Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

venres, 11 de xullo de 2008

Festival fin de curso

¡Vaia festival o deste ano!

Disfrutamos de momentos moi fermosos: rimos, bailamos, cantamos, fixemos teatro... e ata choramos despedindo aos alumnos que se van para o Instituto.

Seguro que eses momentos vividos por todos quedarán nas nosas memorias por moito tempo.
Aquí en Salcedoteca deixamos testemuña desta " festa despedida" coas seguintes imaxes:

mércores, 9 de xullo de 2008

Excursión fin de curso: Allariz

Rematamos o curso visitando Allariz: todo nos resultou moi interesante.

Estivemos no Parque Natural de O Rexo, na parroquia de Requeixo e pola tarde tivemos a oportunidade de ver como funcionaba por dentro un muíño antigo e coñecer o Museo Galego do Xoguete.

Pasámolo estupendamente. Aquí queda esta pequena reportaxe fotográfica para que o vexades...

Coñece a túa cidade

Os alumnos de Educación Infantil participaron no 3º trimestre nunha actividade, organizada polo Concello de Pontevedra, que tiña como obxectivo dar a coñecer aos máis pequenos a súa cidade: Pontevedra.
Aquí quedaron para o recordo unhas cantas imaxes desta saída.

luns, 19 de maio de 2008

A illa dos tesouros

A illa dos tesouros é un caderno de bitácora que trata de reflectir a aventureira travesía polos mares da realidade e da fantasía que realizaron os rapaces e mestres do CEIP San Martiño durante o primeiro trimestre do curso 2007-08.

Nesta historia cóntanse cousas que pasaron na realidade e outras que non son de todo certas; aparecen piratas e animais fantásticos; teñen lugar batallas navais e viaxes submarinas... E ademais amósanse imaxes desta fantástica viaxe e dos traballos realizados polos nosos alumnos dentro do proxecto dedicado ao mar.

Abordade este libro como piratas da lectura e atoparedes tesouros inesperados que vos enriquecerán para sempre.


sábado, 17 de maio de 2008

Día das Letras Galegas 2008

Hoxe, 17 de maio, é una data con nome propio, o nome de Xosé María Álvarez Blázquez, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008.



Defensor da lingua e a cultura galegas, membro da Real Academia e fundador de editoriais, Xosé María Álvarez Blázquez foi non só un creador de literatura galega senón que tamén creou canles para que outros escritores e escritoras puidesen publicar a súa obra.


Convidámosvos a coñecelo a el e á súa obra visitando algún dos enlaces que figuran a continuación:

Seminario Galán --------------------- Vieiros --------------------- Real Academia Galega


Xornada de xogos tradicionais

O venres, 16 de maio, na véspera do Día das Letras Galegas, celebramos unha xornada de xogos populares na que participaron todos os alumnos do colexio.


A corda, os aros, a chave, a petanca, os bolos, a rá... roubáronlle por un día o protagonismo aos libros e serviron para que os nosos alumnos e alumnas coñecesen uns xogos e deportes que son parte integrante do noso patrimonio cultural e que esperamos que volvan a formar parte do seu tempo de lecer.

Xornada de xogos tradicionais (Clicar na imaxe para ver as fotos)


Dende este blog, queremos expresar o noso agradecemento ao Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, que subvencionou esta xornada de xogos tradicionais dentro do seu programa "Maio, mes da lingua".

Hoxe fomos ao Correlingua

Martes 13 de maio.


Os alumnos e os profes de Primaria fomos hoxe a Pontevedra a participar no Correlingua, unha “marcha” popular na que se trata de animar aos participantes, máis de 2.500 este ano, a falar en galego. O lema deste ano foi: “365 días. En galego cabe todo”.


Debido á chuvia, os actos trasladáronse desde as rúas da cidade ao recinto feiral, onde os cabezudos, os gaiteiros, os malabaristas e o Xabarín nos fixeron cantar, saltar e bailar, e pasar uns momentos de diversión inesquecibles.


Ánimo, e a falar na nosa lingua!!!


Correlingua (Clicar na imaxe para ver as fotos)

martes, 13 de maio de 2008

Os avós faláronnos dos seus oficios

Ademais da participación nos obradoiros artesanais as nenas e nenos de Educación Infantil recibiron ao longo da semana unha serie de visitas moi especiais. As avoas e os avós viñeron ao colexio e contáronnos como eran os seus traballos.
  • 28 de abril: Dna. Juana España (avoa de Damián), ama de casa .
  • 5 de maio: D. Juan Peón (avó de Felipe), tipógrafo; e D. Antonio Abellón (avó de Mireya), urdidor en fábrica de seda.
  • 6 de maio: Dna. Marisol Figueiras (avoa de Diego), mestra; e D. José García (tio-avó de Rosana), electricista.
  • 7 de maio: Dna. María José Barreiro (avoa de David), ama de casa; e Dna. Guadalupe Suárez (avoa de Iván), patronista.
  • 8 de maio: Dna. María Pilar Veiga (avoa de Andrés), modista; e Dna. Dolores Díaz (avoa de Lucía), pantaloneira e costureira.
  • 9 de maio: D. Manuel Amado (tío de Sara), conserxe; e Dna. María del Carmen Gónzález (avoa de Silvia), ama de casa.

Dende Salcedoteca queremos agradecerlles a súa colaboración e a sabedoría que nos aportaron coas súas explicacións.


sábado, 10 de maio de 2008

Semana dos Obradoiros: Venres 9 de maio

O obradoiro de hoxe, venres 9 de maio, foi impartido por Jorge Quintá, pai de dous alumnos do centro, e un dos poucos artesáns do vidro que hai en Galicia. O seu traballo consiste en proxectar, decorar e construír vidrieiras, así como en restaurar as que están en mal estado.

Ao longo da súa ponencia, Jorge mostrounos os materiais que utiliza como materias primas (vidro, plomo, pinturas...), as ferramentas que emprega na elaboración das vidrieiras (cortadores, pinceis...) e o proceso de elaboración das mesmas.

Finalmente, os alumnos e alumnas realizaron cadansúa vidrieira baixo a súa supervisión. Primeiro elixiron un debuxo e colocárono por debaixo do vidro. A continuación, marcaron o contorno do debuxo sobre o vidro con plomo adhesivo. Por último, coloreárono con pintura especial para vidro, obtendo uns resultados tan espectaculares como os que podedes ver nas fotografías.

xoves, 8 de maio de 2008

Semana dos obradoiros: Xoves 8 de maio

O oficio dos oleiros é un oficio milenario, no que homes e mulleres veñen traballando artesanalmente para facer desde utensilios domésticos (olas, cuncas, pratos, xerras…) ata elementos decorativos (figuras, esculturas, colgantes…).


En case todas as comarcas de Galicia hai artesáns do barro, e a nosa cidade non podía ser unha excepción. A Asociación Cultural de Ceramistas Arxilarte de Pontevedra foi hoxe a encargada de impartir un obradoiro de barro aos máis cativos do colexio, desde Educación Infantil de 3 anos ata 3º de Educación Primaria.


Como se pode comprobar nas imaxes, os rapaces de Educación Infantil disfrutaron facendo estampacións e figuras sinxelas, mentres que os nenos e nenas de Educación Primaria confeccionaron cadanseu “maio”.


Lembrar finalmente, que esta actividade está incluída dentro do programa “Maio, mes da lingua”, promocionado e subvencionado polo Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra.