Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

venres, 3 de xullo de 2009

DESPEDIMOS O CURSO

Rematamos o curso coa celebración do tradicional Festival,no cal puxemos todos e todas unha enorme dose de alegría, ilusión e humor.

Neste festival quixemos compartir con toda a comnidade educativa a emoción de despedir o curso 2008/09 que remata e tamén de dicirlle adeus aos alumnos que se van.

Deixamos aquí en Salcedoteca, esta pequena reportaxe gráfica para recordar.

FELIZ VERÁN E ATA PRONTO!!!

martes, 28 de abril de 2009

SEMANA DOS OBRADOIROS

Este ano a Semana dos Obradoiros está dedicada á pintura, pois o proxecto de Biblitoteca, que leva por título "Lendo a través da pintura" adicouse dende o mes de febreiro a realizar un estudio sobre os pintores e as súas obras.

Agora para rematar os nosos proxectos das aulas , realizamos unha parte práctica adicada a afondar en certos artistas como Picasso, Van Gogh, Velázquez...

Moitos destes obradoiros organizáronse a través do Programa Letras Vivas, que solicitamos este ano á Consellería de Cultura.

Tamén queremos agradecer a colaboración de Mónica, nai dunha alumna de 3 anos e pintora de profesión, quen colaborou facendo varios obradoiros cos nosos alumnos.

O Programa de actividades, que se remitiu ás familias como información estes días é o seguinte:

Luns, 27 de abril: ED. INFANTIL DE 3 E 4 ANOS.
Obradoiro de Ilustración de Chus Ferrín

Martes, 28: 5º de PRIMARIA E 1º CICLO.
"Clase de pintura" a cargo de Mónica, pintora e nai dunha alumna de 3 anos.

Mércores, 29 de abril: ED. INFANTIL DE 5 ANOS E 1º DE PRIMARIA.
“Un día con Van Gogh” de Crearte ( Grupo de Animación do programa Letras Vivas)

Mércores, 29 de abril: 2º E 3º DE PRIMARIA.
“Un día con Picasso”de Crearte

Xoves, 30 de abril: 4º DE PRIMARIA.
“Un día con Velázquez” de Crearte ( Grupo de Animación do programa Letras Vivas)

Xoves, 30 de abril: 5º E 6º DE PRIMARIA.
“Un día con Leorardo da Vinci”de Crearte

Martes, 5 de maio: ED. INFANTIL E 2º CICLO
"Clase de pintura" a cargo de Mónica, pintora e nai dunha alumna de 3 anos.

Mércores, 6 de maio: ED. INFANTIL
“A palabra máxica” de Amalia Pérez (Organizado grazas ao programa Letras Vivas)

Coma sempre, aquí deixamos estas imaxes, para que vexades canto aprendemos e o ben que o pasamos:


LUNS 27 DE ABRIL: OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN CON CHUS FERRÍN




MARTES 28 DE ABRIL: CLASE DE PINTURA CON MÓNICA, PINTORA PROFESIONAL


MÉRCORES 29 DE ABRIL: CREARTE TRÓUXONOS "UN DÍA CON VAN GOGH" E "UN DÍA CON PICASSO"



XOVES 30 DE ABRIL: VIVIMOS "UN DÍA CON VELÁZQUEZ" GRAZAS A CREARTE

MARTES, 5 IMITAMOS AS MENINAS DE VELÁZQUEZ NO OBRADOIRO DE PINTURA


MÉRCORES, 6 XOGAMOS COA IMAXINAXIÓN NO OBRADOIRO DE AMALIA PÉREZ


luns, 27 de abril de 2009

GALERÍA DE IMAXES DA V SEMANA DA LECTURA

Rematamos este ano a V Semana da Lectura, o venres, 24 cunha actuación espectacular do Grupo de Teatro NI FU NI FA da Coruña, que viñeron a presentarnos a obra "Recicla Arte". Este espectáculo foi subvencionado en parte pola Consellería de Cultura e entra dentro do programa Letras Vivas.

No resto da Semana, as actuacións do alumnado e tamén a do teatro extraescolar do centro desenvolvéronse, como estaba previsto, con grande aceptación por parte do público.

Aquí deixamos esta galería de imaxes, clasificadas por días para o recordo de todos:



....................LUNS 20..............................................MARTES 21

............................

..................MÉRCORES 22 ........................................XOVES 23

...............

..................VENRES 24

luns, 20 de abril de 2009

V SEMANA DA LECTURA

Un ano ano máis e dentro da programación de actividades adicadas a " Abril, mes dos libros", acabamos de iniciar hoxe luns, 20 de abril a V SEMANA DA LECTURA, adicada desta vez ao tema da pintura.

Aquí presentamos o programa de actuacións, no cartel anunciador deste quinta edición que, coma sempre, esperamos que sexa do agrado de toda a comunidade educativa.


Queremos recordar que esta actividade semanal de portas abertas, na que a principal protagonista é a lectura, se atopa encadrada no II Proxecto de Biblioteca do centro, que se iniciara a finais de febreiro con outras actividades de motivación, documentación... e que ten como evento principal a celebración deste semana adicada á lectura.

luns, 23 de marzo de 2009

Finalistas do Premio Irmandades do Libro


No diá de hoxe, 23 de marzo de 2009, recibimos a comunicación de que o Xurado dos XVIII Premios Irmandade do Libro, organizados pola Federación de Libreiros de Galicia, acordou proclamar ao noso centro como un dos finalistas na modalidade de Centros de Ensino, xunto co CEIP Quintela de Moaña e o IES Blanco Amor de Ourense. O colexio gañador determinarase na reunión que se celebrará o día 28 de marzo a celebrar en O Carballiño.

O gañador na categoría de autor foi Xabier P. Docampo e os finalistas no resto de categorías son:

Centros de ensino:

CEIP San Martiño, de Igrexa-Salcedo – Pontevedra

CEIP de Quintela - Moaña

IES Blanco Amor, de Ourense

Fomento da lectura:
Biblioteca Pública de O Porriño
Bibliotecas Públicas da Coruña
Asociación Cultural Lonxa Literaria, de Moaña

Institucións:
Casino de Santiago
Asociación Cultural IES Rosalía de Castro
Liceo Recreo Ourensán

Librarías:
Andel do Libro Galego e Portugués
Libraría Porta da Vila, de Viveiro
Libraría Paz, de Pontevedra

Mellor libro do ano 2008:
Fin de século en Palestina. Miguel Anxo Murado. Editorial Galaxia.
Festina lente. Marcos S. Calveiro. Edicións Xerais de Galicia.
O xardín das pedras flotantes. Manuel Lourenzo. Edicións Xerais de Galicia

Obra editorial do ano 2008:
As flores do mal. Ed. Galaxia.
Guía das plantas de Galicia. Ed. Xerais.
Colección rescate. Alvarellos editora.


Os nosos parabéns para todos os finalistas e en xeral para todos os que desde distintos ámbitos traballan en prol do libro e do fomento da lectura.

martes, 17 de marzo de 2009

CO AUTOR DOS MEGATOXOS

Hoxe tivemos a sorte de recibir a visita de Anxo Fariña, autor e ilustrador do libro Os Megatoxos, editado pola Nosa terra e que tivemos a oportunidade de ler.

Os alumnos de 3º e de 4º de Primaria estiveron moi entusiasmados pola súa visita, sobre todo porque moitos deles mercaran e leran a historia deste coñecido ilustrador, que ademais agora é o autor das súas propias creacións.

Ademais de explicar como naceron parte das historias e dos personaxes da súa obra, Anxo tamén nos deleitou coa súa grande capacidade de invención e fantasía, realizando unha serie de creacións plásticas, a partir de situacións, persoas, obxectos... que se ían plantexando ao longo da charla.

Queremos agradecer dende Salcedoteca a visita de Anxo Fariña e deixar constancia cunha pequena reportaxe gráfica dos momentos máis interesantes da súa presenza aquí, en Salcedo.
VISITA DE ANXO FARIÑA

venres, 13 de marzo de 2009

COÑECEMOS O RÍO DOS GAFOS CON VAIPOLORÍO




O CEIP Martiño participa este ano na Campaña itinerante de promoción do río dos Gafos nos colexios de Pontevedra.


Este mes de marzo corresponde a este centro a realización das diferentes actividades que a Asociación Vaipolorío, xunto coa Concellalía de Medio Ambiente do Concello de Pontevedra, teñen preparado.

Por esta razón, o martes pasado, tivo lugar no centro unha charla impartida por Gonzalo Sancho, presidente da Asociación Vaipolorío, que consistiu nun relatorio titulado “Flora e fauna do Río dos Gafos”, dirixida a toda a comunidade educativa.

