Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

sábado, 20 de decembro de 2008

Panxoliñas no Belén

Como cada ano celebramos a chegada do Nadal, cunha pequena festa arredor do Belén, cantando panxoliñas, tocando e incluso bailando...

O ambiente no centro era de festa total: houbo celebracións polas aulas, visitáronnos antigos alumnos e profesores e rematamos o trimestre coa alegría e satisfacción de ter cumprido coa primeira etapa do curso, superando os obxectivos propostos.

Agora nestas vacacións merecidas de Nadal esperamos, profesores e alumnos, cargarnos da enerxía suficiente para vir en xaneiro coa mesma ilusión de traballo e de continuar día a día superándonos e aprendendo co esforzo e todos.

Que pasedes unhas moi Boas Festas en familia e aproveitade este tempo para COMPARTIR cos vosos seres queridos o tempo, o cariño, a alegría... en definitiva, o mellor que cada un de nós leva dentro.

Aquí tedes en Salcedoteca, para o voso recordo, unha pequena testemuña gráfica deses momentos de festa que pasamos o derradeiro día do trimestre.

Panxoliñas no Belén


martes, 16 de decembro de 2008

Xa somos Premio Nacional de Bibliotecas Escolares!


A ministra de Educación, Mercedes Cabrera, e o presidente de Castela-A Mancha, José María Barreda, entregaron o pasado luns, 15 de decembro de 2008, os premios do Concurso Nacional de boas prácticas para a dinamización e innovación das bibliotecas en centros escolares, na Biblioteca Rexional de Castela-A Mancha, situada no Álcázar de Toledo.

Neste acto, o CEIP San Martiño de Salcedo foi galardoado co terceiro premio, dotado con 6.000 euros. Este premio é un recoñecemento a un proxecto que desenvolve de xeito integrado o plan de lectura, a educación documental e a formación de usuarios; entendendo a biblioteca como recurso didáctico e fonte de información e de lecer.

A comunidade educativa deste centro séntese moi satisfeita do logro conseguido, que constitúe un importante recoñecemento a un labor que se vén realizando no centro dende hai máis de seis anos.

A señora ministra agradeceu a todos os premiados o converter as bibliotecas en lugares vivos e dinámicos, capaces de atraer aos máis grandes e aos máis pequenos, conseguindo facer realidade o desexo que dende hai máis de setenta anos tiveron en España un grupo de visionarios da II República de acercar a lectura a todos e borrar deste modo as desigualdades que impedían o acceso ao mundo da cultura dunha maneira universal e democrática.

luns, 1 de decembro de 2008

PRESENTACIÓN DOS PROXECTOS DOCUMENTAIS

Presentación PDI das historias de amor.
A nosa Biblioteca propuxo este curso como primeiro proxecto:"As historias de amor". Sobre este tema o alumnado do centro realizou unha serie de Proxectos Documentais Integrados, nos cales o fío conductor era precisamente o amor, se ben, algúns deles preferiron escoller aqueles personaxes ou elementos que aparecían repetidos ao longo das historias literarias que traballaron nas aulas.

Coma cada ano, realizouse no centro unha sesión de presentación do resultado destes proxectos para todos.


As imaxes da galería deixan constancia deste evento, que este ano estivo acompañado de presentacións visuais dos traballos, empregando diferentes técnicas, para amenizar as ponencias.