Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

mércores, 1 de maio de 2019

O ALUMNADO DE 1º E 2º DE EDUCACIÓN PRIMARIA VISITA O ALBERGUE DE PEREGRINOS!

O venres 26 de abril o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria visitou o Albergue de Peregrinos de Pontevedra. 

Tino Lores (Presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués) recibiu aos nenos  e nenas e comezou explicándolles o funcionamento do albergue, púxolles o selo do albergue e inscribíronse no libro de rexistro.
Fixeron un percorrido polas instalacións: comedor, cociña, oficina, lavandería, habitacións, aseos... e probaron as liteiras dos peregrinos.
Finalmente fixeron o último tramo do camiño dos peregrinos cando chegan ao albergue de Pontevedra. 

Para ver todas as forografías, facede click aquí. 
Grazas ao persoal do albergue por recibirnos unha vez máis! 


CONTACONTOS POLA ASOCIACIÓN DOWN PONTEVEDRA-XUNTOS.

O alumnado de Educación Infantil recibiu hoxe, martes 30 de abril, a visita de Óscar e Sandra da Asociación Down Pontevedra Xuntos. 

Contáronnos que a Síndrome de Down é o conxunto de características que se manifestan nunha persoa como consecuencia dunha alteración xenética: a presenza nas súas células dun cromosoma extra no par 21, é dicir, 47 cromosomas en lugar de 46. Estas características inflúen sobre a aprendizaxe e a conduta das persoas coa Síndrome de Down. Con esta visita o alumnado de Educación Infantil descubriu que non hai dúas persoas iguais e que todas as diferenzas nos enriquecen. 

As nenas e nenos disfrutaron de varios contos e dunha curtametraxe relacionados co respecto ás diferenzas.  Gozamos moito desta xornada tan enriquecedora!
Para ver todas as fotografías, facede click aquí. 


Grazas Óscar e Sandra! Voltade cando queirades!

luns, 22 de abril de 2019

XV SEMANA DA LECTURA NO C.E.I.P. SAN MARTIÑO!

O LUNS 8 DE ABRIL, INAUGUROUSE A XV SEMANA DA LECTURA, SOBRE O CAMIÑO DE SANTIAGO.

Arrancou co debut dos nenos e nenas de 4º de Educación Infantil e 2º de Educación Primaria. Os primeiros contáronnos os obxectos que leva Palmira (a súa mascota de aula) na súa mochila para facer o Camiño de Santiago e os últimos as etapas e curiosidades do Camiño Francés, partindo dende Roncesvalles.

O martes 9 de abril, segundo día da XV Semana da Lectura, tocoulle o turno a 5º de Educación Infantil e 1º de Educación Primaria. Os máis pequenos contáronnos como foi a viaxe de Popi, a súa mascota de aula, polo Camiño Portugués e os seguintes relatáronnos como comezou a lenda do Camiño De Santiago.
Parabéns a todos e todas, o fixéchedes xenial!


O xoves 11 de abril, penúltimo día da XV Semana da Lectura, o alumnado de 3º e 6º de Educación Primaria fixo un traballo conxunto moi bo. Primeiro explicáronnos as diferentes etapas, curiosidades, déronnos consellos sobre como prepararnos, que levar na mochila, os albergues, ... e logo o teatralizaron. Aprendemos moito de forma lúdica!

Despedímonos da XV Semana da Lectura con 6º de Educación Infantil que recitou unhas rimas dándonos uns consellos para facer o Camiño de Santiago.
Logo tocoulle a 4º de Educación Primaria, que traballou por equipos e fixeron exposicións relacionadas coas diferentes materias e motivacións do alumnado, como as plantas do Camiño, os diferentes Camiños...
Rematou 5º de Educación Primaria cun traballo moi completo sobre o Camiño do Norte.


Pinchade no seguinte enlace para ver a reportaxe: XV SEMANA DA LECTURA.

Grazas a todas as familias por asistir.








luns, 8 de abril de 2019

POR UN COLEXIO MÁIS LIMPIO!

No C.E.I. P. San Martiño este curso iniciamos unha campaña para manter o noso patio máis limpo.
Para iso, alumnado de Educación Infantil e Educación Primaria, por quendas, encárgase de retirar o lixo que poida quedar no patio. 

Queremos conseguir así unha serie de obxectivos como: fomentar a autonomía persoal, a responsabilidade individual do alumnado no coidado dos materiais e instalacións que compartimos, promover comportamentos sustentables ou fomentar e potenciar bos hábitos sociais entre o noso alumnado. 

O luns 1 de abril, tocoulle a limpieza mensual do patio a 6º de Educación Infantil. Traballo en equipo para lograr que non quedase ningún plástico, papel... no chan.


Ogallá algún día todos e todas nos concienciemos do importante que é tirar o lixo no lugar que lle corresponde. 
Familia e escola temos que colaborar para ter un mundo máis limpo!



VISITA DE TINO LORES AO C.E.I.P. SAN MARTIÑO.

