Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

luns, 23 de marzo de 2009

Finalistas do Premio Irmandades do Libro


No diá de hoxe, 23 de marzo de 2009, recibimos a comunicación de que o Xurado dos XVIII Premios Irmandade do Libro, organizados pola Federación de Libreiros de Galicia, acordou proclamar ao noso centro como un dos finalistas na modalidade de Centros de Ensino, xunto co CEIP Quintela de Moaña e o IES Blanco Amor de Ourense. O colexio gañador determinarase na reunión que se celebrará o día 28 de marzo a celebrar en O Carballiño.

O gañador na categoría de autor foi Xabier P. Docampo e os finalistas no resto de categorías son:

Centros de ensino:

CEIP San Martiño, de Igrexa-Salcedo – Pontevedra

CEIP de Quintela - Moaña

IES Blanco Amor, de Ourense

Fomento da lectura:
Biblioteca Pública de O Porriño
Bibliotecas Públicas da Coruña
Asociación Cultural Lonxa Literaria, de Moaña

Institucións:
Casino de Santiago
Asociación Cultural IES Rosalía de Castro
Liceo Recreo Ourensán

Librarías:
Andel do Libro Galego e Portugués
Libraría Porta da Vila, de Viveiro
Libraría Paz, de Pontevedra

Mellor libro do ano 2008:
Fin de século en Palestina. Miguel Anxo Murado. Editorial Galaxia.
Festina lente. Marcos S. Calveiro. Edicións Xerais de Galicia.
O xardín das pedras flotantes. Manuel Lourenzo. Edicións Xerais de Galicia

Obra editorial do ano 2008:
As flores do mal. Ed. Galaxia.
Guía das plantas de Galicia. Ed. Xerais.
Colección rescate. Alvarellos editora.


Os nosos parabéns para todos os finalistas e en xeral para todos os que desde distintos ámbitos traballan en prol do libro e do fomento da lectura.

martes, 17 de marzo de 2009

CO AUTOR DOS MEGATOXOS

Hoxe tivemos a sorte de recibir a visita de Anxo Fariña, autor e ilustrador do libro Os Megatoxos, editado pola Nosa terra e que tivemos a oportunidade de ler.

Os alumnos de 3º e de 4º de Primaria estiveron moi entusiasmados pola súa visita, sobre todo porque moitos deles mercaran e leran a historia deste coñecido ilustrador, que ademais agora é o autor das súas propias creacións.

Ademais de explicar como naceron parte das historias e dos personaxes da súa obra, Anxo tamén nos deleitou coa súa grande capacidade de invención e fantasía, realizando unha serie de creacións plásticas, a partir de situacións, persoas, obxectos... que se ían plantexando ao longo da charla.

Queremos agradecer dende Salcedoteca a visita de Anxo Fariña e deixar constancia cunha pequena reportaxe gráfica dos momentos máis interesantes da súa presenza aquí, en Salcedo.
VISITA DE ANXO FARIÑA

venres, 13 de marzo de 2009

COÑECEMOS O RÍO DOS GAFOS CON VAIPOLORÍO




O CEIP Martiño participa este ano na Campaña itinerante de promoción do río dos Gafos nos colexios de Pontevedra.


Este mes de marzo corresponde a este centro a realización das diferentes actividades que a Asociación Vaipolorío, xunto coa Concellalía de Medio Ambiente do Concello de Pontevedra, teñen preparado.

Por esta razón, o martes pasado, tivo lugar no centro unha charla impartida por Gonzalo Sancho, presidente da Asociación Vaipolorío, que consistiu nun relatorio titulado “Flora e fauna do Río dos Gafos”, dirixida a toda a comunidade educativa.

Tamén se organizou unha Exposición fotográfica de imaxes dos ríos Cocho, Toxal, Tomeza e Gafos, realizadas polo fotógrafo Nelson de Fotovedra, que a Asociación Vaipolorío presenta no centro.

Por último os alumnos de 5º e 6º de Primaria realizarán proximamente un paseo didáctico pola zona rural do río Gafos na parroquia de Tomeza.