Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

sábado, 21 de decembro de 2019

BO NADAL

Hoxe foi un día moi especial!!! 

Especial de ver a  todos o nosos cativ@s gozar coa visita de Papá Noel e os seus Elfos,  de ver esa ilusión nas súas cariñas, ese momento de nervos, de inocencia...
Un día de celebración e felicitacións a través de panxoliñas, cantos de reis e incluso unha obra de teatro.

E nós non podiamos ser menos... por iso... todos os que formamos parte da COMUNIDADE EDUCATIVA do CEIP San Martiño queremos desexarvos un BO NADAL e un FELIZ ANO 2020, cheo de novas ilusións e moi bos momentos!

Agradecemos, tamén, a colaboración da ANPA, que sempre está disposta a colaborar con nós, para que este día sexa marabilloso. 

Durante estes días subiremos as fotos e vídeos! Estade atentos!!!


domingo, 8 de decembro de 2019

"A NENA E O GRILO"

O mércores pasado, os alumnos e alumnas de 1º e 2º de primaria achegáronse  ao Teatro Principal de Pontevedra para gozar da nova obra de Magín Blanco

"A NENA E O GRILO"

Esta nova montaxe conta, a través da amizade, da cooperación, da tolerancia e da superación aos medos, unha historia onde os protagonistas pisan sen querer á súa amiga Xertudre a Araña... Buscando a maneira de devolvela á vida, atópanse uns artistas ambulantes que os guiarán a través da maxia e da música ao País dos Mortos.


xoves, 5 de decembro de 2019

DE ROTEIRO POR PONTEVEDRA

Onte, os nenos e nenas de 6º de Educación Infantil puideron desfrutar dun roteiro polas prazas máis emblemáticas de Pontevedra: Praza da Peregrina, Praza da Ferrería, Praza de Ourense, Praza da Estrela, Praza da Verdura, Praza da Leña...


Todos e todas escoitaron moi atentos a Roberto, quen lles explicou o por que do nomes das prazas e que se facía en cada unha delas durante a Idade Media.
Deixámovos unha pequena mostra, pero se quereres ver todas as fotos podedes facer clic aquí




Pasáronno xenial e ata practicaron levando un caldeiro na cabeza, como facían as mulleres antigamente.





mércores, 4 de decembro de 2019

SEXTING E TECNOADICIÓN

Esta actividade forma parte do PLAN DIRECTOR para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos,  impulsado desde Delegación do Goberno en Galicia e a Alta Inspección de Educación, na cal leva participando o CEIP San Martiño dende hai varios anos.

"O pasado venres, dous membros da Comisaría de Policía de Pontevedra, viñeron ao colexio a darnos unha charla sobre o “sexting” e a “tecnoadición” e  advertirnos ao alumnado de 5º e 6º de primaria sobre o perigo das novas tecnoloxías.
Sobre as tecnoadicións explicáronnos como detectar se alguén é tecnoadicto/a en calquera das súas formas: grooming, vamping, hikikomori …
Ser unha persoa tecnoadicta lévanos a establecer menos contacto cara a cara, a xogar menos cos nosos amig@s e, en definitiva, a pasar menos tempo ao aire libre. Algúns sinais desta adición son que sentes a necesidade de estar conectado a un aparato electrónico, que estás de mal humor se non podes estar conectado e ao conseguinte illamento de familiares e amigos.
Cando un adulto, mediante as redes sociais ou aplicacións, contacta cun menor a través dun perfil falso para conseguir  fotos, falamos de grooming.
Sobre o sexting explicáronnos que consiste no intercambio de fotografías pornográficas entre a persoa que acosa e a persoa afectada, e que os nosos pais/nais teñen que saber en todo momento o que temos no móbil e as consecuencias para nós se o usamos mal."

                              ** Texto escrito polo alumnado de 6º de Ed. Primaria




mércores, 27 de novembro de 2019

PALABRAS PERCUDITAS

Hoxe, os nenos e nenas de 1º e 2º de primaria asistiron ao Sexto Edificio do Museo de Pontevedra para desfrutar de PALABRAS PERCUDITAS: un concerto didáctico onde se mesturou a música coa narración oral, onde instrumentos musicais moi descoñecidos polo alumnado como o djembé, bombo liguero, xilófono de barro, udu e tambores de garabato, axudaron a tomar forma propia a través do ritmo.

Foi un luxo poder gozar da voz de Charo Pita e da música de Javier Fernández, ademais dunha explicación da orixe dos contos narrados e dos instrumentos utilizados durante a función

Velaquí unha pequena mostra do ben que o pasaron!
Se quereres ver todas as fotos facede clic na imaxe





luns, 25 de novembro de 2019

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Hoxe, 25 de novembro é o día internacional contra a violencia de xénero e nós non quixemos pasalo por alto.
Dende o CEIP San Martiño dicimos NON Á VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES todos os días... a todos os niveis... en todas as idades!!! Nós non somos cómplices!!!


Amosámosvos un breve resumo do traballo feito polos nos@s alumn@s: tamén din NON á violencia de xénero!!! Fai clic na imaxe para velo

sábado, 16 de novembro de 2019

A VIAXE DO GUERNICA

Onte, venres 15 de novembro, as nenas e nenos de 5º e 6º de visitaron a exposición de La Caixa sobre o cadro do Guernica situado na Praza de España de Pontevedra.

O guía, Daniel, contoulles moitísimas cousas en relación a este cadro de Pablo Picasso, como que foi o encargo que lle fixo o bando da República a este pintor en plena Guerra Civil e que non cobrou por el, mais si hai un recibo que especifica o prezo do material empregado; grazas a iso O Guernica puido traerse a España en avión despois de 38 anos.
Hoxe en día pódese visitar no museo Reina Sofía de Madrid.




O CAMIÑO E OS ESPAZOS NATURAIS

Hoxe, o alumnado de 4º e 5º de Educación Primaria realizaron a derradeira actividade en colaboración coa Asociación de amigos e amigas do Camiño Portugués.

A actividade clausurouse cunha exposición dos traballos realizados polos nenos e nenas á que acudiron diversas autoridades do Concello de Pontevedra, da Deputación e da Xunta de Galicia.

Todos os nenos e nenas foron agasallados cunha mochila que contiña diversos obxectos relacionados co Camiño a Santiago.

Se queres ver todas as fotos fai clic aquí


xoves, 14 de novembro de 2019

PRIMEIRO PREMIO ERNESTINA OTERO

Estamos de celebración! 

Hoxe, os alumnos de Educación Infantil e 1º de primaria, foron a recoller, no Teatro Principal de Pontevedra, o PRIMEIRO PREMIO, por segundo ano consecutivo,  da súa categoría, pola súa participación nos premios ERNESTINA OTERO 2019. 

A través da proposta galardonada "Unha mirada lila desde as pioneras pontevedresas ata as descoñecidas científicas"os máis peques do colexio, coa axuda das súas mestras, traballaron a visibilización das aportacións fundamentais realizadas polas mulleres ao longo da historia no ámbito científico.
Asimesmo, o premio valora a loita contra os estereotipos de xénero, que se marcan dende as idades máis temperás, a través de aspectos achegados á nosa realidade, dotando ao noso alumnado de ferramentas para enfrontarse aos estereotipos e acadando resultados satisfactorios.

Presentámosvos un vídeo da recollida de premios! Esperemos que disfrutedes tanto como o fixeron hoxe os nosos peques!!!

PARABÉNS!!!

Clica na imaxe para que se reproduza o vídeo





martes, 12 de novembro de 2019

O MAGOSTO

Un ano máis, o noso magosto estivo cheo de sorpresas e bos momentos; xogos populares como “Tira da soga”, “O xogo dos rabos” ou “A ra” animaron a nosa festa.

Como xa é tradición no colexio, foi o alumnado de sexto o encargado dos xogos do magosto. Había sete grupos e sete xogos diferentes. Nenas e nenos, dende infantil ata 5º de primaria, ían rotando polos xogos. Nós, os de sexto, explicabámoslles  como xogar e logo vixiabamos que o  fixesen ben.
O tempo pasóusenos moi rápido!!!

O traballo cooperativo  fixo posible que a festa se desenvolvese ben e puidesemos gozar dun moi bo día. Alumnado e profesorado vimos brilar o noso traballo con éxito e, grazas a que o tempo acompañou, puidemos degustar as deliciosas castañas ao aire libre.

Esperamos que esta tradición do norte de España  non se perda nunca. É unha experiencia que ninguén debería deixar de ter.

(** Texto escrito polos alumn@s de 6º de primaria)


Dalle ao Play para ver o ben que o pasamos! E se queres ver todas as fotos clica aquí





sábado, 9 de novembro de 2019

EFECTO P02

O mércores os alumnos de 6º de Educación Infantil e 6º de Educación Primaria tivemos a oportunidade de participar nunha actividade que forma parte do proxecto “Efecto PO2“, unha iniciativa do noso Concello para falar e concienciar á xente sobre o medio ambiente e a reciclaxe e previr o cambio climático.
Antes de comezar co traballo, explicáronnos en que consistía o proxecto no que, ademais están a participar moitos colexios da nosa cidade co obxectivo de facer de Pontevedra un lugar aínda máis agradable do que xa é.
A actividade continuou cunha presentación de todos nós, aportando os lugares que máis nos gustaban. Asimesmo aportamos ideas sobre como sería a cidade perfecta e que infraestruturas nos gustaría  que tivese.
Para rematar repartímonos en cinco equipos e, despois de acordar cada equipo cal sería o tema, pintamos unhas teas que se exporán na Alameda o próximo 27 de novembro.
Sentímonos moi a gusto traballando en equipo cos compañeiros e compañeiras...
 Pareceunos unha idea xenial!

(**Texto dos alumnos de 6º de Ed. Primaria)






venres, 8 de novembro de 2019

VISITA AO CASTELO DE SOUTOMAIOR


O xoves, 7 de novembro o alumnado de 4º e 5º de educación primaria visitou o Castelo de Soutomaior e os seus arredores; unha actividade realizada en colaboración coa Asociación de amigos e amigas do Camiño Portugués de Santiago.
Na primeira parte da visita, un especialista da Estación Fitopatolóxica do Areeiro explicoulles a flora máis importante, facendo especial referencia ás árbores senlleiras que compoñen o xardín de excelencia internacional e os aspectos relacionados co medio ambiente e o seu coidado e conservación. 
O alumnado ficou abraiado coas secuoias xigantes e o ginkgo biloba, por ser esta unha ábore xa existente no tempo dos dinosauros e a única que sobreviviu aos ataques de Hiroshima da II Guerra Mundial.
Despois, pasaron ao castelo, onde Tino Lores fixo de guía do mesmo. Alí, puideron ver un vídeo explicativo da súa historia.

Para ver as fotos dálle ao play









mércores, 30 de outubro de 2019

SAMAÍN

Hoxe foi un día de festa!!! Un ano máis celebramos o samaín cunha chea de actividades: decoramos as portas, a nosa biblioteca transformaouse nun lugar de sorpresas de medo, nas aulas pintamos e fixemos debuxos terroríficos...

Ao final da mañá, disfrutamos dunha exposición de cabazas, grazas ao traballo colaborativo de todas as familias do centro e puidemos ver a obra de teatro titulada: "VOUTE COMER", na que aprendemos que aínda hai unha cousa peor có medo: A fame!!!!!!!!

Grazas a todo o profesorado que fixo posible que disfrutasemos de todas estas actividades do samaín!

