Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

venres, 23 de abril de 2010

SEMANA DA LECTURA
VENRES, 23
Demos remate á VI Semana da Lectura, coincidindo co Día Internacional do Libro con dúas actuacións: os alumnos e alumnas de 6º de Primaria, demostráronnos os seus dotes interpretativos, levando á escea un clásico da literatura, "O mago de Oz". Obra que ademais adaptaron e traduciron a lingua galega.
A continuación un grupo de profesores e profesoras do centro, acompañados por algúns alumnos de 3º e 5º de Primaria, realizaron a lectura proxectada do libro "Si tienes un papá mago...".
Estamos moi satisfeitos de todos os traballos que os diferentes grupos presentaron ao longo desta semana aberta, adicada á lectura. Grazas dende aquí a alumn@s e profesores que se esforzaron tanto en conseguir que a celebración da VI Semana da Lectura fose un éxito.
Agradecemos tamén a participación de todas as familias que nos acompañaron ao longo destes días, compartindo co resto da comunidade educativa momentos de ledicia e de lectura! Ata o ano que vén!

xoves, 22 de abril de 2010

23 DE ABRIL: DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO
Como cada ano, o Día Internacional do Libro vén celebrándose no CEIP San Martiño con varias actividades, que conmemoran este evento:
Este ano, para empezar, temos no centro a exposición colaborativa entre máis de cen Bibliotecas escolares de Galicia "PARA QUE LES?, que vos invitamos unha vez máis a visitar: merece a pena.


Ademais mañá, daremos remate á Semana da Lectura coa intervención dos alumnos de 6º de Primaria, que nos están preparando todo un clásico en teatro: O mago de Oz.

Tamén hai un grupiño de profesores e profesoras do centro que seleccionaron unha lectura moi especial para ofrecernos neste "final de festa", porque pará nós o Día do libro, é o día máis grande do ano. O libro é algo moi importante nas nosas vidas!


Como dicía a Sra. Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO: "...os libros plasman de maneira magnífica as diversidades creadoras. Conducen ao coñecemento universal e participan no diálogo entre as culturas. Son instrumentos de paz."

E para rematar estas palabras adicadas ao libro, queremos que vexades a linda montaxe que Mónica Muñoz, compañeira do CEIP Frian de Teis preparou co Manifesto do escritor Eliacer Cansino para o Día Interancional do Libro Infantil 2010.

Manifesto para o Día do Libro Infantil 2010 from Frianciño on Vimeo.

SEMANA DA LECTURA
XOVES, 22
... E xa estamos chegando a o final desta VI Semana da Lectura adicada este ano ao mundo do circo. Está resultando emocionante e moi divertida!
Hoxe actuaron os alumnos de 6º de Educación Infantil, que nos presentaron a obra "O pallasiño R"; a continuación representou 1º de Primaria unha escenificación do libro "O mago Orlando" e ao final os maiores do centro, os alumnos de 5º de Primaria, realizaron todo un espectáculo, presentando ao "Circo Granmartiño".

mércores, 21 de abril de 2010

SEMANA DA LECTURA
MÉRCORES, 21
Neste día contamos coa actuación dos alumnos de teatro extraescolar do centro, presentando a obra "O circo das rimas"; tamén actuaron os nenos e nenas de Educación Infantil de 4 anos, que nos falaron da obra de Picasso "Os saltimbanquis" e, por último, disfrutamos dunha obriña de teatro, presentada polo alumnado de 2º de primaria,que se titulaba "A ledicia dos animais".

martes, 20 de abril de 2010

SEMANA DA LECTURA
MARTES, 20 DE ABRIL

Hoxe, martes, actuaron na Semana da lectura os alumnos de Ed. Infantil de 3 anos, presentando unha lectura, titulada Mago A e Mago B. Tamén puidemos oír un conto proxectado dos nenos e nenas de 3º de Primaria do autor arxentino Jorge Bucay:O elefante encadeado e, por último, disfrutamos dunha sesión de circo, con malabaristas incluídos, a cargo de Salcedus Circus, dos alumnos de 4º de primaria.

luns, 19 de abril de 2010

SEMANA DA LECTURA.
LUNS, 19 DE ABRIL

Apertura da VI edición da Semana da Lectura coa animación de Mario Tomás, que presenta o seu espectáculo de animación, titulado Marionetto. Foi moi divertido. Escoitamos tres contos fantásticos e tamén nos gustaron moito as súas marionetas.

martes, 13 de abril de 2010

EXPOSICIÓN PARA QUE LES?

A exposición "Para que les?" é unha idea tomada do blog da ONG "Implicadas no desenvolvemento".

Co motivo da celebración durante o mes de abril da festa do libro e da lectura, máis de cen Bibliotecas Escolares de Galicia adaptaron esta exposición para facernos reflexionar sobre os diversos motivos que moitos personaxes coñecidos e "non tan coñecidos" teñen para ler.

Invitámosvos a que vos acerquedes ao centro a visitala e a poder ver ademais as respostas que os alumnos e mestres do colexio aportaron para complementar esta iniciativa.

Aproveitamos para agradecer dende aquí ás nosas compañeiras Loli Lago (Fene), Olga (Malpica) e Charo (Pontevedra), que realizaron o traballo de recompilación e montaxe dos materiais dixitais empregados neste traballo.


VI SEMANA DA LECTURA

Aquí vos deixamos a programación da IV Semana da Lectura, que comeza o luns, 19 de abril e que esperamos compartir con todas as familias do noso alumnado.

Se queres consultala, preme na imaxe da esquerda.







venres, 9 de abril de 2010

1º PREMIO DA FEDERACIÓN DE LIBREIROS DE GALICIA!!!

O noso proxecto de Biblioteca foi premiado pola Federación de Libreiros!

O sábado 10 de abril celebrouse a entrega da XIX edición Premios Irmandade do Libro, organizada pola Federación de Libreiros de Galicia, en Sarria (Lugo).

Na modalidade de centros de ensino, o CEIP San Martiño foi galardoado co 1º Premio, polas actividades levadas a cabo en torno á dinamización lectora, que dende os proxectos de Biblioteca vimos desenvolvendo cada ano.


Alí estivo o Equipo Directivo do centro, recollendo o premio, de mans do Conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, en nome de todos os que formamos a comunidade educativa e que día a día contribuímos a levar adiante o traballo de sementar no alumnado o gusto pola lectura e o saber. Grazas especiais dende aquí aos profesores e profesoras do centro polo seus esforzos e constancia diarios. Eles son os "motores" que poñen en marcha todas as nosas ideas lectoras.

Queremos compartir este premio con todas as Bibliotecas Escolares de Galicia, ás cales nos sentimos unidos polos mesmos ideais: conseguir acercar o mundo dos libros e da lectura aos nosos alumnos e alumnas. Grazas a todas elas por compartir co resto da comunidade de "Bibes Galegas" os seus ánimos, esforzos, ideas, recursos... de xeito tan xeneroso.

Que este premio sexa o premio de todos os centros de ensino que están a promocionar dende as súas Bibliotecas o fomento da lectura e o amor polos libros!