Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

venres, 11 de xaneiro de 2019

VISITA DIDÁCTICA ÁS INSTALACIÓNS DO PARQUE DE BOMBEIROS.

O xoves 10 de xaneiro o alumnado de 1º e 2º curso de educación primaria acudiu ao Parque de Bombeiros de Pontevedra. Nesta visita didáctica os bombeiros explicáronlles en que consiste o seu traballo, cales son as funcións deste corpo, os equipos que utilizan e como reaccionar en caso de emerxencia.
Os escolares recibiron consellos básicos que logo poderán transmitir aos seus familiares e compañeiros: a formación sobre prevención desde unha idade temperá é moi importante. 
Querémosvos contar a divertida experiencia que viviron estes rapaces e rapazas!
Comezaron falando da indumentaria que teñen que levar os bombeiros (traxe, accesorios...), fixeron representacións das formas de actuar para rescates en incendios, no mar, en accidentes... e amosáronlles os distintos accesorios do camión de bombeiros.
Despois, ensináronlles a manexar a mangueira a cada neno e nena, con auga e todo! Tamén aprenderon a poñer o casco e, por último, subiron ao camión en pequenos grupos para ver o interior e facer un simulacro con sirena e arranque do camión. A cada grupo fixéronlle crer que tiñan unha chamada real! 
Máis adiante visitaron as instalacións: ximnasio, cociña, sala e demais estancias e, para rematar,  os bombeiros fixeron unha demostración con espuma. 
Podedes ver todas as fotografías facendo click aquí
  
Gustaríanos agradecer a todo o persoal do Parque de Bombeiros de Pontevedra o trato e dedicación que nos brindaron nesta xornada tan especial para os nenos e nenas do CEIP San Martiño, transmitindo ao alumnado unha visión moi real da súa profesión.
Sen lugar a dúbidas, unha gran experiencia!



Ningún comentario: