Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

sábado, 26 de abril de 2008

Semana dos obradoiros artesanais

Dentro do conxunto de actividades programadas no terceiro trimestre en torno ao tema central dos oficios tradicionais, vaise a desenvolver entre o 5 e o 9 de maio a “Semana dos Obradoiros Artesanais”. Esta actividade ten como obxectivo principal o de achegar aos nosos alumnos á práctica cotiá de algúns dos artesáns estudados por eles nas aulas. Este achegamento fundamentarase en primeiro lugar en exposicións temáticas de cada un dos oficios estudados, nunha segunda etapa nas explicacións e demostracións realizadas polos propios artesáns, e finalmente na elaboración de sinxelas pezas por parte dos alumnos participantes nos obradoiros. O programa de actos da Semana é o seguinte:

  • LUNS, 5 de maio: Palilleiras.
    * Exposición de encaixe.
    * 10:30 – 12:00: Sesión práctica de palillar.
  • MARTES, 6 de maio: Zoqueira.
    * Exposición de produtos.
    * 10:20 – 13:30: Proceso de elaboración das zocas.
  • MÉRCORES, 7 de maio: Cesteira.
    * Exposición de materiais e produtos de cesteiría.
    * 10:30 – 14:00: Materiais e técnicas de elaboración e obradoiro práctico.
  • XOVES, 8 de maio: Obradoiro de barro.
    * Exposición de obxectos barro.
    * 10:00 – 14:00: Explicación e traballo práctico con barro.
  • VENRES, 9 de maio: Vidrieiro.
    * Exposición de materiais e produtos.
    * 10:00 – 12:00: Charla informativa e sesión práctica de decoración de vidro.

No apartado de agradecementos hai que destacar a colaboración tanto económica como organizativa proporcionada por parte do Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, que foi fundamental para poder levar a bo fin este ambicioso proxecto, sen esquecernos tamén do inestimable apoio recibido por parte do profesorado e da ANPA do centro.

IV Semana da Lectura: Venres 25 de abril

O derradeiro día da semana comezou coa actuación dos nenos e nenas de 1º de primaria que, vestidos de campesiños, fixeron unha magnífica lectura en verso do tradicional conto da leiteira.


A continuación, os rapaces e rapazas do grupo de teatro de actividades extraescolares do centro sorprendéronnos cunha orixinal posta en escena do conto “Zapateiro, aos teus zapatos”.


Como peche da IV Semana da Lectura contamos coa participación do actor Manuel Solla e o seu grupo, que nos ofreceron un espectáculo no que se mesturaba a maxia, a música e o teatro, e buscaba en todo momento a participación dos asistentes.


E así rematou unha semana chea de lecturas, actuacións e escenificacións; de contos, poesías e adiviñas; de ilustracións, música e bailes; de entretemento, sorpresas e risas, que nos deixou cun sabor de boca tan agradable que non nos queda outro remedio que tratar de superarnos de cara a V Semana da Lectura do ano próximo.



IV Semana da Lectura: Xoves 24 de abril

Nos libros todo é posible, e os alumnos de 3º de primaria contáronnos como Mambrú, despois de volver da guerra, se converteu nun cociñeiro de deliciosos perfumes que deixaron o seu recendo entre o público que abarrotaba a sala.


E como unha parte importante dos libros son as súas ilustracións, contamos coa presenza de Abraham Carreiro, coñecido ilustrador, que nos explicou os segredos do seu traballo e agasallou aos asistentes con debuxos dos seus personaxes máis coñecidos.



IV Semana da Lectura: Mércores, 23 de abril

A celebración do Día do Libro estivo protagonizada polos máis pequenos e polos maiores do colexio. Os cativos de 3 anos explicáronnos como se fai un delicioso postre, o pastel de limón con perlas de chocolate. Fixérono tan ben, que cando o pastel saíu do forno daban verdadeiras gañas de meterlle o dente.


A continuación, os alumnos de 6º, cunha acertada mestura de lectura e escenificación, remataron o conto “O trevo de catro follas”, iniciado dous días antes. Este conto ten o extraordinario valor de ser escrito por eles, ser eles os protagonistas directos da historia e ser tamén eles os que o leron e o puxeron en escena.


IV Semana da Lectura: Martes 22 de abril

Continuou a festa o martes cos alumnos de 2º de primaria, que nos acercaron ao traballo dos meleiros e nos fixeron rir cunha divertida e variada colección de contos populares.


O acto continuou cos nenos e nenas de 4º de primaria, que a través das súas “adiviñas dos oficios” fixeron participar activamente ao público, que demostrou o seu coñecemento do tema acertándoas todas sen excepción.


Volveron a rematar as lecturas os alumnos de 6º de primaria que leron a segunda parte do conto “O trevo de catro follas".



IV Semana da Lectura: Luns 21 de abril

Os alumnos de 4 e 5 anos quixeron comezar a semana dunha maneira festiva coa “Festa da princesiña O”, un conto escrito por eles mesmos, no que foron presentando ao público asistente os oficios estudados na súa clase.


Tras eles, os rapaces e rapazas de 5º de primaria demostraron ser uns magníficos lectores e intérpretes, lendo e escenificando un femosísimo conto titulado “A merla de trapo”.


Remataron o acto os alumnos de 6º de primaria que presentaron a primeira parte do conto “O trevo de catro follas”



martes, 22 de abril de 2008

Cartel gañador da IV Semana da Lectura

A continuación podedes ver o debuxo gañador do concurso de carteis da IV Semana da Lectura, realizado por María González Bujía, de 4º de Educación Primaria. Felicitacións para ela e para todos os autores dos traballos presentados, porque a calidade dos mesmos foi tal que o xurado tivo moi díficil a súa elección.

IV Semana da Lectura

Entre o 21 e o 25 de abril de 2008 celebraremos a IV Semana da Lectura, dedicada este ano aos "Oficios Tradicionais". Como cada ano, estivemos preparando con gran ilusión este evento no que participarán alumnos, profesores, contacontos e ilustradores. A continuación podedes ver o programa de actividades ás que, por suposto, estades todos invitados:

Benvidos á Salcedoteca

O equipo de mestres do CEIP San Martiño quere dar una especial benvida a este espacio dixital a todos os membros da nosa comunidade escolar: nenos e nenas , familias, profesores e usuarios da nosa Biblioteca. Con esta iniciativa pretendemos dar un paso máis cara o obxectivo de conseguir unha Biblioteca viva, xeradora de todo tipo de aprendizaxes, espazo de encontro coa cultura, coa imaxinación e co saber e fonte de información e de lecer.

Botamos a andar este blog coa intención de que se converta nunha canle de comunicación recíproca. Aquí poderedes atopar información, non só das actividades ou novidades relacionadas coa Biblioteca, senón tamén do resto de novas que se produzan no centro e sexan de interese xeral.

Pero ademais queremos que este espazo sexa una especie de buzón virtual onde calquera membro da comunidade escolar poida dar as súas opinións e suxestións para o mellor funcionamento da Biblioteca en particular e do colexio en xeral.

Para acadar os obxectivos expresados con anterioridade e avanzar na mellora da calidade do ensino é necesario contar coa implicación de todos; así que…

¡A informarse e participar!