O xoves 4 de Abril, veu Tino Lores (Presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués) ao noso cole a contarnos segredos, historias, anécdotas e curiosidades sobre o Camiño de Santiago. O motivo desta visita é o proxecto anual sobre o Camiño que estamos levando a cabo no centro.
Tino Lores, preguntoulles se fixeran algún traballo sobre o Camiño de Santiago, Martín (alumno de 1º de Educación Primaria), contoulle que estiveran traballando coa mestra María sobre o Camiño Francés, que fixeran 15 etapas e o que máis lle gustara fora o de Pamplona. 
Tino, contoulles a historia do Galo de Barcelos. Álvaro, alumno de 6º de Educación Infantil, animouse a subir ao escenario e contounos o que sabía sobre este Galo! 
Tamén nos ensinou o que levaba un peregrino na súa mochila, para que serve o bastón que levan e porqué ten unha punta de ferro! Que a súa cuncha leva unha camelia pintada porque é a flor do Camiño Portugués, entre outras moitas cousas! 
Tamén nos ensinounos algo moi importante do camiño, a credencial! Para poder conseguir así a  Compostela. Finalmente explicounos que para obter a Compostela temos que ir a oficina dos Peregrinos.
Algo que nos recalcou moito foi que este título só o conseguen os que fan os últimos 100 quilómetros do Camiño andando ou en cabalo e os 200 quilómetros en bicicleta. 

Gracias a Tino Lores por compartir connosco a súa sabedoría! 

xoves, 4 de abril de 2019

E CHEGOU O DÍA! VISITAMOS O XX SALÓN DO LIBRO!

Chegou o día! O xoves 28 de marzo o alumnado de Educación Infantil e 4º de Educación Primaria gozou dunha visita ao XX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, dedicado este ano a Revolución. 

Ao chegar recibiunos Orbil, a mascota do Salón do Libro. Os nenos e nenas do C.E.I.P. San Martiño tiñan moitas ganas de volver a velo!
Alí fixemos un montón de cousas: 
-Sesións de contacontos con Tareixa Alonso e Andrea Bayer. Escoitamos contos como "A pota que trota", "Sultán", "Rey y Rey", "Andrés Cabeza Abaixo", "Dora a galiña poñedora", "Os tres porquiños"... Este último representado por Lía, Carlos e a mestra Ángeles! Pasárono xenial sendo eles os protagonistas!


-Obradoiros coa ilustradora portuguesa Margarida Botelho, onde crearon un boneco con arame, cubrindoo con cinta adhesiva de papel.
-Visitas guiadas polas instalacións onde nos contaron historias como a do Galo de Barcelos de Portugal,  a primeira muller que foi policía ou a primeira muller en pilotar un avión; e incluso bailamos coas poesías de Antonio García Teijeiro.
Para ver todas as fotografías, facede click aquí.
Tamén vimos onde estaban expostos os nosos traballos.  Convidámosvos a que pasedes a velos!





xoves, 28 de marzo de 2019

VISITA RAFAEL QUINTÍA

O mes pasado o alumnado de 6º de Educación Primaria tivo a gran sorte de recibir unha charla a cargo de Rafael Quintía Pereira (antropólogo e historiador) sobre o Entroido. 

Saínza, unha alumna deste curso, quérevos contar alguhas cousas sobre esta interesante visita: 

O ENTROIDO
O xoves 28 de febreiro veu Rafael Quintía Pereira ó colexio, a darnos unha charla sobre o entroido. Comentounos que ó entroido, tamén se lle pode chamar: Antroido, Entruido... Ensinounos moitas fotos e vídeos dos personaxes do entroido. Por exemplo as bonitas, os xenerais do Ulla, os cigarróns, os peliqueiros, os felos, as madamas e galáns, os merdeiros, o oso... Eran moi chulos. Díxonos que os personaxes tradicionais do entroido non se disfrazaban, senón que se vestían. Como os curas, médicos, policías, que non se disfrazan, vístense. 
Logo falou do folión. O folión é un grupo de persoas que saen correr o entroido tocando bombos e ferramentas de labranza. Van percorrendo aldeas sen parar de tocar. Non só existe o rito de entroido de ir vestido, senón que existen outros, como por exemplo: a corrida do galo (que agora está prohibida), guerras de fariña, o xogo das olas... 
Trouxo unha careta de cigarrón, unha zamarra, un bastón e unhas chocas. 
Foi moi divertido e intersante.
Para ver máis fotografías, facer click aquí. 
Dende aquí queremos agradecer a Rafael Quintía por ensinarlles tantas cousas sobre o entroido ao alumnado! 

luns, 18 de marzo de 2019

"PETISCOS DE CIENCIA".

A semana pasada no C.E.I.P. San Martiño realizamos unha serie de presentacións sobre actividades STEM, ás que chamamos: "PETISCOS DE CIENCIA". 

