaba en facer unha nova batalla, pero esta vez, non sería unha calquera: PARTICIPARÍA TODO O CLUB!! Dende os máis fortes, aos máis débiles, dende os máis grandes, ata os máis pequenos.

Pasáronse meses e meses organizando o plan perfecto. E por fin chegou o día: o solsticio de inverno. Era a noite máis longa do ano e así, tiñan máis tempo para atacar. O día, transcorreu coma outro calquera; Maléfica xa estaba case preparada: os últimos meses estivera recrutando a outros “xenios do mal” para A gran batalla.

Despois de recrutar a todos os que puido, formaran exércitos tan amplos coma campos de fútbol, cos que máis tarde, tiñan pensado vencer ó club inimigo.

Todo estaba listo; o plan, os exércitos e incluso a hora el o lugar exacto da batalla; realizaríase nas portas da sede do club dos bos.

Ese día, segundo lle dixera un espía a Maléfica, realizaríase unha reunión no club e remataría coa posta de Sol. Maléfica, decidira atacar a esa hora porque, na reunión, ninguén ía levar armas (ou iso cría ela) e por iso o máis probable era que eles ganasen.

Eh... ben, como xa dixen antes, os bos tiñan unha reunión. Nesa reunión, falaran un montón de temas, incluso discutiran a que colexio ía ir a filla de Brancaneves ou sexa que, imaxinádevos.

E por onde ía.....?? A si! quería engadir ademais que, o plan de Maléfica era “xenial”; coma xa se demostrara en batallas anteriores, hai certos exércitos que, ante os da Fada Madriña, non poden ganar. Quero dicir, o exército de Dark Vader, nunca vai gañar ao de Luke Skywalker e, Cruella Devil, nunca ganará aos 101 Dálmatas. Pero, niso, non reparara Maléfica e por iso no seu plan, todo ía ser coma sempre:

Lobo vs. Carapuchiña e os 3 porquiños, Sombra vs. Sandy, Jack, Fada dos Dentes e Santa Claus.... o de sempre.

Era un plan nefasto e que non tiña nin sentido nin saída, era unha táctica malísima.

.............................................................................................................

E por fin a batalla comezou, xa rematara a reunión “sen armas” e todos os “malos”, estaban xa esperando na porta da Base “Secreta”.

Nada máis saír da reunión, todos os participantes, pararan a recoller os seus abrigos, a coller os seus bolsos, o seu material da reunión e, claro está, as súas armas. Saíron pola porta principal e...... alí estaban, todos os exércitos de Maléfica ao completo.

Aínda que lles pillou por sorpresa, souberon reaccionar e en uns segundos, xa estaban todos listos para atacar; A Fada Madriña; coa súa variña, Luke Skywalker; coas súas espadas, e o resto dos exércitos, coas súas propias armas.

Para Maléfica, foi un golpe duro xa que, ela non esperaba que tivesen alí todo preparado e, sen dubidalo nin un segundo, púxose na defensiva.

─Atacade todos á vez, non nos votedes atrás. Pensade que é polo noso ben.─ Seguía dicindo Maléfica.

Xa postos en plena batalla, A Fada Madriña, comezou a gritar:

─Cubride por alí. Atacade por alí ─ Dicía ─ Cando chegan os reforzos?

Despois da pequena sorpresa, A Fada Madriña pedira reforzos, na reunión estaban todos os integrantes do club pero non estaban os seus exércitos.

Tras 30 minutos de espera, por fin chegaran os exércitos. O de Luke Skywalker, foi o primeiro en chegar e polo tanto, o de Dark Vader, foi o primeiro en caer. De feito, antes de que todos os exércitos chegaran o de Vader, xa non estaba en pé.

Todas as batallas foi bastante axustada pero, pouco a pouco, o exército de Madri, foi ganando terreo; Mandrake caeu, O Lobo tamén e Sombra seguiu o mesmo camiño.

Apenas quedaban xa exércitos cando Maléfica se decatou do erro do que falabamos antes. Xa era moi tarde pero aínda así, tentou arranxalo modificando os seus exércitos.

O que fixo foi mesturar solados de todos os exércitos de forma que, compañeiros do Rei Xeo e de Maléfica (por exemplo) estaban mesturados.

Ao principio, a táctica, non deu resultado pero, ao cabo dun tempo, comezábanse a notar os efectos.

Derrotaran xa a varios exército inimigos e, ao final quedaron no bando “malo” o exército de Maléfica, e no “bo” o de Madri.

Todo apuntaba a que Madri ía saír ganando pero, un golpe de sorte caeulle a Maléfica coma se fose do ceo (en realidade, viu do ceo en sentido literal pero da igual); resultou que, apareceu voando, rodeado do seu exército de sheks, Ashram o nigromante.

Este, ía para unirse ao club pero, ao ver que estaban en plena batalla, decidiu unirse.

Ashram, foi a sorte caída do ceo de Maléfica que aproveitando a cara de asombro de Madri, atacou e, ao ser de improviso, cun so xesto da man, Ashram derribou á Fada Madriña.

Os seus exércitos, ao ver a súa xefa caer, rendéronse, ou outros, simplemente correron asustados.

Ata aquí chega a miña historia que, agora xa rematada, espero que entendades o título;

Un homiño diferente

Andrés Pardo Carballo  (6º primaria)

martes, 7 de xuño de 2016


E VOLVEMOS A GAÑAR!!!!!
PONTENCIENCIA 2016
 
Non lles bastou ao noso alumnado con participar en Pontenciencia o ano pasado. A experiencia resultou tan atractiva,  que este curso a proposta de repetila foi aceptada por unanimidade.

Nesta ocasión, foron eles os que se puxeron uns obxectivos. Xa non se trataba só de participar, tiñan que saír a manter o título conseguido a primeira vez. Para iso tiveron que traballar duramente durante meses. As investigacións non se podían facer de calquera maneira, xa coñecían como hai que ser de rigorosos cando se traballa co método científico. 

Contan os alumnos de 6º que para eles tampouco foi tan difícil porque xa tiñan experiencia. Os de 5º, como debutantes, merecen todas as nosas felicitacións.

 Noraboa a todos!
                                                                                           Autores: alumnado de 6º de Primaria.

mércores, 1 de xuño de 2016

VISITA AO CENTRO INTEGRADO DE FORMACIÓN PROFESIONAL
 CARLOS OROZA
 

martes, 26 de abril de 2016

XII SEMANA DA LECTURA
A LITERATURA POPULAR GALEGA
LUNS, 25 DE ABRIL
Para inaugurar a XII Semana da Lectura e tendo en conta que literatura e música están sempre relacioandas, decidimos presentar para todo o alumnado un concerto didáctico a cargo dunha exalumna deste centro NOELIA AMADO, que xunto con outro músico, ANTÓN GONZÁLEZ, nos explicaron os ritmos populares galegos, os instrumentos máis empregados no soso floklore popular, para finalmente agasallarnnos cunhas cantas pezas a ritmo de muiñeiras, jotas.... disfrutamos moito!!! Grazas aos dous por colaborar connosco nesta semana da lectura!
Foi para nós un orgullo ter aquí a unha das nosas alumnas, convertida xa en toda unha profesional......

A continuación houbo lecturas para tod@s! Comezaron a semana o alumnado de 3 anos, presentando o traballo da "Xoaniña", do que nos ofreceron un recitado e a continuación os de 1º de primaria contáronnos o conto de "Unha vella tiña un can..."

MARTES, 26 DE ABRIL
Conferencia a cargo de Rafael Quintía sobre  "a mitiloxía galega: un mundo por descubrir".
En canto ás lecturas, actuación do alumnado de 6º de Infantil con Por que o abeto e o piñeiro conservan as súas follas no inverno? e 5º e 6º de Primaria cun documental sobre a literatura popular .
 
MÉRCORES, 27 DE ABRIL
Roteiros didácticos a cargo de RAFAEL QUINTÍA, antropólogo, veciño de Salcedo e pai de Saínza de 3º de primaria. Foron 1º, 2º e 3º de primaria a visitar  o Monte das Croas.
En canto ás nosas lecturas, actuou o alumnado de 5º de infantil , presentando a lenda do Gatipedro.

  XOVES, 28
Roteiro cultural de San Martiño para alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria.
Lecturas de 3º de Primaria co "Casamento da pulga e o piollo" e  tamén con 2º de Primaria que presentou: "Lendas de Salcedo".
  VENRES, 29
O alumando de 4º de Primaria contou dous contos, que foron: "A leiteira" e "O lobo sen rabo".
Por último, e para pechar a semana, os alumnos de 5º e 6º remataron conxuntamente o seu documental sobre "A literatura popular galega de tradición ora l(2ª parte).
  

martes, 5 de abril de 2016

VISITA Á GRANXA APÍPOLIS

O día 17 de marzo, o alumnado de Infantil e 1º e2º de primaria, fixemos unha saída á granxa Apípolis en Xeve. Aprendemos moitas cousas dun animal tan interesante como son as abellas. Eramos tantos que tivemos que ir en tres autobuses. Cando chegamos xa nos estaban esperando varios monitores, con eles, fomos rotando por distintos obradoiros.
Vestimos un traxe para entrar ao  Apiarium, alí estivemos en contacto directo coas abellas e non nos picou ningunha. Visitamos unha exposición onde vimos a raíña da colmea, que é moito máis grande cas outras. Na cociña elaboramos unas galletas de mel que estaban riquísimas. Tamén fixemos unha vela da cera e vimos a maneira de sacar o mel das colmeas. Escoitamos un conto moi bonito e xogamos mentres merendamos .
Pasámolo moi ben. Gustounos moito a vida das abellas.

E como di o refrán popular : Onde hai mel hai abellas.

mércores, 9 de marzo de 2016

IMOS Á FEIRA


Este Antroido, no CEP. San Martiño, decidimos mergullarnos  na cultura popular galega, e fómonos de feira. Tivemos que nos disfrazar para a ocasión, e  viñemos vestidos de campesiños. Houbo  distintos postos. Por grupos fomos pasando por todos. Había o posto de vender e comprar, o dos libros antigos, o de baile galego, outro no que había un audiovisual en que vimos varias feiras, un taller de barro, un de confección, outro de xogos populares, e o máis interesante un con animais. Había unha ovella un año un galo unha galiña e un porquiño. O de este ano foi un Antroido moi orixinal no que aprendemos moito sobre as feiras que foron un elemento da nosa cultura popular.