Tamén se organizou unha Exposición fotográfica de imaxes dos ríos Cocho, Toxal, Tomeza e Gafos, realizadas polo fotógrafo Nelson de Fotovedra, que a Asociación Vaipolorío presenta no centro.

Por último os alumnos de 5º e 6º de Primaria realizarán proximamente un paseo didáctico pola zona rural do río Gafos na parroquia de Tomeza.

xoves, 26 de febreiro de 2009

ENTROIDO INDIO

A nosa Biblioteca sumouse este ano tamén á celebración do Entroido, presentando unha sesión de información audiovisual sobre a vida e a cultura dos indios americanos.

Entendemos que cómpre deste xeito, cunha das súas funcións máis importantes, que é a de acercar o mundo da información aos seus usuarios, a poder ser dentro dun ambiente lúdico e de entretenemento.

Para máis información visitade o noso blog OÑITRAM, que é onde podedes ver con máis detalle e en imaxes a organización desta actividade.

venres, 6 de febreiro de 2009

Visita ao X Salón do Libro de Pontevedra

Salon do Libro 09
O AMOR

“ Din que o amor é cousa de parvos pero eu creo que o amor é so cousa dun bico” (Alumna de 6º)

Un ano máis todo o alumnado e profesorado do CEIP SAN MARTIÑO participamos co noso traballo “Historias de Amor” no X Salón do libro. Foi laborioso pero divertido facer este traballo; para o que lemos, escribimos e debuxamos moito. Outro día amosarémosvos o libro que fixemos, hoxe non podemos porque está na exposición do Pazo da Cultura, se queredes podédelo ir ver alí. Ademais os de 6º tamén escribiron unhas románticas declaracións de amor. .

O mellor de todo é poder ir visitar o Salón, sempre queremos ir todos. O martes 3 de febreiro fomos a metade do alumnado do noso cole.

“Fomos ao Salón do libro onde había moitas cousas interesantes. Ao chegar guiounos un monitor chamado Adrián que nos levou a un obradoiro de escrita onde fixemos unha poesía de amor . Despois volveu Adrián e levounos a explicar as cousas que había coma: esculturas de Cupido ou unha nai abrazando aos seus fillos. Logo apareceu un lobo moi bonito que se chama Orbil, e moitas cousa mais , xa ao remate gustounos moito sentarnos nunhas cadeiras que había en forma de man e ler libros, lemos un pouquiño dos Megatoxos foi xenial estar alí” (Alumnos de 4º).

“Fomos a un obradoiro de ilustración con Anxo Fariña que nos ensinou a facer monstros con letras e números. A Sabela debuxouna no encerado e despois convertémola entre todos nun feo monstro foi divertido. Tamén entramos nunhas salas marabillosas... Logo vimos os traballos dos coles, habíaos con gominolas e, a algúns facíasenos a boca auga, pero o mellor era o noso. A continuación pasamos pola exposición de Fina Casalderrey ,unha escritora de aquí , onde fixemos unha foto. Por último quedáronnos uns minutos para ler os libros que estaban nos andeis. É unha sorte poder ir . O AMOR POLOS LIBROS . ¿ Non vos preguntastes nunca se os libros teñen sentimentos?” (alumnas de 6º).

Dende aquí queremos felicitar ao Concello de Pontevedra e a Organización do Salón por permitirnos participar e gozar todos os anos desta festa dos libros e da cultura.¡¡¡Longa vida ao Salón do Libro de Pontevedra1!!!

mércores, 4 de febreiro de 2009


30 DE XANEIRO: DÍA DA PAZ EN SAN MARTIÑO

Co motivo do Día da Paz programáronse entre o Equipo de Biblioteca do centro e o Equipo de Normalización Lingüística unha serie de actividades, entre as que nos gustaría destacar as lecturas, relacionadas con este tema que se leron en diferentes sesións ao longo da mañá e que foron as seguites: para Educación Infantil proxectamos na Biblioteca a historia que conta " O Libro da Paz" de Todd Parr da Editoral Serres.

Os de 1º,2º e 3º escoitaron a historia de "Los niños no quieren la guerra" de Éric Battut da Editorial Juventud e deixamos para os maiores unha historia que nos fixo reflexionar a todos, " El enemigo" de Davide Cali da Editorial SM.


Se queredes saber máis cousas acerca das activiadades que se realizaron ao longo da mañá, podedes pinchar neste enlace, que vos levará ao Blog do Equipo de Normalización do centro: Oñitram.