Clica na imaxe  para ver a reportaxe gráfica deste día.


domingo, 20 de outubro de 2019

CONTADOR QUE ME CONTAS


Como en anos anteriores e con motivo do día das Bibliotecas Escolares, levamos a cabo unha das actividades más gratificantes e motivadoras para os peques e maiores do noso cole 

"CONTADOR QUE ME CONTAS"

Na hora de ler, os alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de primaria representaron aos máis pequenos do cole, Educación Infantil, 1º, 2º e 3º de primaria un conto cada día,  durante tres días consecutivos (mércores, xoves e venres).

Resaltar que os alumnos de 5º de primaria representaron unha obra creada por eles mesmos!
Clica na imaxe para ver os contos que foron escollidos. 




Se queres ver un resumo da actividade dalle ao Play




Para ver todas as fotos podes facer clic aquí

VISITA ANTÓN SOBRAL E TINO LORES


Continuando coa actividade "Amigos do camiño portugués", o pintor Antón Sobral, acompañado de Tino Lores, presidente da Asociación de Amigos do camiño portugués, viñeron ao centro para charlar cos nenos e nenas sobre a pintura e a fantasía. 
Ao rematar a charla repartiron entre o alumnado, blocks de debuxo e rotuladores, cos que os nenos/as puideron debuxar libremente.

A actividade  continuará o vindeiro día 30 de outubro cun paseo polo entorno do río dos Gafos e unha actividade de debuxo libro a carón do río.

Se queres ver todas as fotos fai clic aquí

luns, 14 de outubro de 2019

VISITA "OCEANÓGRÁFICA"

Hoxe, con motivo do noso P.D.I "O cambio climático" recibimos a visita da oceanógrafa Marta Gómez Martín.

Contounos cousas tan importantes como que non debemos tirar plásticos ao mar, que a auga das nosas casa vai á depuradora para "limparse" e, que,  así non lle faga dano á flora e fauna marítima...
Aos nenos e nenas encantoulles coñecer unha das profesións relacionadas co coidado do noso mar!

Podedes premer na imaxe para ver todas as fotos!!

https://photos.app.goo.gl/HTis69xgMcpLT2pf7

venres, 11 de outubro de 2019

CLUB DE CIENCIA

Alumnado de 5º e 6º de primaria potencian as vocación STEM a través do

CLUB DE CIENCIA

É unha actividade complementaria na que ao noso alumnado se lles suxire diferentes experimentos, co fin de que atopen resposta ás súas curiosidades e aos seus intereses. Ademáis buscamos que sempre se poida aplicar unha metodoloxía de indagación: o método científico.        

Lévase a cabo todos os xoves en horario de 16:30 a 17:30.
Para ver todas as fotos desta segunda sesión fai clic aquí.
Deixámosvos unha mostra do ben que o están a facer!


martes, 8 de outubro de 2019

O CAMIÑO PORTUGUÉS

A Asociación de Amigos do Camiño Portugués escolleu o noso colexio para participar nunha actividade promovida e organizada dende a súa asociación para que os nenos coñezan un pouco máis do que xa aprendimos o pasado curso sobre o Camiño de Santiago na nosa cidade.

Dentro desta actividade tivemos a visita que, este xoves, fixo Tino Lores, Presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués,  para falarlles do Camiño Portugués  ao alumnado de 4º e 5º e refrescar así moitas cousas que xa aprenderan o curso pasado. Tamén lles fixo entrega duns folletos explicativos da variante espiritual do camiño portugués e uns marcapáxinas como agasallo.

Posteriormente explicáronlles en que vai a consistir o resto da actividade,  que se desenvolverá durante o primeiro trimestre en tres sesións:
  • Na primeira sesión virá ao colexio un artista, posiblemente pintor o pintora da nosa cidade, que impartirán un obradoiro sobre a súa arte .
  • Na segunda sesión, os nenos e nenas sairán do centro, a un lugar elixido polo artista para facer un debuxo que será exposto no albergue dos peregrinos de Pontevedra.
  • Na terceira e derradeira sesión, faremos unha visita guiada a un espazo natural situado no Camiño Portugués.
Todo o material, así como os gastos do desplazamento están incluídos dentro de este proxecto e será proporcionados pola Asociación.

