VISITA AO PARQUE ARQUEOLÓXICO DE TOURÓN (PONTECALDELAS)
O primeiro proxecto de investigación deste curso titúlase "A historia: verdade ou mentira?"
O alumnado de 3º decidimos estudar as lendas, porque aínda que moitas veces parten dunha verdade, contan tamén moitas mentiras. Concretamente estamos traballando "A lenda da Pedra da Moura", un dos petróglifos que hai no monte de Salcedo e, para aprender máis cousas sobre eles, o xoves 7 de outubro, visitamos o centro arqueolóxico de Tourón cos alumnos de 4º e 5º de Primaria.
Ao chegar alí recibiunos María, a guía. Levounos ata unha caseta, onde vimos uns videos que trataban dos diferentes tipos de debuxos que aparecían nos petróglifos. María explicounos que estes son de tipo figurativo cando teñen gravados figuras humanas ou de animais e, son abstractos cando os gravados son figuras xeométricas ou non podemos identificar o que representan. Tamén vimos uns vídeos onde se explicaba como se fai un petróglifo: con varias pedras diferentes tallaban os debuxos sobre unha pedra plana.
Logo saímos ao monte e vímolos: un que tiña un círculo con cazoletas, outro dun home cun cabalo, un cervo enorme, outro abstracto,o último non puidemso velo porque estaba moi arriba e choviscaba. María recomendounos visitar os petróglifos a primeira hora do día ou á última hora da tarde, porque é cando mellor se ven os gravados.
A excursión gustounos moito e foi entretida, aínda que nos mollamos un pouco!