mércores, 30 de novembro de 2011
AS AVES DA CIDADE: CHALA PROXECCIÓN CON FEDERICO DE LA PEÑA
O xoves día 24, tivemos na nosa biblioteca a presentación do documental Veciñas do Aire: un estudio das aves silvestres na cidade de Pontevedra feito por Federico de la Peña e patrocinado polo Concello de Pontevedra. Estamos moi contentos de que nos elixira o nós para iniciar a presentación nos colexios.
A narradora do documental é a cidade de Pontevedra e di cousas moi interesantes. Segundo un estudio feito polos ingleses cantas máis aves silvestres habiten unha cidade maior é a calidade de vida desa cidade. En Pontevedra hai unhas 134 o que é un número moi alto.
Federico investigou en cinco sitios diferentes da cidade. Empezamos vendo as aves da Illa do Cobo ou das Esculturas que máis que un museo é un dormitorio de aves: pegas, cisnes parrulos e outras son felices alí.
A xunqueira de Alba é un ecosistema vital para moitas; patos salvaxes, garzas e galiñas de río moi presumidas elas movendo a cabeza cara diante e atrás.
A ría de Pontevedra alimenta a moitas coma o corvo mariño real que non ten graxa nas plumas e ten que poñerse ao sol a secar.
O río dos Gafos é o fogar da gaivota chorona ou o tordo común que engaiola coa excelencia do seu canto.
No casco urbano contaron máis dun cento de gaivotas e outras máis: rulas turcas, pardais, papo roibos, merlos, xílgaros. Curuxas e ave laionas nos arredores do cemiterio. Remata dicindo que non estamos solos na nosa cidade que sempre estamos vixiados por algunha ave e que hai que querelas e sentirse orgullosos delas.
Cando rematou o vídeo lle fixemos preguntas e respondeu a todas.
P.- Cal é a túa ave favorita?
R. -Todas teñen a súa beleza, unha das que máis me gusta é o tordo, que xa era a favorita de meu pai, gústame polo seu marabilloso canto e pola habilidade que ten para romper as cascas dos caracois contra as pedras.
P- Como conseguiches facer o documental sen que se escaparan ?
R- A veces camuflándome en casetas e, con moita paciencia; para poder gravar os xílgaros na rúa de San Antoniño tiven que estar subido a unha grúa varios días metido nun cesto e pasando moita calor. Tamén teño que agradecerlle a moitos veciños que me permitiron gravar dende os seus balcóns e ata subir aos tellados das súas casas.
P- Cal foi o documental máis difícil que fixeches?
R- Foi este Veciñas do Aire que me levou dous anos completos sen poder ter vacacións nin fins de semana libres.
P- Se che gustan tanto as aves non te estrañou que as gaivotas comeran os pitiños dos niños próximos?
R- Sorprendeume moitísimo comprobar que as gaivotas son aves caníbales e deume moita pena .
P- Que che gusta máis de ser naturista?
R- Observar aos animais, ser un espía da natureza, facer documentais e despois vir aos colexios para que vós os coñezades e saibades respectalos.
Para o remate da charla tíñanos unha sorpresa amosounos unha rata actriz que xa ten actuado en anuncios como o do Ratibrón e nalgunhas outras películas, e como inda non tiña nome a bautizamos co nome de Martiño.
E inda antes de marchar tivo a paciencia de asinarnos autógrafos.
Pasámolo moi ben e aprendemos moito.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario