Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

martes, 12 de abril de 2011

Encontros de Bibliotecas Escolares 2010/11

Veñen de celebrarse os ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 2010/2011 no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela os días 7 e 8 de Abril. Os que xa levamos uns anos pertencendo a este, cada vez máis numeroso grupo, asistimos só o segundo día, o venres 8.

Inaugurou as xornadas o Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez. Pola mañá houbo moitas e moi interesantes ponencias, como "Avaliar para avanzar. Prácticas de autoevaluación na biblioteca escolar", que estivo a cargo de Teresa Mañá e Mónica Baró; e unha presentación de experiencias en sesións simultáneas baixo o título:"Literatura en imaxes. Cine e banda deseñada".

As sesións da tarde comezaron cunha xuntanza dos centros por zonas para intercambiar experiencias e materiais e, para rematar, un agasallo moi especial, unha charla a cargo de Xosé Neira Vilas, o autor de "Memorias dun neno labrego".

Dende Salcedoteca, grazas a todas as persoas que fixeron posible, co seu traballo, estes magníficos Encontros, e especialmente aos integrantes da Asesoría de Bibliotecas Escolares, con Cristina e Pilar á cabeza. Os materiais sobre as distintas exposicións, así como os vídeos das conferencias pódense atopar AQUI , entrando como convidado.
VII SEMANA DA LECTURA

MARTES, 12

ALUMNADO DE 5 ANOS E 3º DE EDUCACIÓN PRIMARIA


luns, 11 de abril de 2011

VII SEMANA DA LECTURA


Comeza hoxe a sétima edición da Semana da lectura, adicada ese ano á temática dos inventos, que é o que estamos estudando no 2º Proxecto da Biblioteca. Esta semana caracterízase por concederlle á lectura un lugar privilexiado e protagonsita nas nosas actividades e por conmpartir con toda a comunidade educativa uns momentos de lecer en torno ao acto de ler, que é tan transcendente no noso proxecto educativo.


LUNS, 11


ACTUACIÓN DO ALUMNADO DE 5º DE EDUCACIÓN INFANTIL E 4º DE EDUCACIÓN PRIMARIA


xoves, 7 de abril de 2011

O CEIP SAN MARTIÑO PARTICIPA NA EXPOSICIÓN DE PINTOS NO CAFÉ MODERNO

O pasado mércores 6 de abril, o Concello de Pontevedrainaugurou a exposición sobre Xoán Manoel Pintos, que podedes visitar no Café Moderno en horarios de mañá e tarde ata o día 7 de maio.

Esta exposición consta de dúas partes: a primeira delas, centrada especificamente na figura deste autor galego, cunha infografía de algo máis de 30 metros lineais, que recolle o máis destacado da súa vida, xunto con outras informacións relacionadas; a segunda parte, está formada polo traballo de oito centros educativos do Concello de Pontevedra que, aproveitando unha proposta da Concellaría de Normalización Lingüística, introducimos ao autor pontevedrés no noso currículo escolar. O noso centro ten alí un traballo realizado polo alumnado de Educación Infantil, que ademais foi tratado amplamente nunha ponencia do Congreso académico sobre Pintos no día da súa inauguración.


Dende aquí deixamos constancia gráfica desta ponencia e invitamos a todas as familias do centro a visitar a exposición do Café Moderno.


Se queredes máis información podedes atopala pinchando nas seguintes palabras: Xoán Manoel .



sábado, 2 de abril de 2011

ESTREAMOS O ROTEIRO DOS BOLECHAS

O CEIP San Martiño estreou en Pontevedra por primeira vez o Roteiro dos Bolechas co alumnado de Educación Infantil.

Coñeceron a vila a través da obra de Pepe Carreiro, "Os Bolechas visitan Pontevedra".

Despois foron agasallos con cadanseu libro asinado polo autor e asistiron a unha obra de teatro.

¡Unha mañá redonda!

mércores, 30 de marzo de 2011

LIM: Vou de compras

Onde mercades o que necesitades?


Sabes o que é un hipermercado?


De que formas se pode pagar o que compramos?


Gastamos cartos cando pagamos con tarxeta?


Poderás coñecer a resposta a estas e a outras moitas preguntas se te atreves a xogar co LIM que leva por título "Vou de compras". Proba a resolver as actividades, os crebacabezas, as sopas de letras, os xogos de memoria... e verás cantas cousas novas aprendes sobre o comercio.

venres, 4 de marzo de 2011

O ENTROIDO 2011
Este venres, 4 de marzo celebramos a festa tradicional do Entroido no centro.
Houbo música, comida e moita diversión para todos.
Grazas dende aquí ás familias que colaborastes connosco neste día.
Deixamos nesta reportaxe algúns recordos...

xoves, 24 de febreiro de 2011

2º PROXECTO: OS INVENTOS E OS INVENTORES
Como cada ano no mes de febreiro, comezamos o segundo dos nosos proxectos de Biblioteca, adicado este ano aos inventos e aos inventores.
Nesta primeira fase de motivación, preparamos dúas actividades: unha visita á Casa das Ciencias e ao Domus da Coruña e unha exposición sobre algúns dos inventos e a súa evolución no tempo, grazas á colaboración de moitas das familias da nosa comunidade educativa. Xunto á mesma tamén presentamos outra con fondos bibliográficos relacionados con esta temática.
Ambas exposicións están ubicadas na Biblioteca do centro e pronto estarán abertas ao público, para que poidades visitalas.
Grazas dende aquí a tod@s por colaborar connosco na preparación destas actividades.


mércores, 23 de febreiro de 2011

Xira a Terra sobre si mesma?

Móvese a Terra arredor do Sol ou é o Sol o que se move arredor da Terra?

Por que un día dura 24 horas e un ano 365 días?

Por que cambia de forma a Lúa?

Poderás coñecer a resposta a estas e a outras moitas preguntas se te atreves a xogar co LIM que leva por título "A Terra xira e xira ...". Proba a resolver as actividades, os crebacabezas, as sopas de letras, os xogos de memoria... e verás cantas cousas novas aprendes sobre a Terra, o Sol e a Lúa.

martes, 8 de febreiro de 2011

OS ALUMNOS OPINAN...
Estas dúas últimas semanas realizamos dende Educación Infantil ata 6º de Primaria unha saída moi interesante á exposición de La Caixa, ubicada na Praza de España en Pontevedra, titulada El bosque,que se combinou con outra visita ás Torres Arzobispais, preto de Santa María. Tamén visitamos una exposición de pintura e participamos nun obradoiro de interpretación plástica. Sobre algunhas destas experiencias deixamos aquí a impresión dunha das alumnas do centro.
(Redactado por Elia Pedrosa, alumna de 5º de Primaria sobre unha das nosas saídas culturais, realizada nesta última semana...)
"Hoxe, día 4 de febreiro, visitamos o Centro de Interpretación das Torres Arzobispais. Alí recibiunos un guía que nos ensinou diferentes instrumentos de barro e porcelana, imitando aos que se utilizaban antigamente. Tamén vimos o foxo do castelo e as pedras que se utilizaban para as béstas(catapultas). Logo ensinounos unhas moedas moi antigas feitas de cobre e algunhas de prata. O guía púxonos unha película en 3D moi interesante sobre a vida nos castelos e todo o que ía pasando neles ao longo dos anos. Ao final da visita xogamos ao xogo que había de contestar preguntas, pero era moi difícil.
Cando saímos das Torres Arzobispais fomos á exposición "O bosque" e alí tamén nos recibiu unha guía chamada Raquel. Nesa exposición vimos moitísimas cousas sobre o bosque: sementes, anacos de árbores, niños, a vida dunha miñoca... A guía explicounos que as miñocas son moi importantes porque fan tubiños debaixo da terra que serven para que a auga da chuvia e o aire cheguen ás raíces das árbores. Raquel tamén nos ensinou moitas cousas máis, como distintos tipos de árbores ou elementos que se poden facer coa madeira ou os froitos.
Esta saída foi moi interesante e divertida e gustaríame volver cos meus pais."