Coa dirección e coordinación de Diego Fariña, mestre de CCNN, os alumnos e alumnas de 6º curso de Educación Primaria, sorprendéronos con diferentes experimentos ao longo de toda a semana. O venres, incluso se animou o alumnado de 6º curso de Educación Infantil , que baixo a coordinación da súa titora, Patricia Sampayo e a axuda de Cristina, a profesora de prácticas, nos mostraron tamén as súas primeiras experiencias coa ciencia.

O método científico é unha forma divertida de consolidar a aprendizaxe, ademais de  desenvolver a creatividade, a iniciativa e agudizar o sentido crítico. Por esta razón, no noso centro,  vimos apostando dende hai uns anos por este tipo de actividades. 

Petiscos de Ciencia logrou xerar curosidade en todo o alumnado, chegando por eles mesmos a unha serie de conclusións e xeneralizacións... 
Algúns experimentos parecían maxia! Pero despois de deixarnos coa boca aberta, o alumnado daba logo a explicación científica, que nos deixaba aínda máis abraiados!!!
Neste cadro podedes ver os experimentos cos que nos deleitaron!
Grazas ao alumnado de 6º curso e aos mestres Diego e Patricia por estes "PETISCOS DE CIENCIA".
 Para ver todas as fotografías, fadede click aquí.
"Dimo e esquézoo, ensínamo e lémbroo, involúcrame e apréndoo".Benjamin Franklin.

venres, 15 de marzo de 2019

SEGUIMOS APRENDENDO COS OBRADOIROS DE HABILIDADES SOCIAIS!

Como xa vos contamos fai uns días, o colexio está ofrecendo ao alumnado obradoiros de habilidades sociais, organizados coa colaboración do Concello de Pontevedra e impartidas por un grupo de pedagogos do mesmo.

O alumnado agardaba con ilusión aprender novas habilidades nos próximos talleres,e... xa fixemos dous mais! O 27 de febreiro e este mércores 13 de marzo, impartíronse novos obradoiros en 6º de Educación Primaria. 

O 27 de febreiro, comezou o obradoiro cunha dinámica de grupo que pretendía completar a da anterior xornada sobre a comunicación, para incidir na realidade de que, para que se produza a comunicación entre dúas ou máis persoas teñen que darse unha serie de premisas ou condicións.
O alumnado, guiado polas docentes, axudou a idear e verbalizar a situación idónea para que unha comunicación teña lugar. É dicir, “ausencia de ruído”, “respecto das quendas”, “ausencia de interrupcións”, “comunicación visual”… Seguidamente, realizaron outras dúas actividades que fixeron ver claramente ao alumnado onde fallaba o proceso comunicativo e que facer para resolver a situación.

O mércores 13 deste mes, o tema traballado foi a autoestima. Realizando de novo dinámicas moi suxestivas e atractivas, para que cada unha das alumnas e alumnos reflexionara con frases e ideas do tipo: sobre un mesmo, como é un, saber no que podes mellorar, sentimentos, coidarse,ou como nos sentimos con nós mesmos.

Resultou todo un éxito, igual que nas anteriores citas, sorprendéndose eles mesmos coas respostas ou resultados aos que chegaban. Toda e cada unha das actividades propostas foron realmente amenas e espertaban a súa curiosidade,  co cal a implicación do alumnado foi total.

venres, 8 de marzo de 2019

DESPEDIMOS CON TRISTEZA AO RAVACHOL.

Este ano, o Ravachol  quixo festexar no noso centro o Entroido Peregrino 2019.
Como xa sabedes, este Ravachol é resultado dun obradoiro feito o día do entroido, e o pasado xoves 7, despedímolo entre bágoas!
Foi para nós unha honra e un orgullo telo no San Martiño. Ravachol peregrino, quixo facer o Camiño de Santiago connosco e desfrutar cantando e bailando cos nenos e nenas desde centro.

Pero a desgraza quixo unha vez máis levarnos a Ravachol…Nestes días de frío e choiva, de tanto corretear e bailar polas rúas, mollou as plumas, colleuno o frío e a súa delicada  saúde non  puido resistir!!
Rematou o entroido! Rematou a vida do noso papagaio peregrino! 
A profe María  bendeciu ao noso querido Ravachol e despedímolo ata o ano que  vén.



Estas son as palabras que lle dedicamos entre todos:
Ravachol…
Para que sempre veñas a  pasalo ben a San Martiño de Salcedo!
    Todos: Ravachol,  Ravacholiño…
               Non te perdas no camiño.
Para que non te esquezas de que deixas aquí unha chea de amigos e amigas!
                Ravachol,  Ravacholiño…
               Non te perdas no camiño.
Para que os cocidos e as filloas non che falten da barriga!
                Ravachol,  Ravacholiño…
               Non te perdas no camiño.
Para que o ano que vén, bailes e cantes tamén!
                Ravachol,  Ravacholiño…
               Non te perdas no camiño.

Para ver todas as fotografías, facede click aquí.