Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

luns, 27 de outubro de 2008

Día das Bibliotecas Escolares

Lecturas
A Asociación Internacional de Bibliotecarios Escolares, iniciou no ano 1999 a convocatoria do Día Internacional da Biblioteca Escolar, no cuarto luns do mes de outubro de cada ano, coa fin de sensibilizar á sociedade sobre a importancia da biblioteca escolar como recurso fundamental no proceso de ensino-aprendizaxe e impulsar a súa presenza na institución escolar.

É, como non podía ser doutra maneira, no CEIP San Martiño celebramos o pasado venres 24 de outubro o Día das Bibliotecas Escolares cuns actos moi especiais: @s alumn@s de 6º de primaria leron un manifesto aos seus compañeiros e varios profesores do centro agasallaron ao alumnado coa lectura do conto Paco Papán, acompañada de soporte visual e musical.

Premendo no video poderás ver un pequeno resumo dos actos. Se ves que o vídeo vai a tiróns segue estas instrucións: primeiro fai clic nel; a continuación párao no botón "pausa" e verás que na parte de abaixo aparece unha barra vermella que indica que o arquivo está cargando; por último, espera a que a barra chegue ata a metade e xa poderás ver o video enteiro dun tirón e sen paradas.


venres, 24 de outubro de 2008

Benvido Oñitram!

Hai uns días naceu OÑITRAM, o novo blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do CEIP San Martiño. Chámase así porque Oñitan aparte de ser Martiño ao revés é tamén o nome co que os nenos bautizaron a fraga que está a carón do centro e que serviu de escenario para unha das historias que se crearon aquí, que se titulou "Os Rabichos na fraga de Oñitram" e á cal lle temos moito cariño.

Agora Salcedoteca xa non está soa, ten ao seu irmá Oñitram e entrambos converteranse na voz do centro para dar a coñecer todo aquilo que se vaia realizando tanto na Biblioteca como nas actividades que se programen para a normalización do galego..

Se o queredes visitar podedes atopalo neste enlace:



martes, 21 de outubro de 2008

II Encontros de Bibliotecas Escolares



Un ano máis o CEIP San Martiño estivo presente o venres 17 e o sábado 18 na celebración dos II Encontros de Bibliotecas Escolares, en Santiago.

Foi un acontecemento dobremente importante para nós, posto que ademais de ter a oportunidade de coñecer o traballo doutros centros de Galicia en materia de dinamización de Bibliotecas Escolares, sentímonos orgullosos de que San Martiño fose un dos centros elixidos pola Asesoría para facer unha ponencia sobre os nosos proxectos: a exposición que ofrecemos en Santiago tivo un gran aceptación entre os participantes e estamos satisfeitos de poder contribuír así aos paneis de experiencias que se compartiron con tod@s.

Cremos que eventos coma este serven para enriquecer e reforzar os proxectos, que dende os centros educativos se están levando a cabo co apoio da Consellería de Educación.

Vai dende aquí a nosa noraboa aos compañeiros e compañeiras que, co seu esforzo diario, fan que Galicia sexa neste momento un referente dentro das comunidades autónomas, no eido das Bibliotecas Escolares.



xoves, 16 de outubro de 2008

¡Xa estamos en marcha!

Exposición "Historias de amor"

A nosa Biblioteca xa está en marcha un ano máis para ofrecer aos alumnos non só as novas adquisicións en literatura infantil e xuvenil, senón tamén para dinamizar os traballos da aula a través dos proxectos que ten programados para este curso.

Comezamos agora en outubro co estudio dun tema que vai a servir tamén para participar no Salón do libro do Concello de Pontevedra, que leva por título "As historias de amor na literatura". Temos preparada unha exposición na Biblioteca e realizamos a semana pasada "A Semana do cine das historias de amor".

Aquí van unhas cantas imaxes de como estamos vivindo estes eventos.