Para ver as fotos facede click na seguinte ligazón:
CHARLA AMIGOS DO CAMIÑO PORTUGUÉS


domingo, 29 de setembro de 2019

MANIFESTACIÓN POLO CLIMA

Este pasado venres 27 de setembro saímos ao patio do colexio para manifestarnos en contra do cambio climático porque queriamos que se escoitara a nosa voz para que se tomen medidas urxentes e salvar así o futuro do noso planeta.

O alumnado confeccionou distintos carteis nas titorías con lemas reivindicativos que axuden a que a situación actual do noso planeta sexa recoñecida por todos, tanto a nivel colectivo e gubernamental como a nivel individual, porque de todos depende que a terra continúe a ser un lugar habitable para as vindeiras xeracións.
A nosa natureza non é un lugar para visitar, e o noso fogar e por iso os nenos do cole quixemos sumarnos a esta protesta a nivel mundial.

Ademáis durante este curso 2019/2020 o tema do noso proxecto da biblioteca vai ser, precisamente o cambio climático.


Se queres ver toda a reportaxe pincha aquí: MANIFESTACIÓN.



luns, 9 de setembro de 2019

BENVIDOS AO NOVO CURSO ESCOLAR 2019/2020

Queremos darvos a benvida a todos os alumnos e alumnnas, pais e nais para este novo curso que comeza!

Temos por diante un novo ano cheo de logros, novas aprendizaxes, experiencias, coñecementos, curiosidades, alegrías e xogos.

Hai algunhas novidades que, de seguro, van facer que todo isto se faga realidade dun xeito lúdico e por suposto, vos axude no voso día a día.

O timbre do colexio foi sustituído por un novo sistema de megafonía e será a música a que, cada mañán, vai dar o comezo e vai poñer a fin á nosa xornada e, por suposto, con música cambiaremos de clase !!!
Estreamos xogos no patio e algunha que outra sorpresa máis que o vindeiro mércores vos espera.
Pinchade no seguinte enlace para velo: XOGOS DO PATIO.









martes, 25 de xuño de 2019

FESTIVAL FIN DE CURSO 2019

Para rematar este curso 2018/19, o venres día 21 fixemos un festival con todo o alumnado do colexio!
Despedimos o curso con diferentes obras de teatro, cancións..., entrega de orlas para o alumnado de 6º de Educación Infantil e 6º de Educación Primaria e entrega dos diplomas de Ponteciencia.

O alumnado de 4º de Educación Infantil bailou a muñeira "O vello mentireiro".  Ollade o ben que o pasaron!
O alumnado de 5ª de Educación Infantil representou a obra de teatro "Doña Carme". Martina interpretou a Dona Carme e Valeria fixo de narradora mentres actuaban os demáis compañeiros e compañeiras.
O alumnado de 6º de Educación Infantil representou a obra "Imos contar un conto", unha variación do conto "A cebra camila" relacionada co proxecto anual de biblioteca, o Camiño de Santiago. 
Ao finalizar a actuación tivemos a entrega de orlas para este alumnado que o ano que ven pasa para Primaria! Que contentos e ilusionados estaban coas súas orlas! 
O alumnado de 1º de Educación Primaria bailou "A danza do pitiño"
O alumnado de 2º de Educación  Primaria bailou "A pulga na palla de Antonio Fraguas".
O alumnado de 3º de Educación  Primaria interpretou un concerto para vaso e orquestra.
O alumnado de 4º de Educación Primaria representou a obra de teatro "Xuízo no bosque ou soñar non costa nada".
O alumnado de 5º de Educación  Primaria cantou "Eu contigo, ti comigo"
O alumnado de 6º de Educación  Primaria cantou a voces "Si mamaká"
Ao finalizar as actuacións houbo varias sorpresas! A entrega de orlas ao alumnado, unha proxección dun vídeo feito polos nenos e nenas deste curso onde dedicaban unhas palabras aos mestres e mestras e compañeiros, e un fermoso vídeo elaborado pola mestra Fátima con diferentes momentos ao longo destes anos no colexio, retrocedendo na súa infancia. Dende aquí, o profesorado quere desexarvos, unha vez máis, moita sorte nesta nova etapa!
Finalizamos este festival coa entrega dos diplomas de Ponteciencia e dos mediadores de conflitos, un orgullo para o profesorado conseguir por 5º ano consecutivo este 1º Premio!

Parabéns a todo o alumnado! 

A continuación deixámosvos dous vídeos deste día!  Para ver todas as fotografías fadede clic aquí. FOTOGRAFÍAS FESTIVAL CURSO 2019


Actuacións do alumnado de Educación Infantil. 

Actuacións do alumnado de Educación Primaria.

Foi un pracer contar coa presenza das familias! 
Que pasedes un bo verán! 


mércores, 19 de xuño de 2019

PETISCOS DE CIENCIA.

O luns 17 de xuño tivemos no C.E.I.P. San Martiño a segunda presentación sobre actividades STEM, chamadas "PETISCOS DE CIENCIA". 

Coa dirección e coordinación de Diego Fariña, mestre de CCNN, os alumnos e alumnas de 5º curso de Educación Primaria, sorprendéronos con diferentes experimentos. 
Puxemos en práctica de novo o método científico consolidando de forma divertida a aprendizaxe. Petiscos de Ciencia logrou xerar unha vez máis a curiosidade en todo o alumnado, explicando os diferentes experimentos para finalmente chegar todos xuntos a unhas conclusións. 

Algúns dos experimentos que fixeron foron:
  • Inflar un globo sen soprar, coa axuda de vinagre e bicarbonato. Un experimento de química fácil e divertido! Con este experimento aprendemos de forma lúdica sobre as reaccións químicas e os gases.
  • Facer unha fonte cunha botella, un globo e unha  palliña. Experimento de presión do aire. 
  • Levantar un vaso cun globo. Experimento científico usando auga fría e un chisqueiro.
Para ver máis fotografías pinchade aquí: PETISCOS DE CIENCIA. 
Dende aquí queremos agradecer ao mestre Diego Fariña e ao alumnado de 5º curso de Educación Primaria por esta segunda presentación de "PETISCOS DE CIENCIA"!

CONCERTO DIDÁCTICO: Banda de Música de Salcedo.

O C.E.I.P. San Martiño tivo o pracer de escoitar en directo, no salón de actos, á Banda de Música de Salcedo.
venres 7 de xuño, asistiu ao concerto didáctico o alumnado de Educación Infantil, 1º e 2º curso de Educación Primaria e o venres 14 de xuño, o alumnado de 3º, 4º, 5º, e 6º de Educación Primaria.

Comezamos pechando os ollos e imaxinando que iamos de paseo a Pontevedra, ambientando a historia coa música e acompañando o alumnado con palmas!

Foron presentando e clasificando os diferentes instrumentos mentres tocaban unha pequena melodía: o oboe,  o saxofón tocando a canción da Pantera Rosa,...
Alfredo presentounos os instrumentos da familia do vento-metal, explicándonos que necesitan una boquilla para facelos soar; a trompa e os seus cilindros que serven para facer soar as notas; a trompeta, más aguda que a trompa; a tuba máis grave; o bombardino que soa moi grave... e moitas cousas máis!

Para rematar, saíron voluntarios e voluntarias para probar e tocar os instrumentos. 

CANTAS COUSAS DESCUBRIMOS E QUE BEN O PASAMOS GRAZAS Á BANDA DE MÚSICA DE SALCEDO!