Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

luns, 10 de marzo de 2014

PREMIOS CONCURSO - REDACCIÓN  "A MULLER TRABALLADORA"
 Hoxe, 10 de marzo celebrouse o acto de entrega dos Premios do Concurso de Redacción "A Muller Traballadora", ao cal asistiron o Concelleiro de Normalización, D. Demetrio Gómez e a Concelleira de Benestar Social, Dna. Carmen Fouces. Grazas aos dous por acompañarnos nesta mañá e compartir coa nosa comunidade educativa este momento de alegría

Esta actividade sobre as mulleres traballadoras, organizada no CEIP San Martiño, entra dentro do programa municipal, Memoria das mulleres, promovido polo Concello de Pontevedra, coa idea de coñecer e difundir a historia das mulleres traballadoras do noso entorno.

Consideramos este obxectivo moi importante para conseguir entre todos e todas dignificar a vida e o traballo das mulleres, xa que ata hai pouco tempo e incluso agora mesmo se dan casos nos que isto non é así, pois sabemos que existen por desgraza situacións de desigualdade, situación de violencia e está nas nosas mans, sobre todo na competencia das autoridades  e tamén na dos nosos políticos conseguir que a sociedade elimine esta inxustiza de xénero.

Dende o EDLG deste Centro, coordinado pola profesora Puerto Garrido, crimos pois que esta actividade serviría para que o noso alumnado coñecese e valorase a moitas das mulleres traballadoras que dende o anonimato estiveron ou están sempre aí presentes nas súas vidas, falamos de moitas avoas, bisavoas, madriñas, nais… que ofrecen o seu día a día ao ben dos seus seres queridos. Esta foi a razón principal de convocar este concurso redacción e temos que dicir que estamos moi satisfeitos cos resultados.

Felicitamos aos gañadores e gañadoras e felicitamos tamén aos demais participantes, que aínda que non acadaron premio, posto que como é sabido non é posible premiar a todos nun concurso, temos que dicir que as redaccións presentadas tiñan una calidade e un sentimento tales, que ao xurado costoulle moitísimo decidirse. Todas as redaccións eran merecedoras de premio!!!

O final do acto tivo un carácter festivo grazas á intervención desinteresada do Grupo Folclórico de Marcón Airiños da Fracha. Moitas grazas a estes fantásticos músicos que nos deleitaron co seu ánimo, alegría e maxistral interpretación nas pezas musicais que nos regalaron!!!



Ningún comentario: