Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

venres, 15 de marzo de 2019

SEGUIMOS APRENDENDO COS OBRADOIROS DE HABILIDADES SOCIAIS!

Como xa vos contamos fai uns días, o colexio está ofrecendo ao alumnado obradoiros de habilidades sociais, organizados coa colaboración do Concello de Pontevedra e impartidas por un grupo de pedagogos do mesmo.

O alumnado agardaba con ilusión aprender novas habilidades nos próximos talleres,e... xa fixemos dous mais! 27 de febreiro e este mércores 13 de marzo, impartíronse novos obradoiros en 6º de Educación Primaria

O 27 de febreiro, comezou o obradoiro cunha dinámica de grupo que pretendía completar a da anterior xornada sobre a comunicación, para incidir na realidade de que, para que se produza a comunicación entre dúas ou máis persoas teñen que darse unha serie de premisas ou condicións.
O alumnado, guiado polas docentes, axudou a idear e verbalizar a situación idónea para que unha comunicación teña lugar. É dicir, “ausencia de ruído”, “respecto das quendas”, “ausencia de interrupcións”, “comunicación visual”… Seguidamente, realizaron outras dúas actividades que fixeron ver claramente ao alumnado onde fallaba o proceso comunicativo e que facer para resolver a situación.

O mércores 13 deste mes, o tema traballado foi a autoestima. Realizando de novo dinámicas moi suxestivas e atractivas, para que cada unha das alumnas e alumnos reflexionara con frases e ideas do tipo: sobre un mesmo, como é un, saber no que podes mellorar, sentimentos, coidarse,ou como nos sentimos con nós mesmos.

Resultou todo un éxito, igual que nas anteriores citas, sorprendéndose eles mesmos coas respostas ou resultados aos que chegaban. Toda e cada unha das actividades propostas foron realmente amenas e espertaban a súa curiosidade,  co cal a implicación do alumnado foi total.

Ningún comentario: