Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

lunes, 21 de noviembre de 2011

EXPOSICIÓN DE PINTURA

PESQUEIRA. 1911-1987. De Terra e de xentes

 
O xoves, 17 de novembro, @s alumn@s de 3º e 4º de Primaria fomos á Sala de Exposicións de “Nova Galicia Banco” para “aprender a mirar” os cadros de Manuel Pesqueira Salgado.

Adicáronlle esta exposición este ano, porque o 7 de decembro de 2011 celébrase o centenario do seu nacemento en Lantañón (Paradela-Meis).

Nesta visita didáctica aprendemos moitas cousas interesantes sobre a vida e os cadros de M. Pesqueira, grazas ás explicacións da guía, que era moi simpática.

Vimos cadros de distintas épocas. Todos tiñan en común que estaban pintados coa man esquerda. Na Guerra Civil deixáronlle o brazo dereito inútil e tivo que facer un gran esforzo para poder pintar coa man esquerda.

Chamounos a atención que de neno xa pintaba con pinceis e pinturas fabricados por el mesmo, porque os seus pais non tiñan cartos para mercarlle estes materiais.

A guía explicounos que o seu pai mandouno a Pontevedra para que estudase Maxisterio e aquí coñece a Castelao e a outros artistas.

M. Pesqueira pinta ao óleo. A súa pintura caracterízase polas pincelas curtas e grosas. As figuras que aparecen nos seus cadros parecen esculturas.

Os seus cadros contan historias dos traballos no campo e de como era a vida na aldea. Estes cadros parecéronnos tristes, porque as cores eran grises, como “A palicuerda”. Tamén vimos outros máis alegres, pintados con cores máis vivas, como o titulado “A familia”.

A guía tamén nos explicou como M. Pesqueira representaba o movemento nas figuras dos seus cadros. Parecía que algunhas tiñan dúas cabezas.

Ao final da visita, cada un de nós coloreamos unha vaca ao noso gusto.

Esta visita foi unha boa maneira de recordar o traballo espectacular de Manuel Pesqueira, “o pintor zurdo de Meis”, no centenario do seu nacemento.



Alumn@s de 4º

No hay comentarios: