Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

miércoles 16 de diciembre de 2009

FELIZ NADAL
O Equipo de profesores de Salcedoteca queremos compartir con vós esta panxoliña e desexarvos a todas as familias do colexio e aos nosos lectores un Feliz Nadal e pedir para o ano 2010 unha morea de amor, unha enchenta de cariño e un carro cargado de moita sorte para todos... ah! e non esquezades pedirlles aos Reis moitos libros para ler, para ver, para disfrutar: un libro é sempre un bo agasallo!
Consultade as nosas recomendacións de lectura, aquí mesmo no lateral do blog.

martes 8 de diciembre de 2009

10 DE DECEMBRO: DÍA DOS DEREITOS HUMANOS



( Cartel elaborado polo IES Río Cabe de Monforte)


A nosa Biblioteca súmase á celebración do Día dos Dereitos Humanos o próxinmo 10 de decembro. Queremos reflexionar xuntos sobre a importancia da aprobación dos Dereitos Humanos para as nosas vidas e sobre todo falaremos da importancia do seu cumprimento en todos os países.

¿Queres aprender xogando cos Dereitos Humanos? Fai clic nesta imaxe:

viernes 4 de diciembre de 2009

E ESTIVEMOS CO ALCALDE...

Hoxe os nosos alumnos do 2º Ciclo visitaron as dependencias do Concello de Pontevedra e foron recibidos polo Sr. Alcalde D. Miguel Anxo Fernández Lores, que tivo a amabilidade de responder a todas as súas preguntas. Ademais tiveron a oportunidade de entregar en Rexistro unha instancia, que elaboraran entre todos na clase coas demandas para as melloras do noso centro.

Damos as grazas dende aquí a todas as persoas que dende a corporación municipal colaboraron para facer realidade esta visita, xa que estaba programada dentro do noso proxecto de Biblioteca, que este trimestre se centra no estudo da cidade.

Máis adiante outro grupo de alumnos realizará a mesma visita para dar cumprimento á programación que o noso centro realizou sobre o proxecto, antes mencionado.

lunes 30 de noviembre de 2009

AS BIBLIOTECAS ESCOLARES SON NOTICIA

Esta fin de semana a Voz de Galicia fíxose eco do traballo que a nivel de fomento da lectura se está a levar a cabo nas Bibliotecas Escolares.

Parécenos importante que un xornal de tal difusión dea a coñecer a importancia do labor que os docentes están a levar a cabo dentro dos proxectos de Biblioteca.


Destácase a Hora de Ler, a Mochila Viaxeira e outras actividades, que están en marcha dende hai algúns cursos e que se veñen promovendo dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Xunta.

Para saber máis pincha en cada unha das noticias:

"Cuatro mil bolsas con películas y libros para toda la familia circulan por la comunidad"

viernes 27 de noviembre de 2009

PRESENTACIÓN DE PDI (II PARTE)

Hoxe venres rematamos a presentación dos Proxectos das cidades cos cursos dos maiores: 4º, 5º e 6º de Primaria.

Presentaron traballos de calidade nos que nos falaron da histioria de Pontevedra, dos seus edificios máis emblemáticos, rematando os alumnos de 6º cun recorrido polas rúas de Pontevedra, que levan o nome de personaxes ilustres nados na nosa cidade.

Dende aquí felicidades aos nenos e nenas que onte e hoxe nos amosaron o resultado de tan exceletes traballos. Noraboa aos seus profesores e profesoras que dirixiron e prepararon as diferentes presentacións...: cada curso seguimos sorprendéndonos do moito que podemos aprender xuntos.

jueves 26 de noviembre de 2009

A CIDADE: PRESENTACIÓN DE PDI

Unha das tarefas máis importantes que levamos a cabo dentro dos proxectos de Biblioteca son os PDI, realizados por todos os cursos e que este ano versaron sobre to tema da cidade.

Os PDI son pequenos traballos de investigación nos que procuramos chegar a un novo coñecemento a través da búsqueda de información, acadando cada vez máis autonomía e capacidade de expresión persoal.

Hoxe xoves presentaron aos compañeiros o resultado do seu traballo, os alumnos de Ed. Infantil, 1º, 2º e 3º de Primaria.

Nestas imaxes podemos ver algúns momentos desa presentación.

25 DE NOVEMBRO: DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

As Bibiliotecas Escolares de Galicia solidarizámonos co problema da violencia de xénero no mundo e queremos facer unha pequena aportación co motivo da celebración o 25 de novembro do Día Internacional contra a violencia de xénero con este pequeno conto para os nosos nenos e nenas, que trata o tema da coeducación como base fundamental para loitar, dende os principios da nosa formación, contra a violencia de xénero.
O conto títúlase "Una feliz catástrofe" de Adela Turín. Se queres velo pincha na foto:


lunes 9 de noviembre de 2009

A FIGUEIRA DE PELOSTORTOS

Polo Samaín e como xa vén sendo habitual no centro, a Biblioteca regalounos a todos un conto de medo, escenificado por varios profesores, e que falaba de Pelostortos, un home egoísta e cruel que nunca quixo compartir cos nenos os figos da súa figueira. Ao final o inxenio e imaxinación dos nenos vence a mezquindade deste malvado personaxe.
Podedes ver neste vídeo que realmente o pasamos de medo!!!



lunes 26 de octubre de 2009

CONTADOR, QUE ME QUERES CONTAR...?

CONTADOR, QUE ME QUERES CONTAR...? foi outra das actividades programadas para celebrar o 24 de outubro, Día das Bibliotecas e resultou ser ademais de novidosa, moi ben acollida polos nenos e nenas do centro.

Consistiu en que durante a hora de ler do pasado venres, alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria, convertéronse durante uns minutos en contacontos e pasaron polas aulas de infantil, 1º, 2º e 3º de primaria para levarlles algúns contos, que eles mesmos tiñan seleccionado e preparado.

A experiencia foi celebrada por todos e non descartamos volver a repetila noutra ocasión.
Para que vos fagades unha idea de como se desenvolveu, deixamos aquí estas imaxes:

martes 20 de octubre de 2009

24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS

Para nós o Día das Bibliotecas é cada día do ano, posto que ao longo de todo o curso realizamos actividades dende a Biblioteca, que nos acercan ao mundo do libro de maneira permanente e así nos sentimos sempre "enganchados" ás aventuras, ao medo, á poesía... ao mundo da lectura.

De todas formas queremos dunha maneira especial adicar o día 24 de outubro a pensar no que nos brindan as Bibliotecas á nosa formación como persoas e como alumn@s, especialmente a nosa Biblioteca de San Martiño.

Por iso este curso aínda que a pobre se atope pechada por obras, seguimos vivindo o seu espíritu lector e organizamos unhas cantas actividades, entre elas a creación dun marcapáxinas, que elaboraron tod@s @s alumn@s do centro, que se atopan expostos no pasillo inferior do centro.


Os tres que foron seleccionados de cada aula podedes velos aquí: