Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

luns, 19 de maio de 2008

A illa dos tesouros

A illa dos tesouros é un caderno de bitácora que trata de reflectir a aventureira travesía polos mares da realidade e da fantasía que realizaron os rapaces e mestres do CEIP San Martiño durante o primeiro trimestre do curso 2007-08.

Nesta historia cóntanse cousas que pasaron na realidade e outras que non son de todo certas; aparecen piratas e animais fantásticos; teñen lugar batallas navais e viaxes submarinas... E ademais amósanse imaxes desta fantástica viaxe e dos traballos realizados polos nosos alumnos dentro do proxecto dedicado ao mar.

Abordade este libro como piratas da lectura e atoparedes tesouros inesperados que vos enriquecerán para sempre.


sábado, 17 de maio de 2008

Día das Letras Galegas 2008

Hoxe, 17 de maio, é una data con nome propio, o nome de Xosé María Álvarez Blázquez, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008.



Defensor da lingua e a cultura galegas, membro da Real Academia e fundador de editoriais, Xosé María Álvarez Blázquez foi non só un creador de literatura galega senón que tamén creou canles para que outros escritores e escritoras puidesen publicar a súa obra.


Convidámosvos a coñecelo a el e á súa obra visitando algún dos enlaces que figuran a continuación:

Seminario Galán --------------------- Vieiros --------------------- Real Academia Galega


Xornada de xogos tradicionais

O venres, 16 de maio, na véspera do Día das Letras Galegas, celebramos unha xornada de xogos populares na que participaron todos os alumnos do colexio.


A corda, os aros, a chave, a petanca, os bolos, a rá... roubáronlle por un día o protagonismo aos libros e serviron para que os nosos alumnos e alumnas coñecesen uns xogos e deportes que son parte integrante do noso patrimonio cultural e que esperamos que volvan a formar parte do seu tempo de lecer.

Xornada de xogos tradicionais (Clicar na imaxe para ver as fotos)


Dende este blog, queremos expresar o noso agradecemento ao Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, que subvencionou esta xornada de xogos tradicionais dentro do seu programa "Maio, mes da lingua".

Hoxe fomos ao Correlingua

Martes 13 de maio.


Os alumnos e os profes de Primaria fomos hoxe a Pontevedra a participar no Correlingua, unha “marcha” popular na que se trata de animar aos participantes, máis de 2.500 este ano, a falar en galego. O lema deste ano foi: “365 días. En galego cabe todo”.


Debido á chuvia, os actos trasladáronse desde as rúas da cidade ao recinto feiral, onde os cabezudos, os gaiteiros, os malabaristas e o Xabarín nos fixeron cantar, saltar e bailar, e pasar uns momentos de diversión inesquecibles.


Ánimo, e a falar na nosa lingua!!!


Correlingua (Clicar na imaxe para ver as fotos)

martes, 13 de maio de 2008

Os avós faláronnos dos seus oficios

Ademais da participación nos obradoiros artesanais as nenas e nenos de Educación Infantil recibiron ao longo da semana unha serie de visitas moi especiais. As avoas e os avós viñeron ao colexio e contáronnos como eran os seus traballos.
  • 28 de abril: Dna. Juana España (avoa de Damián), ama de casa .
  • 5 de maio: D. Juan Peón (avó de Felipe), tipógrafo; e D. Antonio Abellón (avó de Mireya), urdidor en fábrica de seda.
  • 6 de maio: Dna. Marisol Figueiras (avoa de Diego), mestra; e D. José García (tio-avó de Rosana), electricista.
  • 7 de maio: Dna. María José Barreiro (avoa de David), ama de casa; e Dna. Guadalupe Suárez (avoa de Iván), patronista.
  • 8 de maio: Dna. María Pilar Veiga (avoa de Andrés), modista; e Dna. Dolores Díaz (avoa de Lucía), pantaloneira e costureira.
  • 9 de maio: D. Manuel Amado (tío de Sara), conserxe; e Dna. María del Carmen Gónzález (avoa de Silvia), ama de casa.

Dende Salcedoteca queremos agradecerlles a súa colaboración e a sabedoría que nos aportaron coas súas explicacións.


sábado, 10 de maio de 2008

Semana dos Obradoiros: Venres 9 de maio

O obradoiro de hoxe, venres 9 de maio, foi impartido por Jorge Quintá, pai de dous alumnos do centro, e un dos poucos artesáns do vidro que hai en Galicia. O seu traballo consiste en proxectar, decorar e construír vidrieiras, así como en restaurar as que están en mal estado.

Ao longo da súa ponencia, Jorge mostrounos os materiais que utiliza como materias primas (vidro, plomo, pinturas...), as ferramentas que emprega na elaboración das vidrieiras (cortadores, pinceis...) e o proceso de elaboración das mesmas.

Finalmente, os alumnos e alumnas realizaron cadansúa vidrieira baixo a súa supervisión. Primeiro elixiron un debuxo e colocárono por debaixo do vidro. A continuación, marcaron o contorno do debuxo sobre o vidro con plomo adhesivo. Por último, coloreárono con pintura especial para vidro, obtendo uns resultados tan espectaculares como os que podedes ver nas fotografías.

xoves, 8 de maio de 2008

Semana dos obradoiros: Xoves 8 de maio

O oficio dos oleiros é un oficio milenario, no que homes e mulleres veñen traballando artesanalmente para facer desde utensilios domésticos (olas, cuncas, pratos, xerras…) ata elementos decorativos (figuras, esculturas, colgantes…).


En case todas as comarcas de Galicia hai artesáns do barro, e a nosa cidade non podía ser unha excepción. A Asociación Cultural de Ceramistas Arxilarte de Pontevedra foi hoxe a encargada de impartir un obradoiro de barro aos máis cativos do colexio, desde Educación Infantil de 3 anos ata 3º de Educación Primaria.


Como se pode comprobar nas imaxes, os rapaces de Educación Infantil disfrutaron facendo estampacións e figuras sinxelas, mentres que os nenos e nenas de Educación Primaria confeccionaron cadanseu “maio”.


Lembrar finalmente, que esta actividade está incluída dentro do programa “Maio, mes da lingua”, promocionado e subvencionado polo Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra.


mércores, 7 de maio de 2008

Semana dos Obradoiros: Mércores 7 de maio

Os alumnos de 3º e 4º de Educación Primaria estudaron durante este trimestre un dos oficios artesanais de máis longa tradición na nosa Comunidade Autónoma, a cestería. Consultaron libros, navegaron por Internet, visionaron vídeos… para buscar información sobre os cesteiros, os materiais que empregan, as ferramentas que utilizan, os produtos que elaboran, etc.


Como remate do seu traballo, montaron unha gran exposición con distintos tipos de cestos, capachos, bolsos, etc. e paneis informativos nos que se explicaba o proceso de elaboración dos mesmos.


Hoxe, mércores 7 de maio, visitounos Pilar, unha cesteira de Marín que non só completou a información que os nenos e nenas recolleran con anterioridade, se non que converteu o comedor do colexio nun taller de cestería no que cada un dos rapaces confeccionou o seu propio cesto, cunha base de madeira e trenzándoo con médula de xunco ou rotén.


martes, 6 de maio de 2008

Semana dos Obradoiros: Martes 6 de maio

Elena Ferro, natural do Concello de Silleda, debe ser unha das poucas zoqueiras que aínda quedan en Galicia, conservando un dos oficios tradicionais, que coma outros, foi case desaparecendo cos cambios dos tempos.

Ela e a súa familia dedícanse a elaborar artesanalmente con coiro diferentes utensilios como bolsos, billeteiras, carteiras… e por suposto zocos e zocas, que segundo puidemos comprobar non son o mesmo. Participa en moitas feiras e mostras de artesanía por toda a Comunidade, amosando e tamén vendendo a quen queira os produtos da súa propia elaboración.

Este primeiro martes de maio tivemos a sorte de contar coa súa presenza aquí no CEIP San Martiño. Elena improvisounos un pequeno taller de zocos e ilustrounos coas explicacións sobre a súa elaboración, emprego, cambios que sufriron ao longo da historia…

Dende Salcedoteca deixamos testemuña desta actividade e ademais volvemos a aproveitar a ocasión para agradecer ao departamento de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, que colaborou connosco na organización desta semana de obradoiros, subvencionando algúns dos talleres que coma este se están a celebrar.

luns, 5 de maio de 2008

Semana dos Obradoiros: Luns 5 de maio

Hoxe recibimos a visita de tres representantes da Asociación de Palilleiras "A Fieitiña" de Monteporreiro. Ao longo da mañá os alumnos do centro non só puideron admirar a destreza destas artesanas, se non que tamén tiveron a ocasión de converterse por un día en pequenos aprendices de palilleiros e palilleiras. Ademais puideron disfrutar dunha magnífica exposición de encaixe de bolillos con traballos feitos por distintos membros da asociación, que poderá ser visitada ao longo desta semana en horario lectivo por todos os integrantes da comunidade escolar.


Desde aquí queremos expresar o noso agradecemento á asociación "A Fieitiña" por dar a coñecer aos nosos alumnos o mundo dos bolillos e as múltiples aplicacións do seu traballo e por promocionar esta artesanía tradicional con tanto entusiasmo e dedicación.