Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

luns, 30 de decembro de 2013

E NOS ÚLTIMOS DÍAS DO TRIMESTRE CELEBRAMOS ASÍ AS FESTAS DO NADAL...

RECIBIMOS A PAPA NOEL
E CANTAMOS PANXOLIÑAS

mércores, 18 de decembro de 2013

FELICES FESTAS!!!


Co mural colaborativo que elaboramos entre toda a comunidade educativa do CEIP San Martiño, felicitamos este ano as festas de Nadal, co seguinte lema:

TODOS SOMOS UN.
TODOS SOMOS UN SÓ CORAZÓN. 

Desexamos a todas as familias do centro, profesorado e demais persoal que estas festas sexan unha oportunidade máis para vivir a paz, o amor e a fraternidade destas datas tan especiais.
 

martes, 17 de decembro de 2013

VISITA AO MUSEO DE PONTEVEDRA E A IMPRENTA PEÓN

O venres 13 de novembro, o alumnado do 3º ciclo de Primaria, fixemos unha saída moi interesante.  Primeiro visitamos o Museo de Pontevedra, alí nos agardaban uns guías que nos dividiron en grupos: nun  os de 5º e noutro os de 6º.
Os de 5º empezamos por ver a importante colección de prata, e a continuación, a de acibeche, pero, o que máis nos gustou  foi a sala dedicada aos barcos. Vimos unha reproducción  da nao Santa María, tamén chamada A Galega, na que Colón chegou por primeira vez ao continente americano.  Despois baixamos unhas escaleiras que ían dar ao interior da fragata Numancia, que foi o primeiro barco acorazado español, parecía que estabas na  cámara de  oficiais do almirante Méndez Núñez.
Os de sexto, vimos  a colección de pintura, fixemos xogos para atopar algúns cadros e explicáronnos a súa historia.
Diante, ao saír, fixemos unha foto no cruceiro, a continuación nos diriximos á imprenta  Peón, que é a máis antiga de Pontevedra, e está situada na praza do Teucro. Polo camiño paramos na praza da Leña e  na da Verdura e vimos varias fontes; como a dos Tornos, onde antigamente lavaban os ollos para curalos. Cando chegamos o avó de Felipe, que é o dono, ensinounos como se fai un periódico, o material e as máquinas que se utilizan. Fai unhas semanas xa estivera no colexio falando do que é unha imprenta, como se traballa  e as cousas que se fan.
Por último cando volviamos a coller o autobús  pasamos por diante da casa do pirata Benito Soto ( hoxe a chamada casa das Campás).
Foi unha saída cultural moi boa e entretida na que aprendemos moito da nosa cidade.



venres, 29 de novembro de 2013

A EXPERIENCIA DE SER MONITORES NO MAGOSTO

Non chas quero, non chas quero,
castañas do teu magosto,
Non chas quero, non chas quero,
que xa estamos en agosto.

Como xa ven sendo costume dende fai algúns anos, no CEIP San Martiño,  o alumnado de sexto curso, son os que dirixen os xogos tradicionais no Magosto. Durante unhas horas, fan de profesores, namentres se van asando e comendo as castañas. 
Quixemos que nos contaran a súas experiencias, estas son algunhas das  opinións :
-  Os do tira corda.
 “ Foi o día mais esgotador da miña vida, non só por tirar da corda ata deixar os dedos vermellos coma chourizos senón por aguantar aos nenos.”
 “ Esta experiencia deume a entender o traballo que teñen que facer os profesores inda que foi divertido”
- Os da carreira de culler con castañas.
” Paseino ben e mal á vez, porque algúns nenos non se portaban ben. Por enriba,  cos pequeniños que tiña que estar agachada todo o rato porque se lle caía a castaña.  Acabei cunha boa dor de  lombo”
” Por unha parte, foi divertido porque tiñamos que axudarlles  a xogar pero, por outra, non me gustou, porque non che facían caso e tiñamos que berrar moito”
- Os do arrinca cebolas.
 “ Foi moi duro, non que volver facer de monitor”
” Algúns nenos estaban a berrar pero gustoume moito. A min acabou doéndome  a garganta de tanto gritar para que me fixeran caso.”
- O corro da castaña.
“Ao primeiro, estaba un pouco nerviosa pero enseguida me tranquilicei. Logo púxenme moi cabreada porque os nenos facían bastante o parvo. Tiven que chegar á casa e beber auga do que me doía a garganta”.
- O xogo da laranxa.
 “ Organizar o xogo das laranxas cos pequeniños foi moi duro e canso. Os meus compañeiros din que de maiores non queren ser profesores, eu creo que tampouco. Inda que o pasei moi ben e encantoume o Magosto”
- Carreira de vermes.
”Gustoume moito ensinar os xogos aos nenos porque así aprendes o que soportan cada día os profesores, o que é, que expliques e que non te atendan. Pareceume unha boa experiencia.
- Xogo da rá.
”Foi un día moi divertido, nunca o esquecerei. Rematamos comendo castañas. Foi unha experiencia incrible.

E agora para rematar: Piruleta de castaña
Ingredientes: Castañas asadas ( bullós). Chocolate fundido. Labras de coco e cores.
Preparación: Atravesamos cada un dos bullós cun palillo,  a continuación o mollamos no chocolate, e a decoramos ao noso gusto coas labras de coco e cores.
Que rica!!!
A castaña no ourizo
quixo rir e rabiou,
caeu do castiñeiro en baixo
mira que golpe levou.

                                            Alumnado de 6º curso.


sábado, 2 de novembro de 2013

31 DE OUTUBRO: DÍA DO SAMAÍN, DÍA DO MEDO!!! 

Como xa vén sendo tradicional no centro, este ano tivemos unha exposición de cabazas, que o noso alumnado trouxo decoradas da casa, grazas á colaboración de todas as familias, ás cales queremos,  dende Salcedoteca agradecer pola súa colaboración e interese en participar nesta actividade colectiva.
Aquí deixamos unha pequena reportaxe gráfica da mesma:



 
Unha vez ao ano e por estas datas, o profesorado representa un conto de medo para os nenos e nenas do centro, participando así nunha actividade de fomento da lectura escenificada, que marca un dos nosos obxectivos educativos máis salientables. Realízase tamén a modo de agasallo posto que no resto do ano é o alumando o que le, escenifica ou representa para todos nós as súas lecturas.
Este ano presentamos o conto clásico de Barbazul, o malvado e sanguinario esposo, que ao final remata preso no calabozo máis profundo do seu castelo, grazas á intervención da familia da súa muller, quen se libera deste xeito da súa opresión.
Final feliz e aplausos emocionados do público!!!


xoves, 31 de outubro de 2013

OUTUBRO, MES DAS BIBLIOTECAS

 No Ceip San Martiño, o mes de outubro foi todo un mes dedicado á Biblioteca, que este ano destinamos a repasar os clásicos.
Empezamos cunha exposición na Biblioteca de contos clásicos para motivar a ler sempre estes libros que son fonte de cultura. Despois nas aulas seguimos facendo exposicións con libros que os propios alumnos trouxeron das súas casas ademais durante este mes sempre lemos clásicos na hora da lectura.
Rematamos cun grande festival de contos, onde os maiores  de 4º, 5º e 6º de Ed. Primaria  contáronlles contos aos máis pequenos. Polo colexio eses días puidemos ver un montón de personaxes de contos: Os sete cabritos e o lobo, Os soldadiños de chumbo, Os tres osos, A cincenta, A casiña de chocolate, A leiteira. E un pazo oriental ambientado, nas Mil e Unha Noites, con Sherezade e Aladino con música de Rimsky –Korsakov. Os días 23 e 25 na hora da lectura todo o colexio se trasladou ao país dos contos. 
Foi moi bonito.Recomendamos que leades moitos contos de todo tipo, mais os clásicos deben ser sempre os primeiros, porque son os pais e nais dos demais contos.
Vivan os contos!!!
Vivan as Bibliotecas!!!

martes, 8 de outubro de 2013

VIAXE AO NEOLÍTICO...

Exposición "Neolítico" organizada pola obra social "La Caixa".
O venres, 4 de outubro, as nenas e nenos de 1º e 2º visitamos unha exposición sobre o Neolítico. Recibiunos unha guía que se chamaba Ana. Contounos moitas cousas sobre os homes e as mulleres da Prehistoria. Primeiro, vivían en cavernas, despois construíron cabanas de barro con teitos de palla. Ana mostrounos como cazaban con arcos e frechas.Tamén nos ensinaron cómo facían lume frotando dúas pedras. Na exposición vimos como confeccionaban a roupa coa pel dos animais. Ana explicounos nuns debuxos cómo os homes e mulleres do Neolítico descubriron a agricultura e cómo aprenderon a domesticar algúns animais como: as ovellas, os cans lobos, os cabalos...e así deixaron de andar dun lugar a outro buscando alimentos.Sorprendeunos que enterraran aos seus mortos baixo a terra das súas cabanas.
Gustounos moito a exposición!!
Volveremos cos nosos pais!!
Tamén aproveitamos para visitar unha exposición titulada "Por fin xa son maoir" da Fundación Novagaliciabanco, adicada aos avós e que amosaba as actividades tan diversas que nesta idade se poden levar a cabo. Quedamos abraiados da enerxía que teñen e das moitas cousas que nos poden aportar a nós, dende a súa experiencia e sabiduría.

BENVID@S AO CURSO 2013-14!!!


Dende o 11 de setembro xa estamos en marcha, traballando coa ilusión e esperanza que poñemos cada ano no noso proxecto educativo. 
Ao longo deste trimestre temos xa unha serie de actividades programadas, tanto a nivel complementario como na Biblioteca do centro, que este curso pensa desenvolver dous proxectos, un dos cales está xa en funcionamento.
Dentro desta liña de animación á lectura, podemos mencionar, entre outras, unha de colaboración coas familias  e que xa é coñecida dende cursos anteriores: A MOCHILA VIAXEIRA,  a cal  ten como obxectivo acercar o mundo da lectura ao ámbito familiar.

martes, 2 de xullo de 2013

MÁIS FOTOS

AQUÍ DEIXAMOS MÁIS FOTOS DO FESTIVAL FIN DE CURSO, GRAZAS Á AMBILIDADE E APORTACIÓN DESINTERESADA DO PAI DE RAQUEL GARCÍA, ALUMNA DE 3º DE PRIMARIA, QUEN NOS CEDEU ESTA REPORTAXE FOTOGRÁFICA XENEROSAMENTE.
 

 

martes, 25 de xuño de 2013

Un festival musical

¡Vaia festival máis musical o deste ano!

Para rematar dun xeito festivo o proxecto dedicado á música puidemos disfrutar de moitas actuacións musicais con cáncións en distintos idiomas, bailes, raps, música clasica... Ademais tivemos teatro en galego e en inglés, a entrega de orlas aos alumnos de 6º de Infantil e 6º de Primaria ... e ata choramos despedindo aos alumnos que se van para o Instituto. Seguro que eses momentos tan emotivos quedarán nas nosas memorias por moito tempo.

Aquí en Salcedoteca deixamos testemuña desta " festa de despedida" coas seguintes imaxes:

mércores, 12 de xuño de 2013

AS AVOAS DE EDUCACIÓN INFANTIL
O ano pasado a nosa participación en PONTE...NAS ONDAS!!!  foi un grande éxito, xa que a nosa película "O Lobo Feroz" foi seleccionada para competir no Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF).
Así pois, este ano repetimos participación coa colaboración das avoas de Nicolás Pardo e de Caterina Solla  de 6º de Educación Infantil explicando xogos tradicionais.
O venres, 31 de maio acompañounos Dna. María Aguete, avoa de Nicolás Pardo, quen nos explicou xogos tales como Nesta casiña hai lume?... Vai para aquela que botan fume ou A corda, o trompo, e os pelouros.

O luns, 3 de xuño estivo no centro Dna. Maribel Portela, avoa de Caterina Solla. Con ela aprendemos o xogo de Antón, Antón pirulero e tamén algún xogos de cartas.

 A ambas as dúas lles agradecemos que atendesen a nosa petición e que  participasasen nesta experiencia.
Aquí temos as fotos de recordo deses momentos.


sábado, 1 de xuño de 2013

ACTUACIÓN DO TEATRO EXTRAESCOLAR

O pasado mércores, 29 de maio tivemos o pracer de disfrutar da actuación dos alumnos e alumnas, que este ano participaron na actividade de teatro extraescolar, organizada pola ANPA,  co seu profesor Manuel Solla. A obra titulábase "Unha tarefa escolar" e foi representada por alumnado do noso centro e do CEIP Cabanas. Pensamos que este traballo colaborativo foi una boa oportunidade para realizar una actividade conxunta que contribúe a desenvolver actitudes de tolerancia e convivencia, que dende aquí aplaudimos como tal iniciativa.
Aproveitamos para felicitar a todos os actores e actrices pola súa actuación e deixamos aquí esta pequeña testemuña gráfica para o voso recordo.
 
 

 

 
Se queredes, tamén podedes pinchar nos seguintes enlaces para poder ver o vídeo que amablemente nos cedeu Benito Juncal, pai de Sasa Juncal, alumna do CEIP Cabanas, ao cal lle agradecemos a súa a tención e amabilidade por aportarnos este material:
 



martes, 21 de maio de 2013

ESTIVEMOS NO AIRE CON ONDA CERO

O pasado mércores, 15 de maio, a emisora de radio ONDA CERO emitiu co motivo das Letras Galegas un programa en directo desde o CEIP San Martiño.

A continuación podedes ver un vídeo da gravación e unha presentación de fotografías da mesma.


mércores, 8 de maio de 2013

PARTICIPAMOS NO CORRELINGÜA



O alumnado dos cursos de 3º, 5º e 6º participamos no Correlingüa que se celebrou en Pontevedra o día 6 de maio.

O Correlingüa é unha carreira para invitar aos nenos e nenas de toda Galicia a que utilicemos o noso idioma, o galego. Cada día do mes de maio percorre unha vila ou unha cidade galega.

En Pontevedra, outros anos, faciamos o percorrido pola zona antiga da cidade, o que era mais divertido, pero este ano como chovía tivemos que ir ao recinto feiral e celebralo alí.

Tamén o pasamos ben;  porque estivemos con nenos e nenas doutros coles e ademais vimos algunhas animacións : un dragón que botaba auga pola boca, un afiador coa súa roda..

Escoitamos o manifesto que leron os do IES de Pontecaldelas. Cantamos, bailamos e comemos unhas mazás moi ricas que trouxeron os do colexio Marcos da Portela.

Por último nos deron un lote de libros para o colexio e un globo que soltamos á saída.

Viva o galego!!!.
 


 

mércores, 24 de abril de 2013

APRENDEMOS MÚSICA CON  MARÍA E NOELIA...

María e Noelia Amado Corbacho dúas exalumnas do centro , viñeron o luns, día 22 de abril a dar unha charla aos nosos alumnos sobre os instrumentos musicais.
María e Noelia son dúas músicos profesionais. María é trompista e Noelia toca a trompeta. Estudiaron no Conservatorio de Música de Pontevedra e actualmente tocan na Banda de Música de Beade en Vigo.
Felicitámolas pola súa intervención e dámoslles as grazas por atender tan amablemente a nosa invitación de vir ao centro.


 
E REMATAMOS CUN CONCERTO DIDÁCTICO...
 
Para rematar esta parte didáctica e de aprendizaxe musical, hoxe, mércores 24,  tivemos a sorte de contar cun quinteto de metal madeira formado por Eva Campos, clarinete; David Lede, clarinete; Alejandro García, frauta traveseira; Gonzalo Lemos, fagot e Luis Enrique Castro, percusión.
 
Foron acompañados por María Amado Corbacho, quen organizou tanto a parte teórica como a que presentou a este quinteto no centro para dar o concerto.
Foi impresionante escoitalos  como músicos e moi ameno escoitalos  como ponentes, xa que as súas explicacións, moi claras e sinxelas, serviron para non só manter todo o termpo a atención do alumnado, senón que  aprenderon, dunha forma divertida,  moitísimas cousas sobre a música.
 
Felicitacións a este maravilloso quinteto e felicitacións especiais a María e á súa irmá Noelia, queridas alumnas que o foron deste centro,  pola profesionalidade como músicos e pola súa capacidade para comunicar co alumnado, transmitíndolles o interese e a emoción que produce  a música!!!
 
 

martes, 23 de abril de 2013

VIOLINISTAS DE 3 ANOS

O alumnado de Educación Infantil está investigando a diferentes músicos, entre eles aos violinistas. Por iso, grazas á colaboración da familia de Nuria, unha alumna da nosa clase, puidemos “ tocar” o violín e asistir a un concerto interpretado amablemente por unha alumna de cuarto de primaria: Claudia Acuña Rodríguez.
 

 


IX SEMANA DA LECTURA: A MÚSICA

LUNS, 22 DE ABRIL
Actuación do alumnado de 3 anos, que presentaron un traballo sobre o músico pontevedrés, Manuel Quiroga e os de 4º de Primaria que presentaron un estudo sobre A música na Idade Media, rematando a súa actuación cunha Cantiga de Santa María, acompañada a frauta por varios alumnos e coa participación especial de catro compañeiros do grupo que tocaron varios instrumentos como o violín, a viola, o acordeón e a viola de gamba. Éste último tocado despois por Nuria, quen nos explicou algunhas cousas interesantes sobre este antigo instrumento medieval.



MARTES, 23 DE ABRIL
Actuación de alumnos de Ed. Infantil de 5 anos coa presentación da Primavera de Vivaldi e a continuación os alumnos de 2º de primaria expoñen un traballo sobre Os Beatles.
Rematamos os actos do día coa intervención de Andrés Pedrosa, alumno de 4º de Primaria, quen despois de darnos unha explicación sobre a viola, deleitounos cunha breve peza musical.

MÉRCORES, 24 DE ABRIL
Presentación do traballo sobre Martín Códax, realizado polo alumnado de Ed. Infantil de 4 anos; dentro dos nenos músicos do centro, actuou Claudia Acuña, explicando o seu instrumento, o violín, e ofrecéndonos despois una pequena peza musical e,  por último, gozamos da actuación dos alumnos de 1º de Ed. Primaria que nos ensinaron moitas cousas sobre a biografía de Mozart, o pequeno mago e tamén puidemos deleitarnos coa audición dalgunhas pequenas partes de  varias pezas musicais do xenial compositor.



XOVES,  25 DE ABRIL

Actuación de alumnos de 3º de Priamaria, presentando un traballo sobre os instrumentos tradicionais galegos e remate con 5º de Priamaria, que estudiaron a figura de Paganini , titulando o seu traballo  "O Diaño".
 



VENRES, 26  DE ABRIL

Pecharon a semana os alumnos de 6º que nos falaron sobre a gaita galega e interpretaron pequenas pezas musicais do noso folclore. Fixemos un final festivo coa gran actuación dos Chichisos, grupo de música tradicional, que nos ofreceron un concerto didáctico, rematando cunha gran folión!!!

venres, 22 de marzo de 2013

NENOS CONTADORES NO SALÓN DO LIBRO

Algunhas nenas e algúns nenos de 5º e 6º participamos no apartado de Contadores de Historias do Salón do Libro de Pontevedra. Como era pola tarde, tiveron que levarnos os nosos pais ou alguén da casa, por eso, algúns compañeiros non puideron ir.

Este ano lembráronse de dúas mulleres moi importantes: a mestra Mercedes Vázquez e a grade escritora Rosalía de Castro.

Mercedes Vázquez quería que todas as nenas e nenos falaran ben o galego, por iso, tivo a idea de crear o apartado de Contadores de Historias. Nós quixemos dedicar algúns versos de Rosalía á memoria de Mercedes Vázquez.

Xunto co  colexio San Martiño, tamén participaron algúns, nenos e nenas do cole de Campolongo que fixeron unha representación moi bonita do conto COCORICO.

