Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

xoves, 23 de decembro de 2010

FELIZ NADAL!!!
O profesorado do CEIP San Martiño quere desexarlles a toda a comunidade educativa unhas Boas Festas e que o ano 2011 veña cargado de ilusións e de desexos cumpridos.
Deixamos aquí este precioso vilancico para compartir con todas as familias do centro.
É o noso pequeno agasallo de Nadal...

domingo, 19 de decembro de 2010

LIM: Peixes, anfibios e réptiles

Gústanche os animais?

Coñeces algún peixe?

Sabes se os anfibios poñen ovos?

Teñen patas todos os réptiles?

Poderás coñecer a resposta a estas e a outras moitas preguntas se te atreves a xogar co LIM que leva por título "Peixes, anfibios e réptiles". Proba a resolver as actividades, os crebacabezas, as sopas de letras, os xogos de memoria... e verás cantas cousas novas aprendes sobre estes grupos de animais vertebrados.

mércores, 15 de decembro de 2010

VISITA A BIBLIOTECA E AO MUSEO

Os nenos e nenos de 1º e 2º de Educación Primaria, fomos o martes 14 de decembro de excursión á Biblioteca Pública de Pontevedra e ao Museo.
Na biblioteca, Marina explicounos cales eran as normas que debiamos cumprir para estar alí, como por exemplo: non falar alto, non correr polos corredores, non comer por se manchamos os libros,… Despois, contounos un conto sobre unha árbore máxica que daba todo tipo de froitas, ao que todos estivemos moi pendentes. Ademais, de ensinarnos coma estaban organizados os libros e materiais audiovisuais deixounos ler os libros e revistas que quixemos. E para finalizar, leunos outro conto, para o cal empregou uns animais de cartón; e tamén nos deixou colorear á protagonista da historia: a cebra.


No museo, Raquel ensinounos case todas as salas do museo. Vimos as xoias de acibeche que fixeron os nosos antepasados non moi afastados, os barcos viquingos, recordos e armas de Cristóbal Colón, o despacho de Méndez Núñez, así como a antiga cociña da casa onde está agora o museo, unha reprodución da sala de reunións dun barco de época e para rematar unha sala onde se gardan todos os tesouros de ouro de moitas épocas.Esta excursión ademais de divertida, foi moi interesante, xa que aprendemos moito.


sábado, 11 de decembro de 2010

EXPOSICIÓN DE PDI DO ALUMNADO DE EDUCACIÓN INFANTIL
O alumnado de Educación Infantil presentou este trimestre unha serie de pequenos traballos de investigación que versaron sobre diferentes temas moi interesantes: as prantas medicinais, o pirata Benito Soto de Pontevedra e os Muíños de Salcedo.
Aquí queda esta reportaxe gráfica da súa presentación:

xoves, 2 de decembro de 2010

OS MUÍÑOS DA CANCELA
O pasado día 23 de novembro, o alumnado de Educación Infantil fomos facer unha muiñada aos Muíños da Cancela. Alí collemos millo, debullamos e logo fixemos fariña.
Aprendemos moitas palabras que xa estaban no diccionrio de Xoán Mnuel Pintos hai douscentos anos.
Queremos agradecer especialmente a colaboración de Ramón Laxe, presidente da Asociación de veciños Campo da Porta, sen quen non sería posible esta saída.

xoves, 25 de novembro de 2010

O CASTRO DE OÑITRAM

O primeiro proxecto de Biblioteca leva por título "A historia: verdadade ou mentira", este ano estamos estudiando a través das lendas, cales son as realidades e as ficcións que se esconden detrás de moitas das historias que chegaron ata nós.

O alumnado de 5º de primaria, xunto co seu profesor titor, está facendo un traballo de investigación sobre os celtas, pobo mítico que se atopa nas raíces da nosas orixes, e ademais doutras actividades, deseñaron unha maqueta representando a un poboado celta. Podedes visitalo no centro cando queirades.

Deixamos aquí esta reportaxe gráfica para que o vexades en detalle.


mércores, 24 de novembro de 2010

LIM: É un mamífero ou unha ave?

Estamos de volta coa cuarta entrega de LIM (Libro Interactivo Multimedia), neste caso presentamos o titulado "É un mamífero ou unha ave", que traballa contidos relacionados coas características que diferencian a estes dous grupos de vertebrados.

Lembrade que, aínda que está pensado para 2º de primaria, todos e todas podedes aprender con actividades como xogos de asociación, sopas de letras, crebacabezas, xogos de memoria, vídeos...

Facede clic na imaxe e... A aprender xogando!

xoves, 18 de novembro de 2010

E POR FIN HOUBO MAGOSTO

Non se puido celebrar no día previsto por causas da climatoloxía, pero por fin fixemos este martes pasado o Magosto.

Resultou unha festa para todos: houbo tempo para xogar e para comer, houbo tempo para rir e para falar...

Todos colaboramos na organización, especialmente o alumnado de 6º, que como xa vai sendo tradicional, fixeron de monitores nos diferentes xogos que se repartiron polo patio: carreira de sacos, tirar da corda, zancos, tiro á rá...

Mirádeo vós mesmos nesta reportaxe:

luns, 15 de novembro de 2010

Estás segur@ de que sabes navegar pola rede??

