Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

domingo, 25 de xaneiro de 2009

MOCHILAS VIAXEIRAS

Acaban de poñerse en marcha esta mesma semana, as Mochilas Viaxeiras en todos os niveis do noso centro.

Este programa, promovido pola Asesoría de Bibliotecas Escolares, ten como obxectivo acercar o mundo da lectura ao ámbito familiar e crear ademais entre a escola e as familias unha canle de comunicación a través dos libros.

As nosas mochilas van cargadas de historias, poesías, vídeos... para pequenos e grandes. Ademais presentan a particularidade de levar un CD cos traballos de investigación que levou a cabo este trimestre o alumnado dende 4 anos en diante.

Trátase de pequenos documentais que partiron do proxecto da Biblioteca, "As historias de amor", e que podedes agora atopar na mochila ou premendo nos seguintes enlaces (tede paciencia porque poden tardar un pouco en cargar): e de Infantil e , , , , e de Primaria.

Esperamos recibir os vosos comentarios, suxestións, opinións... no Caderno Viaxeiro que acompaña a cada unha das mochilas, para poder así ir mellorando a nosa oferta de lectura e que ao final consigamos entre todos unhas boas lecturas para disfrutar, compartir, contar... ! ou todo aquilo a onde nos leve a aventura de ler!

¡Que as disfrutedes!

luns, 12 de xaneiro de 2009

¡FOI PREMIADO O NOSO PROXECTO LECTOR!

Acábanse de publicar recentemente no Diario Oficial de Galicia os premios á innovación educativa nos niveis non universitarios, que foran convocados en maio do 2008.

O CEIP San Martiño presentara o seu Proxecto Lector de Centro nunha das modalidades que contemplaba a Consellería de Educación nesa convocatoria e temos a satisfacción de comunicar que obtivemos un dos cinco premios que se concederon a nivel de Galicia.

Noticias coma esta supoñen unha dose de ánimo importante e axúdannos a continuar coa nosa labor docente de buscar día a día o mellor que poden dar de si os nosos alumnos. Tamén confirman que o noso traballo dentro da dinamización da lectura está no bo camiño e resulta moi gratificante saber que as actividades que se levan a cabo no centro son valoradas por unha entidade educativa, como é a Consellería.

Ademais de toda a alegría que supón este recoñecemento, non podemos esquecer que o premio vén acompañado cunha dotación económica de 1.500 euros, que se destinarán á mellora e ampliación dos fondos bibliográficos da nosa Biblioteca e para dar cumprimento aos obxectivos do Plan Lector.