Nós contamos a vida de Rosalía resumida nun Power point e recitamos poesías, algunhas moi graciosas, como:
Eu ven vin estar o moucho.
Tamén Turra turra; que di o larpeiros que son algúns animais.
Vamos Bebendo que fala dos soños que temos as persoas, e que a veces se cumpren e outras non.
Outra foi Xan onde hai unha muller que sempre está mandando ao seu home a facer todas as tarefas.
Por último cantamos e recitamos Alborada

Mais, inda había unha sorpresa final, o profe Elias que é gaiteiro, rematou a velada tocando na gaita A Fermosa Alborada, coa música que compuxo o gran Avelino Cachafeiro, e que soou en toda Galicia día de Rosalía o pasado 24 de febreiro.

Pasámolo xenial inda que tamén pasamos nervios porque había moito público.

Maia “Eu quería ir porque me gusta divertir ao público de todas as idades. Gustaríame que todas as persoas puidesen gozar da fermosidade do Salón do libro.”

 

martes, 26 de febreiro de 2013

PROGAMA DE RADIO. DALLE Á LINGUA DE ONDACERO P...

O martes 19 e o venres 22 de febreiro. A cadea de radio, Onda 0, estivo no noso colexio facendo unhas gravacións, para un programa de radio.
 Os traballos empezaranse a emitir: dende o luns 4 de marzo ata o venres 15, as emisións durarán dúas semanas; de luns a venres, entre as 11,50 e as 12 horas da mañá

Pódense escoitar en directo ou a través da web http://www.ondacero.es/emisoras/pontevedra/
(Pinchade en "escuchar en directo" e buscar PONTEVEDRA.

Nesta experiencia radiofónica participou o alumnado de E. Infantil e 3º Ciclo de Primaria. Ambos presentaron os traballos cos que van participar no Salón do Libro de Pontevedra.

As nenas e nenos de Infantil, falan do que aprenderon sobre os trens. Este traballo acompáñano de libros, feitos por eles mesmos, máis unha maqueta dun tren, que presentan ao Salón do libro, que este ano se titula; A Toda Máquina.

O alumnado do 3º Ciclo únese a celebración do 150 aniversario de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Prepararon un power point sobre a vida e obra de Rosalía e ademais recitan algúns poemas. Tamén o presentan no apartado de Nenos Contadores de Historias,  nesta edición se rende homenaxe a mestra Mercedes Vázquez

Este prograrma de radio de OndaCero está patrocinado pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra dentro do programa: Como lle chamas ás cousas?.

Moitas gazas a todos por darnos a oportunidade de participar nunha experiencia tan divertida e interesante.
 

 

mércores, 20 de febreiro de 2013

FESTA DO ENTROIDO: HISTORIA DO ROCK


Este ano o noso Entroido estivo dedicado ao Rock co motivo do inicio do noso segundo proxecto de Biblioteca, adicado en xeral á historia da música. 
Realizamos diferentes obradoiros lúdicos ao longo da xornada, nos cales traballamos coa plática, a confección dun instrumento, maquillaxe, baile, xogos de informática...
Deixamos aquí esta pequena reportaxe.

 

xoves, 31 de xaneiro de 2013

SAÍDA AO CONCERTO DE ODAIKO



O venres 29 de xaneiro, o alumnado de 5º e 6º, asistimos a un concerto de percusión dun grupo galego de música chamado Odaiko. 
Empezaron facendo rimos co corpo: pés, mans, xeonllos...

Dixeron que o primeiro instrumento musical que existiu; foi o noso propio corpo, antes incluso que as frautas

Estaban disfrazados de nenos que facían música con todo o que atopaban; cos pupitres na escola tamén fixeron os sons que se escoitan nunha clase como o xiz ou os lapis. Logo tocaron catro a vez a marimba. A continuación tocaron uns tambores moi raros que trouxeron do Xapón,

Fixeron música con botellas, unha tixola ...Todo lle serve para facer rimos.

Despois cuns tubos de plástico uns máis grandes e outros máis pequenos, chocando conta o chan, interpretaron O Can Can de Offenbach esto foi o que máis nos gustou.

Todo o que fixeron o fixeron cun toque de comedia. Demostraron que a música está en todas partes solo fai falta descubrila.

Por último asinaron autógrafos.

Gustounos moito