A Internet representa un mundo de posibilidades para o lecer e a aprendizaxe pero tamén supón unha serie de riscos, como son os contidos inapropiados ou a facilidade de contacto con persoas que non son sempre o que semellan ou din ser.

Na páxina "Navega con rumbo" poderedes atopar unhas guías de navegación para alumn@s, pais e profesores que vos axudarán a navegar segur@s.

Podedes comprobar o que sabedes nestes xogos!

xoves, 11 de novembro de 2010

DEGUSTACIÓN DE FROITAS DO OUTONO

Por primeira vez o CEIP San Martiño participou no programa patrocinado pola Deputación de Pontevedra a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Lourizán), que consistiu non só na degustación dos froitos típicos do outono, senón que se levaron a cabo actividades relacionadas con esta actividade na Hora de Ler e visionamos unha presentación de diapositivas sobre as características e propiedades de cada unha das froitas que se degustaron.

O éxito e a boa acollida por parte de todo o alumnado anímanos a repetir esta experiencia e que vén a complementar a semana adicada á celebración do Magosto.

domingo, 7 de novembro de 2010

Aquí vai o terceiro LIM (Libro Interactivo Multimedia) para os alumnos e alumnas de 2º de primaria. Nesta ocasión está dedicado ao tema da familia: relacións de parentesco, árbore xenealóxica, apelidos, etc.

Lembrade que, aínda que está pensado para 2º de primaria, todos e todas podedes aprender con actividades como xogos de asociación, sopas de letras, crebacabezas, xogos de memoria, cancións...

Clica na imaxe e a xogar e a aprender!

venres, 5 de novembro de 2010

UNHA VIAXE POLA MÚSICA ANDINA

O venres 29 de outubro, tivemos unha saída de música, fomos ao Pazo a Cultura a ver e escoitar un grupo de música andina chamado Sakapatú, que está formado por homes todos eles de Sudamérica; uns de Perú e outros de Chile. Tocaron moitos instrumentos que nos gustaron moito.
En primeiro lugar, saíu un inca tocando a quena e dous músicos máis tocando as chajchas e as zampoñas, o que nos transportou no tempo á música precolombiana. Moitos destes instrumentos facíanse con cana de bambú como: a quena, a quenilla, o quenacho, as zampoñas. Aínda coñecemos moitos máis instrumentos desta música: o charango que na súa orixe ten unha lenda moi bonita dun animal chamado Quirquincho. Outro instrumento que nos impresionou foi a “quijada de burro” que soaba moi ben e está feito cos ósos da cabeza dese animal. Tamén tocaron o bombo andino, o pau de choiva, guitarras e algúns máis.
Tocaron moitas cancións ; algunhas con influencia española e outras africana, unha xa a sabiamos porque a aprendemos na clase de música. Bailamos rap e divertímonos moito, acompañando a música con palmas e cantando, gustounos moito a canción de “Poco a Poco” porque xa a sabiamos .
Deunos moita pena de que acabase o concerto porque nos encantou.

luns, 1 de novembro de 2010

III ENCONTROS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA


Os pasados 29 e 30 de outubro celebráronse en Santiago, no Palacio de Congresos os III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia.

Ao longo destas xornadas, os más de 1.200 participantes reflexionamos sobre a importancia da lectura e sobre todo sobre a introducción das "novas lecturas" a través das TIC no mundo actual e o impacto que este fenómeno supón para o noso alumnado e para o noso labor como educadores.
Tamén se presetaron diferentes experiencias e proxectos que os centros galegos están a levar a cabo en materia de dinamización da lectura, formación de usuarios, educación documental... o cal serve para dar a coñecer aos demais as liñas de traballo que se seguen neste tema e axuda á formación como bibliotecarios das persoas que se adican dende hai anos á dura tarefa de saber achegar o mundo da lectura ao nosos alumnos e alumnas.

O CEIP San Martiño estivo alí presente e demos ademais a coñecer por terceiro ano consecutivo o noso proxecto de Biblioteca nunha pequena ponencia. Dende aquí agradecemos a todos os asistentes á mesma o interese por coñecer o noso traballo e desexamos que sirva para a mellora da nosa práctica educativa, obxectivo principal destes Encontros.

(Pinchando na imaxe e logo no botón "entrar como convidado", atoparás máis información sobre os Encontros)

xoves, 28 de outubro de 2010

Samaín 2010

O xoves 28 de outubro, na celebración do Samaín, o salón de actos converteuse nunha sala de exposicións, con máis dun centenar de cabazas decoradas polos rapaces e rapazas. Pero ademais, o salón foi ocupado por todo tipo de seres maléficos, como espíritos, esqueletos, pantasmas... que recibiron a visita dos asombrados alumn@s do colexio.

Durante a visita, todos os grupos foron obsequiados coa lectura dun conto de medo titulado “A casa da miña avoa”, que recorre ao suspense e a tensión narrativa para abordar a inquietante —mais finalmente divertida— xornada que vive o meniño protagonista, nun día que cría predicible: comer torta e apagar as candeas no día do seu aniversario.

O conto foi representado por un grupo de profesor@s e, como podedes ver neste vídeo,
pasámolo realmente de medo!!!


Se queredes ver máis fotos dos actos só tedes que visitar "Oñitram", o blog do Equipo Dinamización da Lingua Galega. Esperamos que vos gusten!

luns, 25 de outubro de 2010

Gústache a lectura?

Flipas cos ordenadores?

Por que non combinar as dúas cousas?


Na web http://www.ellibrototal.com/ poderás conseguir unha auténtica biblioteca en liña no teu propio ordenador.

Que non che gusta ler! Non te preocupes, pois o propio ordenador pode ler por ti.

Non deixes de visitar este sitio web que está a lograr dunha maneira moi enxeñosa, conectar o mundo real da lectura co mundo virtual para que así, aínda que desexes ler un libro na web, non perdas o pracer de sentir que estás lendo un libro real.

domingo, 24 de outubro de 2010

Hoxe aproveitamos a ventá que nos ofrece este blogue para presentarvos un novo produto que vai a revolucionar o mundo da lectura, o Bio-Optic Organized Knowledge, tamén chamado “Book”.

O novo inxenio constitúe un avance sen precedentes en tecnoloxía; sen fíos, sen circuítos eléctricos, sen batería, compacto e portable, é tan fácil de usar que incluso un neno pode utilizalo.

No vídeo podedes ver un titorial do seu funcionamento e dos periféricos que se lle poden acoplar.


sábado, 23 de outubro de 2010

DÍA DAS BIBLIOTECAS
CONTADOR QUE ME CONTAS?
Para celebrar o Día das Bibliotecas organizamos no centro unha actividade de contacontos, na que os contadores foron os alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de Primaria. O agradecido público, que pedía máis!, foron os máis pequenos de Ed. Infantil, 1º, 2º e 3º de Primaria.
En total cóntanse catro contos a cada nivel durante a Hora da Lectura do venres, 22 e o luns, 25.
Aquí deixamos unhas imaxes de como de desenvolveu a primeira xornada deste CONTADOR QUE ME CONTAS?...


xoves, 21 de outubro de 2010

LIM: "Así funciona o meu corpo"

Aquí estamos de volta para presentarvos un novo LIM (Libro Interactivo Multimedia) sobre o corpo humano, pensado para os alumnos e alumnas de 2º de primaria, pero no que todos e todas podedes demostrar os vosos coñecementos.

Este LIM, titulado "Así funciona o meu corpo" traballa contidos relacionados cos aparatos dixestivo, respiratorio e circulatorio. Animo! Facede clic na imaxe e... A aprender xogando!

venres, 15 de outubro de 2010

VISITA AO PARQUE ARQUEOLÓXICO DE TOURÓN (PONTECALDELAS)
O primeiro proxecto de investigación deste curso titúlase "A historia: verdade ou mentira?"
O alumnado de 3º decidimos estudar as lendas, porque aínda que moitas veces parten dunha verdade, contan tamén moitas mentiras. Concretamente estamos traballando "A lenda da Pedra da Moura", un dos petróglifos que hai no monte de Salcedo e, para aprender máis cousas sobre eles, o xoves 7 de outubro, visitamos o centro arqueolóxico de Tourón cos alumnos de 4º e 5º de Primaria.

Ao chegar alí recibiunos María, a guía. Levounos ata unha caseta, onde vimos uns videos que trataban dos diferentes tipos de debuxos que aparecían nos petróglifos. María explicounos que estes son de tipo figurativo cando teñen gravados figuras humanas ou de animais e, son abstractos cando os gravados son figuras xeométricas ou non podemos identificar o que representan. Tamén vimos uns vídeos onde se explicaba como se fai un petróglifo: con varias pedras diferentes tallaban os debuxos sobre unha pedra plana.
Logo saímos ao monte e vímolos: un que tiña un círculo con cazoletas, outro dun home cun cabalo, un cervo enorme, outro abstracto,o último non puidemso velo porque estaba moi arriba e choviscaba. María recomendounos visitar os petróglifos a primeira hora do día ou á última hora da tarde, porque é cando mellor se ven os gravados.
A excursión gustounos moito e foi entretida, aínda que nos mollamos un pouco!

xoves, 14 de outubro de 2010

Dende o blog da biblioteca do CEIP Víctor Sáenz de Mazaricos chegan esta morea de recursos para celebrar o Samaín.

Hai de todo: cancións, videos, xogos, libros...Vai ser un Samaín... de medo!


Pincha na imaxe ou aquí e poderás coñecelos. Graciñas e ánimos dende Salcedoteca.

LIM: "Sinto e móvome"

Os alumnos e alumnas de 2º de Primaria pasárono en grande e aprenderon moitísimo con este LIM (Libro Interactivo Multimedia) titulado "Sinto e móvome".

O LIM, con xogos, actividades, vídeos, etc. foi elaborado polos seus profes para traballar contidos relacionados cos ósos, os músculos e os sentidos.

Facendo clic neste enlace ou na imaxe poderedes aprender tanto coma eles e pasalo igual de ben.

Recursos dixitais desde a Biblioteca do cole


Como ususarios/as do Meiga (o programa de xestión da rede de Bibliotecas de Galicia) temos acceso a unha chea de valiosísimos recursos electrónicos que non debemos desaproveitar. desde a casa, desde o centro... cando buscamos información podemos botar man destes recursos en liña.


Para elo, debes saber o teu número de lector, o nº de carné da biblioteca, e ter un contrasinal, o nome ou apelido do alumno ou alumna.


Espero que esta presentación feita pola BP Anxel Casal de Santiago, vos sirva de axuda para usar este servizo tan valioso. Lembrade que en lugar de entrar a través do portal de bibliotecas de Galicia, hai que entrar desde a páxina da biblioteca do centro, no proxecto MEIGA.

luns, 4 de outubro de 2010

Como ler un conto e non morrer no intento

Que contos debo contar? Cando o fago? Que recursos podo utilizar?...

Seguro que todos nos fixemos algunha destas preguntas cando nos enfrontamos á “responsabilidade” de ler un conto aos nosos fillos e fillas.

Contar un conto non é simplemente lelo. Tampouco fai falta ter ningunha habilidade especial, todos somos capaces de contar un conto, incluso as persoas que están convencidas de que non saben facelo, do mesmo xeito que todos sabemos contar unha anécdota persoal conseguindo que aos demais poida interesarlles. Cun pouco de imaxinación e dedicación axudaremos aos nosos fillos a descubrir o mundo fantástico dos contos.

No seguinte enlace podedes ler un pequeno artigo da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, con vídeos demostrativos de “como ler un conto e non morrer no intento

xoves, 9 de setembro de 2010

BENVIDOS!

O próximo 10 de setembro iniciamos de novo un curso escolar e o Claustro de profesores do CEIP San Martiño quere aproveitar para dar a benvida a todo o noso alumnado, especialmente aos novos alumnos e ás súas familias.
Coma sempre comezamos co mellor dos desexos para todos e temos a intención, unha vez máis, de dar cumprimento neste curso 2010/11 ao noso proxecto educativo, que como ben sabedes os que nos acompañades dende hai algúns cursos, caracterízase por tentar facer dos nosos alumnos persoas competentes e autónomas para o seu desenvolvemento na vida.
Esperámosvos con moita ilusión.
Ánimo e benvidos ao curso 2010/2011!!!

xoves, 24 de xuño de 2010

Felicidades a Cris


Cristina Rodríguez González de quinto curso de Primaria levou o segundo premio na III Edición do Concurso de Redacción organizado pola Delegación da Axencia Tributaria de Pontevedra.
O galardón foille entregado pola Delegada provincial de Facenda e consistiu nun obsequio e un diploma para Cris. Ademais, dun diploma para o Ceip San Martiño por colaborar neste concurso.
Acompañárona á Delegación de Facenda a súa profesora e os seus pais que están moi orgullosos de Cris.

luns, 21 de xuño de 2010

EXCURSIÓN AO PARQUE NACIONAL DE CORRUBEDO
O pasado domingo, 20 de xuño a ANPA do CEIP San Martiño organizou unha excursión ao Parque Nacional de Corrubedo.
Nesta visita as familias participantes puideron observar as aves acuáticas na Lagoa de Vixán e realizar un roteiro a pé pola parte sur do Parque, antes do descanso do mediodía. Logo pola tarde visitaron o Centro de Interpretación, fixeron un roteiro pola parte norte do Parque, na que se atopa a duna móbil e por fin subiron ao Miradoiro de Castrocidá.
Para que lles quede un pequeno recordo a todos eles, aquí deixamos a reportaxe gráfica dese día.


luns, 7 de xuño de 2010

VISITA AOS BOMBEIROS
Dentro do proxecto de "Coñece a túa cidade" que programou o Equipo de Biblioteca na primeira parte do curso, quedou pendente por razóns organizativas a visita do alumnado de Educaión Infantil ao Parque de Bombeiros.

Damas e cabaleiros...Acrosport!!!!

E continuando co ambiente circense, a pasada semana os alumnos e alumnas do 3º ciclo de educación primaria presentaron as súas composicións de "acrosport".

Como sabedes, o acrosport é un deporte acrobático-coreográfico onde se integran tres elementos fundamentais:
  • Formación de figuras ou pirámides corporais.

  • Acrobacias e elementos de forza, flexibilidade e equilibrios como transicións dunha figura a outras.

  • Elementos de danza, saltos e piruetas ximnásticas como compoñente coreográfico, que lle outorga a este deporte o grao de artístico.

Premendo no seguinte enlace poderedes gozar cos vídeos das acrobacias realizadas pol@s vos@s compañeir@s.

martes, 25 de maio de 2010

... E HOXE MALABARES DE CIRCO NO NOSO CENTRO

Hoxe martes, 25 e continuando co circo, segundo proxecto de Biblioteca, tivemos unha actuación de malabares coas SIRCÓPATAS.

Moitos dos nosos alumnos que levan tempo practicando malabares na clase de Educación Física souberon valorar, por propia experiencia, a dificultade que representaban moitos dos números que nos ofreceron .

Foi un final festivo e apoteósico coa gran actuación das SIRCÓPATAS, un espectáculo de malabares, diávolo... acompañado de música, humor, ritmo, sorpresas.... co que quedamos encantados.


montagem 2010 from asSircopatas on Vimeo.

sábado, 22 de maio de 2010

GRAN ACTUACIÓN DO MAGO DA BOINA E GRANPEDRINI!!

O venres, 21 foi un día espectacular para todos porque puidemos disfrutar da actuación do Mago da Boina e do Mago Granpedrini, que nos fixeron rir a montón e ademais quedamos abraiados cos seus fantásticos trucos de maxia. Foi un día moi especial porque puidemos compartir a nosa alegría cos alumnos do CEIP A Armenteira que nos visitaron co motivo da actividade de intercambio, que organiza o noso Equipo de Normalización Lingüística con este centro dende o curso pasado.

Deste xeito lúdico e festivo, estamos a dar remate este final de curso, ao segundo proxecto adicado ao mundo do circo e da maxia, que a biblioteca do CEIP San Martiño programara para este ano.

Por último, queremos mostrar o noso agradecemento ao Departamento de Educación do Concello de Pontevedra que subvencionou este espectáculo.




xoves, 20 de maio de 2010

OBRADOIRO DE MAXIA II
Hoxe rematamos o segundo obradoiro de maxia cos laumnos de 1º, 2º e 3º de Primaria. Nestas imaxes podedes ver como discorrerou a xornada.

mércores, 19 de maio de 2010

OBRADOIRO DE MAXIA

Hoxe o alumnado de 4º, 5º e 6º disfrutaron dos obradoiros de maxia, que correron a cargo do Mago da Boina e do mago Granpedrini.
Aprenderon moitos trucos e incluso elaboraron eles mesmos os elementos necesarios para levar a cabo as sorprendentes maxias. Podedes velo pinchando na imaxe:

martes, 18 de maio de 2010

OBRADOIROS CIRCENSES

Dende que comezamos o pasado mes de febreiro co proxecto de biblioteca, adicado ao circo, estivéronse realizando no centro diferentes actividades de documentación, literarias, artísticas, culturais... pero quizáis as que máis no emocionan son sempre as acrobacias e a maxia, exclusivas do mundo circense.
E inda que o noso alumnado estivera practicando en Educación Física malabares, rulo americano,acrosport, equilibrio e outros... e sexan algúns deles uns auténticos expertos... queremos, para rematar o proxecto, adicarlle un espazo especial ás acrobacias e tamén á maxia , organizando unha serie de obradoiros para os próximos días.
Estes obradoiros serán a cargo do Mago da Boina e Granpedrini, os cales estarán mércores e xoves en San Martiño para ensinar os seus trucos de maxia aos nosos alumnos e alumnas. Rematará o venres co gran espectáculo "Tempo de maxia", moi divertido, cheo de humor e sospresas.

E na vindeira semana, o martes 25, teremos connosco á compañía das Sircópatas de Cangas, grandes artistas do panorama actual en clown e en malabares, para dar unha despedida completa e chea de colorido ao proxecto deste ano.

sábado, 15 de maio de 2010

LETRAS GALEGAS, 2010

xoves, 6 de maio de 2010

CARTAFOL DO LÉREZ

O noso alumnado de 3º ciclo de primaria participa este ano nunha iniciativa do Concello de Pontevedra, que ten como obxectivo realizar diferentes obradoiros nas Bibliotecas escolares dalgúns centros do concello, coa idea de achegarse ao mundo do libro e da lectura, reforzando así o papel que desempeñan as biliotecas escolares neste senso.

Realizarase con todos os traballos elaborados nestes obradoiros un cartafol dixital que servirá como medio de comunicación e intercambio entre as diferentes Bibliotecas.
Ademais tiraranse 6.000 exemplares que serán distribuídos entre a poboación escolar de pontevedra de educación infantil e primaria.

Para a posta en marcha destes obradoiros contouse coa colaboración da editorial Kalandraka.

Dende aquí grazas a todas as persoas implicadas neste programa por darnos unha oportunidade máis para fomentar a lectura entre os nosos alumnos e alumnas.

martes, 4 de maio de 2010

PROGRAMA DE EDUCACIÓN CÍVICO- TRIBUTARIA


Hoxe o alumnado de 5º de Primaria... asistiu a unha charla, dentro do Programa de Educación cívica, que organiza a Axencia Tributaria.

Ao longo da mesma falouse, entre outras cousas, da idea que debemos ter como cidadáns acerca dos bens que son públicos e o respecto que isto supón á hora de financialos co esforzo de todos, para logo ser utilizalos en beneficio común.

Neste programa trátase de transmitir ao alumnado os valores que como contribuíntes temos que adquirir para disfrutar de bens públicos coa aportación individual de cada un de nós.

venres, 23 de abril de 2010

SEMANA DA LECTURA
VENRES, 23
Demos remate á VI Semana da Lectura, coincidindo co Día Internacional do Libro con dúas actuacións: os alumnos e alumnas de 6º de Primaria, demostráronnos os seus dotes interpretativos, levando á escea un clásico da literatura, "O mago de Oz". Obra que ademais adaptaron e traduciron a lingua galega.
A continuación un grupo de profesores e profesoras do centro, acompañados por algúns alumnos de 3º e 5º de Primaria, realizaron a lectura proxectada do libro "Si tienes un papá mago...".
Estamos moi satisfeitos de todos os traballos que os diferentes grupos presentaron ao longo desta semana aberta, adicada á lectura. Grazas dende aquí a alumn@s e profesores que se esforzaron tanto en conseguir que a celebración da VI Semana da Lectura fose un éxito.
Agradecemos tamén a participación de todas as familias que nos acompañaron ao longo destes días, compartindo co resto da comunidade educativa momentos de ledicia e de lectura! Ata o ano que vén!

xoves, 22 de abril de 2010

23 DE ABRIL: DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO
Como cada ano, o Día Internacional do Libro vén celebrándose no CEIP San Martiño con varias actividades, que conmemoran este evento:
Este ano, para empezar, temos no centro a exposición colaborativa entre máis de cen Bibliotecas escolares de Galicia "PARA QUE LES?, que vos invitamos unha vez máis a visitar: merece a pena.


Ademais mañá, daremos remate á Semana da Lectura coa intervención dos alumnos de 6º de Primaria, que nos están preparando todo un clásico en teatro: O mago de Oz.

Tamén hai un grupiño de profesores e profesoras do centro que seleccionaron unha lectura moi especial para ofrecernos neste "final de festa", porque pará nós o Día do libro, é o día máis grande do ano. O libro é algo moi importante nas nosas vidas!


Como dicía a Sra. Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO: "...os libros plasman de maneira magnífica as diversidades creadoras. Conducen ao coñecemento universal e participan no diálogo entre as culturas. Son instrumentos de paz."

E para rematar estas palabras adicadas ao libro, queremos que vexades a linda montaxe que Mónica Muñoz, compañeira do CEIP Frian de Teis preparou co Manifesto do escritor Eliacer Cansino para o Día Interancional do Libro Infantil 2010.

Manifesto para o Día do Libro Infantil 2010 from Frianciño on Vimeo.

SEMANA DA LECTURA
XOVES, 22
... E xa estamos chegando a o final desta VI Semana da Lectura adicada este ano ao mundo do circo. Está resultando emocionante e moi divertida!
Hoxe actuaron os alumnos de 6º de Educación Infantil, que nos presentaron a obra "O pallasiño R"; a continuación representou 1º de Primaria unha escenificación do libro "O mago Orlando" e ao final os maiores do centro, os alumnos de 5º de Primaria, realizaron todo un espectáculo, presentando ao "Circo Granmartiño".

mércores, 21 de abril de 2010

SEMANA DA LECTURA
MÉRCORES, 21
Neste día contamos coa actuación dos alumnos de teatro extraescolar do centro, presentando a obra "O circo das rimas"; tamén actuaron os nenos e nenas de Educación Infantil de 4 anos, que nos falaron da obra de Picasso "Os saltimbanquis" e, por último, disfrutamos dunha obriña de teatro, presentada polo alumnado de 2º de primaria,que se titulaba "A ledicia dos animais".

martes, 20 de abril de 2010

SEMANA DA LECTURA
MARTES, 20 DE ABRIL

Hoxe, martes, actuaron na Semana da lectura os alumnos de Ed. Infantil de 3 anos, presentando unha lectura, titulada Mago A e Mago B. Tamén puidemos oír un conto proxectado dos nenos e nenas de 3º de Primaria do autor arxentino Jorge Bucay:O elefante encadeado e, por último, disfrutamos dunha sesión de circo, con malabaristas incluídos, a cargo de Salcedus Circus, dos alumnos de 4º de primaria.

luns, 19 de abril de 2010

SEMANA DA LECTURA.
LUNS, 19 DE ABRIL

Apertura da VI edición da Semana da Lectura coa animación de Mario Tomás, que presenta o seu espectáculo de animación, titulado Marionetto. Foi moi divertido. Escoitamos tres contos fantásticos e tamén nos gustaron moito as súas marionetas.

martes, 13 de abril de 2010

EXPOSICIÓN PARA QUE LES?

A exposición "Para que les?" é unha idea tomada do blog da ONG "Implicadas no desenvolvemento".

Co motivo da celebración durante o mes de abril da festa do libro e da lectura, máis de cen Bibliotecas Escolares de Galicia adaptaron esta exposición para facernos reflexionar sobre os diversos motivos que moitos personaxes coñecidos e "non tan coñecidos" teñen para ler.

Invitámosvos a que vos acerquedes ao centro a visitala e a poder ver ademais as respostas que os alumnos e mestres do colexio aportaron para complementar esta iniciativa.

Aproveitamos para agradecer dende aquí ás nosas compañeiras Loli Lago (Fene), Olga (Malpica) e Charo (Pontevedra), que realizaron o traballo de recompilación e montaxe dos materiais dixitais empregados neste traballo.


VI SEMANA DA LECTURA

Aquí vos deixamos a programación da IV Semana da Lectura, que comeza o luns, 19 de abril e que esperamos compartir con todas as familias do noso alumnado.

Se queres consultala, preme na imaxe da esquerda.







venres, 9 de abril de 2010

1º PREMIO DA FEDERACIÓN DE LIBREIROS DE GALICIA!!!

O noso proxecto de Biblioteca foi premiado pola Federación de Libreiros!

O sábado 10 de abril celebrouse a entrega da XIX edición Premios Irmandade do Libro, organizada pola Federación de Libreiros de Galicia, en Sarria (Lugo).

Na modalidade de centros de ensino, o CEIP San Martiño foi galardoado co 1º Premio, polas actividades levadas a cabo en torno á dinamización lectora, que dende os proxectos de Biblioteca vimos desenvolvendo cada ano.


Alí estivo o Equipo Directivo do centro, recollendo o premio, de mans do Conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, en nome de todos os que formamos a comunidade educativa e que día a día contribuímos a levar adiante o traballo de sementar no alumnado o gusto pola lectura e o saber. Grazas especiais dende aquí aos profesores e profesoras do centro polo seus esforzos e constancia diarios. Eles son os "motores" que poñen en marcha todas as nosas ideas lectoras.

