Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

luns, 3 de xuño de 2019

LETRAS GALEGAS 2019: ANTÓN FRAGUAS.

Co motivo da celebración do día das Letras Galegas 2019, dedicado este ano a Antón Fraguas, traballamos durante estas semanas diferentes temáticas relacionadas con este autor.

Antón Fraguas dedicou a súa vida ao estudo da cultura e do territorio galego en diferentes ámbitos, con especial atención á antropoloxía. Ademais, cos seus traballos contribuiu a defender o idioma propio como lingua de expresión para calquera coñecemento, segundo expresa a RAG.    
Foi historiador, profesor, director e presidente do Museo  do  Pobo  Galego, así como un dos fundadores da  Sociedade de  Lingua e membro das Irmandades da Fala e do Seminario de  Estudos Galegos. Escribiu sobre xeografía e arqueoloxía, pero no campo no que máis destacou foi na cultura espiritual campesiña. As festas e romarías populares, as cantigas, as crenzas e os costumes aparecen nos seus ensaios.

Querémosvos contar no que estiveron traballando os alumnos e alumnas do noso colexio sobre Antón Fraguas! Ademais, cambiamos a decoración das portas das aulas en memoria de Antón Fraguas! Ollade o ben que quedaron!

Nas aulas de Educación Infantil:

4° de Educación  Infantil: fixeron un percorrido polo traxe tradicional seguindo a Antón Fraguas.

5º de Educación Infantil: traballaron cun poema de Antón Fraguas e investigaron sobre o traxe tradicional galego.

 de Educación Infantil: indagaron sobre a vida e obras de Antón Fraguas a través do conto a "Detective Peregrina e o insólito caso Antón Fraguas". 
A decoración da porta desta aula é unha ilustración do homenaxeado feita por Carlos Taboada, ilustrador do libro.


Nas aulas de Educación Primaria:
1º de Educación Primaria: debuxaron embarcacións tradicionais galegas, relacionándoas coa sala adicada ao mar do Museo do Pobo Galego. Tamén estiveron traballando cunha unidade didáctica do Seminario Galán.

2º de Educación Primaria: indagaron sobre o carro e seguen traballando coa obra literaria "O casamento da pulga e a formiga", que cantarán-escenificarán no festival de fin de curso.

3º de Educación Primaria: investigaron sobre o Antonio Fraguas antropólogo, fixándonos nos costumes e curiosidades do Entroido, de aí a decoración da porta coas caretas dos peliqueiros!


4º de Educación Primaria: aproveitaron para falar da relación entre a Festa das Letras Galegas e a RAG.

5º de Educación Primaria: traballaron sobre a vida e obra en xeral de Antón Fraguas, recollendo os datos en libros de lapelas, cos que fixeron un mural para a aula, na porta debuxárono de mozo e puxeron as súas obras.

6º de Educación Primaria: investigaron sobre a figura de Antonio Fraguas como antropólogo, e para ter unha idea máis precisa do que é a antropoloxía, Rafa Quintía, pasou pola súa aula e faloulles do como traballa un antropólogo, apoiándose na traxectoria do autor homenaxeado. Para decorar a porta, xogaron coa imaxe de Antonio Fraguas para intentar facer algo de "Pop Art"!

Aula de inglés: a dorna.
Facer clic aquí para ver as fotografías.

Ningún comentario: