Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

martes, 6 de mayo de 2008

Semana dos Obradoiros: Martes 6 de maio

Elena Ferro, natural do Concello de Silleda, debe ser unha das poucas zoqueiras que aínda quedan en Galicia, conservando un dos oficios tradicionais, que coma outros, foi case desaparecendo cos cambios dos tempos.

Ela e a súa familia dedícanse a elaborar artesanalmente con coiro diferentes utensilios como bolsos, billeteiras, carteiras… e por suposto zocos e zocas, que segundo puidemos comprobar non son o mesmo. Participa en moitas feiras e mostras de artesanía por toda a Comunidade, amosando e tamén vendendo a quen queira os produtos da súa propia elaboración.

Este primeiro martes de maio tivemos a sorte de contar coa súa presenza aquí no CEIP San Martiño. Elena improvisounos un pequeno taller de zocos e ilustrounos coas explicacións sobre a súa elaboración, emprego, cambios que sufriron ao longo da historia…

Dende Salcedoteca deixamos testemuña desta actividade e ademais volvemos a aproveitar a ocasión para agradecer ao departamento de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, que colaborou connosco na organización desta semana de obradoiros, subvencionando algúns dos talleres que coma este se están a celebrar.

No hay comentarios: