
xoves, 29 de setembro de 2016
UN PRIMEIRO DÍA DE ESCOLA MOI ESPECIAL
Como todos sabemos, e cando digo todos refírome a nais, pais e
nenos, que os nervios de principio de curso son malos conselleiros.
Pois eu, ás sete e
media, un día antes da escola, estaba coma unha moto: correndo, brincando,
pensando no día seguinte… e volta a correr e a brincar. Xa vos dixen, coma unha
moto.
Cando acabei de cear e me metín na cama non podía cos nervios,
que se volta para aquí, que se volta
para alá. Ben, ao final quedei durmido
ás once e media.
Ao día seguinte levanteime, vestinme,
almorcei e ZÁS! Acordeime de que era o primeiro día de escola! Rapidamente
terminei de preparar a mochila, púxenme os zapatos e saín da casa coma un raio.
Ao chegar ao colexio encontreime con
todos os meus amigos e empezamos a falar das nosas vacacións. Nun momento tocou
o timbre e alí nas escaleiras dixéronnos quen ía ser o noso profesor. O noso
curso, 6º de primaria, foi o primeiro en subir.
Entramos e decatámonos de que todo
estaba cambiado … e para mellor! Subimos á segunda planta e entramos á nosa
nova clase. Na aula, as cadeiras tiñan postos os nosos nomes e fomos sentando.
Despois de estar falando un bo anaco
de todas as cousas importantes dun primeiro día de cole, déronnos o notición:
cada ano o alcalde visita un colexio para inaugurar o curso escolar, e este ano
tocounos a nós, xusto cando estamos en sexto e somos os maiores!
Como a maioría de nós non o coñeciamos
(algúns nin lle sabían o nome!), decidimos buscar información para preparar un
pouco a visita… e foi xusto nese momento cando chegou a directora acompañada da
profe Lola, o alcalde e uns fotógrafos.
Falamos e fixemos moitas preguntas,
desde por que quixo ser alcalde, ata cantos anos tiña. Ademais contounos cousas
como, por exemplo, que ía viaxar a Francia para presentar o proxecto de cidade
de Pontevedra.
No patio botamos un partido moi intenso, o meu equipo perdeu
pero paseino ben.
En resumo, a todos nos da tristeza dicirlle adeus ás
vacacións, pero cremos que este pode ser o mellor curso da nosa experiencia no
“San Martiño”. alumnado de
sexto

Para ver máis, pincha en FOTOS
BENVIDOS AO CURSO 2016/17
Benvidos ao
novo curso 2016-17!!!!!!
Esperemos que
veñades cargados de ilusións e moitas
ganas de descubrir as sorpresas que vos agardan. Podemos dicir que este ano o colexio
empeza coa cara lavada. Por fóra laváronlle as paredes. E por
dentro, un equipo do profesorado encargouse desinteresadamente de decorar e
acondicionar o vestíbulo. Esperemos que vos guste e que vos sintades cómodos.
Moito aniiiimo!!! E moitas ganas de ser feliz aprendendo
novas cousas.
Para ver máis pincha enriba de FOTOS.
Para ver máis pincha enriba de FOTOS.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)