Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

xoves, 29 de setembro de 2016

UN PRIMEIRO DÍA DE ESCOLA MOI ESPECIAL


Como todos sabemos, e cando digo todos refírome a nais, pais e nenos, que os nervios de principio de curso son malos conselleiros.
Pois eu, ás  sete e media, un día antes da escola, estaba coma unha moto: correndo, brincando, pensando no día seguinte… e volta a correr e a brincar. Xa vos dixen, coma unha moto.
Cando acabei de cear e me metín na cama non podía cos nervios, que se volta para aquí,  que se volta para alá. Ben, ao final  quedei durmido ás once e media.
Ao día seguinte levanteime, vestinme, almorcei e ZÁS! Acordeime de que era o primeiro día de escola! Rapidamente terminei de preparar a mochila, púxenme os zapatos e saín da casa coma un raio.
Ao chegar ao colexio encontreime con todos os meus amigos e empezamos a falar das nosas vacacións. Nun momento tocou o timbre e alí nas escaleiras dixéronnos quen ía ser o noso profesor. O noso curso, 6º de primaria, foi o primeiro en subir.
Entramos e decatámonos de que todo estaba cambiado … e para mellor! Subimos á segunda planta e entramos á nosa nova clase. Na aula, as cadeiras tiñan postos os nosos nomes e fomos sentando.
Despois de estar falando un bo anaco de todas as cousas importantes dun primeiro día de cole, déronnos o notición: cada ano o alcalde visita un colexio para inaugurar o curso escolar, e este ano tocounos a nós, xusto cando estamos en sexto e somos os maiores!
Como a maioría de nós non o coñeciamos (algúns nin lle sabían o nome!), decidimos buscar información para preparar un pouco a visita… e foi xusto nese momento cando chegou a directora acompañada da profe Lola, o alcalde e uns fotógrafos.
Falamos e fixemos moitas preguntas, desde por que quixo ser alcalde, ata cantos anos tiña. Ademais contounos cousas como, por exemplo, que ía viaxar a Francia para presentar o proxecto de cidade de Pontevedra.
Foi moi divertido porque nunca tiveramos a oportunidade de falar cun alcalde tan detidamente. E logo, o que  non podía faltar, foto de grupo con el. Despois despediuse e marchou.Cando se foi, felicitáronnos polo noso comportamento.
No patio botamos un partido moi intenso, o meu equipo perdeu pero paseino ben.

En resumo, a todos nos da tristeza dicirlle adeus ás vacacións, pero cremos que este pode ser o mellor curso da nosa experiencia no “San Martiño”.        alumnado de sexto     
Para ver máis, pincha en FOTOS
BENVIDOS AO CURSO 2016/17

Benvidos ao  novo curso 2016-17!!!!!!
  Esperemos que veñades cargados de ilusións  e moitas ganas de descubrir as sorpresas que vos agardan. Podemos dicir que este ano o colexio  empeza  coa cara lavada. Por fóra  laváronlle as paredes. E por dentro, un equipo do profesorado encargouse desinteresadamente de decorar e acondicionar o vestíbulo. Esperemos que vos guste e que vos sintades cómodos.

Moito aniiiimo!!! E moitas  ganas de ser feliz aprendendo novas cousas.
Para ver máis pincha enriba de FOTOS.