O xoves 23 de maio veu ao C.E.I.P. San Martiño o grupo
"POLO CORREO DO VENTO"
O grupo está formado polo escritor e ilustrador Carlos Taboada, finalista do Premio Merlín 2018 de literatura, e por Enrique Mauricio, Licenciado en Ciencias Políticas, magnífico narrador oral, capaz de crear unha burbulla de poesía e historias ao redor de calquera público.
Esta é unha das últimas actividades levadas a cabo no centro relacionadas coas Letras Galegas 2019, dedicadas a Antonio Fraguas.

Os nenos e nenas de
Educación Infantil e
1º e 2º curso de Educación Primaria, gozaron dunha sesión de contacontos sobre Antonio Fraguas e un taller de debuxo moi divertido.
A través de Peregrina, unha detective moi especial, descubrimos un montón de cousas sobre Antonio Fraguas: que foi alumno de Castelao, que estudou as nosas tradicións, que foi membro fundador do Museo do Pobo Galego, que estudou os costumes ao redor do entroido...
Enrique púxolle voz ao conto A detective Peregrina e o insólito "caso de Antón Fraguas", mentres Carlos ía ilustrando a historia! Reclamaban en todo momento a participación do alumnado, mediante a voz, os xestos e a música!
Para rematar, entre todas e todos, debuxamos a Antón Fraguas, guiados por Carlos Taboada, pasiño a pasiño, e o máis importante, como din eles: sen medo ningún!
Non é a primeira vez que recibimos a súa visita e, coma sempre, alumnado, mestres e mestras, quedamos encantados!
A continuación deixámosvos unha montaxe en vídeo deste día. Esperamos que vos guste!
GRAZAS CARLOS E ENRIQUE! ATA A PRÓXIMA!