Queremos compartir este premio con todas as Bibliotecas Escolares de Galicia, ás cales nos sentimos unidos polos mesmos ideais: conseguir acercar o mundo dos libros e da lectura aos nosos alumnos e alumnas. Grazas a todas elas por compartir co resto da comunidade de "Bibes Galegas" os seus ánimos, esforzos, ideas, recursos... de xeito tan xeneroso.

Que este premio sexa o premio de todos os centros de ensino que están a promocionar dende as súas Bibliotecas o fomento da lectura e o amor polos libros!


sábado, 27 de marzo de 2010

E FOMOS A SANTIAGO EN TREN!

O xoves, día 25, os alumnos de 2º ciclo participaron na actividade TREN CAIXANOVA que este ano tiña como obxectivos, aparte de que puidesen realizar unha pequena viaxe en tren, coñecer na cidade de Santiago a colección de pintura adicada a Laxeiro da Fundación Caixanova e tamén visitar unha exposición fotográfica sobre o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. Aquí deixamos, coma sempre, este recordo fotográfico para que vexades o moito que disfrutaron.


sábado, 20 de marzo de 2010

21 DE MARZO: DÍA DA POESÍA

A poesía chega coa entrada da primavera e así do mesmo xeito que xorde a vida na natureza, así xorde o sentimento a través dela.
Porque en verdade, a poesía inventouse para expresar os sentimentos, para imaxinar, para soñar, cantar ao amor...


(Clica na pregunta e atoparás moitas respostas...)

No colexio quixemos adicarlle varios días á poesía, por iso ao longo de toda a semana estivemos lendo poemas na Hora de Ler e hoxe, luns, despois do recreo, fixemos un mural precioso cos poemas que todos elixiron e ilustraron para formar esta árbore "poética" en homenaxe ao Día Mundial da Poesía.

xoves, 11 de marzo de 2010

A VISITA DE ANXO FARIÑA


Hoxe, 11 de marzo, o escritor e ilustrador Anxo Fariña visitou aos alumnos e alumnas do 2º ciclo de Primaria. Foi unha visita moi especial!!! Nós xa coñeciamos os seus libros dende Infantil. O ano pasado lemos "A monstroescola" e gustounos moitísimo. Este curso pedímoslle á profe ler na Hora da Lectura "Os Megatoxos e o aprendiz de Druída": ENCANTOUNOS!! Está cheo de aventuras emocionantes, acción. moito misterio e ademais os personaxes teñen superpoderes.

Aproveitamos a visita de Anxo Fariña para facerlle unha entrevista a fondo. Anxo amosounos as libretas nas que facía os debuxos, que ilustrarían as súas historias. Cando tiña unha idea, apuntábaa inmediatamente na "libretiña", antes de que se esquecese dela.

Descubriunos cousas moi interesantes sobre os seus libros: comezou a debuxar cando tiña un ano e medio, coma todos os nenos. Díxonos que o libro "A Monstroescola" estaba inspirado na casa dun tío seu, que antigamente fora unha escola. Situou "Os Megatoxos e o aprendiz de Druída" no poboado celta de Baroña, porque visitouno un día e gustáralle moito ese lugar.Tamén nos dixo que o seu personaxe favorito dos Megatoxos é Ruxe, porque en cada un dos tres libros vai cambiando de forma e moitísimas cousas máis.

Deixounos de agasallo os retratos de Ruxe e o de Cacho Trabada. Debuxounos en dous minutos!!!

Ao final, asinounos a cada un o libro de "Os Megatoxos e o aprediz de Druída".

(Alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria)


sábado, 6 de marzo de 2010

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

No 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, o CEIP San Martiño quere facer unha pequena homenaxe ás 146 mulleres traballadoras da fábrica textil Cotton de Nueva York que, aquel fatídico 8 de marzo de 1908, morreron calcinadas nun incendio provocado polas bombas incendiarias que lles lanzaron ante a negativa de abandonar o encerro no que protestaban polos baixos salarios e as infames condicións de traballo que padecían.

Dende entón ata hoxe as mulleres de todo o mundo loitan por conseguir que os seus dereitos no traballo e na vida sexan recoñecidos e respectados.

Con este vídeo queremos poñer un punto de reflexión neste día acerca da importancia que toda sociedade debe dar á igualdade entre todos e todas para conseguir un mundo máis xusto e equitativo.




venres, 12 de febreiro de 2010

UN ENTROIDO DE CIRCO

Acabamos de celebrar, hoxe venres UN ENTROIDO DE CIRCO, desta maneira damos comezo ao segundo proxecto do ano que irá dedicado a este tema.

Foi unha experiencia estupenda para tod@s; divertímonos moito e ademais tamén aprendemos unha chea de cousas.

Dividimos a todo o alumnado en sete colores e cada un foi asignado a un taller, ao cabo de vinte minutos tocaba o timbre e faciamos un cambio, de maneira que ao longo da xornada, pasaron os sete grupos por todos os talleres.

As actividades foron moi variadas e tivemos taller de malabares, taller de informática con xogos online, taller de información na Biblioteca, taller de Plástica, no que se elaborou un gran mural, taller de maquillaxe, taller de corte e confección e taller de música e baile.

Ao final, houbo que pasar unha dura proba escrita para facerse co Diploma circense, que nos acreditou a tod@s como capaces de facer as máis grandes pallasadas!

Queda aquí, coma sempre esta reportaxe gráfica para que vexades o ben que o pasamos!

mércores, 10 de febreiro de 2010

UN ENTROIDO DE CIRCO
Este ano o noso Entroido temático tráenos ao circo para que o pasemos estupendamente e que aprendamos moitas cousas sobre este espectáculo.
Nunha das actividade que imos a facer ao longo da mañá será xogar ao circo con xogos online.
Se queredes saber como van a ser pincha na imaxe:







martes, 9 de febreiro de 2010

XI SALÓN DO LIBRO DE PONTEVEDRA


O RAÑACEOS DA LECTURA ( MAQUETA PRESENTADA POLO CEIP SAN MARTIÑO)

O día 9 de febreiro, moitos das nenas e nenos do noso colexio fixemos unha saída moi esperada: a visita ao Salón do Libro, que nesta edición trata da cidade. Nós xa levamos tempo estudando este tema.
A visita empezou nas instalacións da Policía Municipal. Un policía chamado David foi o que nos guiou. Primeiro amosounos o furgón de atestados que ten moitas cousas, entre elas, o control de alcoholemia, a sirena... Despois entramos nas instalacións; vimos a oficina onde recollen os obxectos perdidos, os armarios blindados onde gardan as armas, os walkie-talkies... pero o que máis nos gustou foi a sala de cámaras porque se ve o tráfico que hai en todas as rúas de Pontevedra, incluso, se hai algún accidente, dende esta sala os policías controlan todo o trafico da cidade. Despois estaba previsto un obradoiro urbano con David para poñer algunha multa literaria pero, por falta de tempo non puidemos .
Logo fomos ver as exposicións dos libros. Na entrada recibiunos Orbil o lobo que come libros cunha grade aperta a todos xuntos. Roberto, o noso guía, levounos por tres salas escuras; na primeira as casas aboiaban no espazo era a Terra vista dende a Lúa, a segunda era unha cidade de noite e, na terceira vimos o que hai debaixo dunha cidade calquera; cloacas, sumidoiros...por certo ulía moi mal. Por último, pasamos a ver os libros e os trallos dos coles, tamén está o que fixemos nós, todos están moi bonitos, o noso é dos mellores, gustounos moito ver o noso traballo con todos os demais.
Foi a saída mellor de todas, mágoa que non durara máis tempo.

Alumnado de 4º curso

luns, 8 de febreiro de 2010

CONSUMO RESPONSABLE...
Despois da charla que recibimos o outro día sobre consumo responsable e insistindo un poco máis no tema da protección ao medio ambiente, pensamos que é interesante visionar este curto, para que pensemos no futuro do noso planeta e na necesidade de cambiar as nosas actitudes de consumo:

venres, 5 de febreiro de 2010

QUE FACEMOS COA AUGA?
Esta semana o alumnado do 3º ciclo de primaria recibiron unha charla, que levou por título "Que facemos coa auga? e que entra dentro do programa da Concellería de medio ambiente do Concello de Pontevedra: MÓLLATE CON NÓS.
O obxectivo que se pretende é o de educar no consumo moderado e responsable dun ben común como é a auga.

PASEANDO CON PEPY CLAVIJO
Os alumnos e alumnas de 6º, xunto co seu titor e a xefa de estudos, recibiron esta semana a Pepy CLavijo coa que deron un "paseo virtual" polas rúas de Pontevedra.
Pepy Clavijo, profesora xubilada, é a autora de varias obras sobre a nosa cidade, entre as que se atopan: "Las calles de Pontevedra", "Pontevedra, de los nombres propios de las calles"... que empregamos na aula para realizar os nosos proxectos de investigación, dentro do tema "a cidade" que abordou este ano a nosa Biblioteca.
Non nos podemos sentir máis afortunados, cando despois de traballar coa súa obra, tivemos logo a oportunidade de poder charlar, intercambiar opinións, preguntar dúbidas, saber de anécdotas... acerca do que aprenderamos.
Por todo isto, Pepy, moitas grazas por visitar o CEIP San Martiño e compartir con nós uns momentos tan interesantes para tod@s.
Dende aquí este recordo e un forte abrazo!!

sábado, 30 de xaneiro de 2010

CONTOS PARA A PAZ

Este ano quixemos celebrar o Día da Paz, 2010 co lema "Contos para a paz".
Tamén baixaron algúns alumn@s á Ferrería para participar no acto conxunto de todos os centros de Pontevedra.
No centro, cada grupo dende os máis pequenos de Infantil ata 6º de Primaria, contáronnos cadanseu conto para a paz: reunímonos todos despois do recreo a escoitalos. Moitos eran contos coñecidos, outros foron inventados nas aulas e ata houbo quen se atreveu coa poesía...
Para rematar esta celebración cantamos xuntos varias cancións que dicían cousas tan bonitas coma esta: que todos os nenos levanten as mans, que todos os nenos levanten a voz... máis guerras non, máis guerras non, que reine a paz e o amor...
Realmente, ¿non é marabilloso o que piden os nenos pola paz? Súmemonos a eles e levantemos nós tamén as nosas mans pola paz!
Aquí deixamos esta pequena reportaxe para que o vexades: