Blog da Biblioteca do CEIP San Martiño

Salcedo-Pontevedra
____________________________________________________________________________________________________________________________________

domingo, 12 de maio de 2019

ANDAINA POLA SENDA DO RÍO ALMOFREI.

O alumnado de 4º de Educación Primaria realizou unha andaina pola senda do río Almofrei, o luns 6 de maio. 
Esta visita á aldea do Salgueiral e ao espazo natural e fluvial do Almofrei, foi unha gran oportunidade para achegarse á realidade do noso entorno rural de Pontevedra.

A finalidade desta visita foi sensibilizar ao alumnado sobre a importancia de manter a riqueza patrimonial, tando a nivel sociocultural como natural, do noso rural.
Esta actividade é unha iniciativa do Concello de Pontevedra e a Comunidade de Montes do Salgueiral, coa colaboración dos veciños e a dirección técnica de Anias (Xestión e formación sociocultural).
Gozaron dunha divertida andaina pola senda do río Almofrei, onde desenvolveron dinámicas baseadas no coñecemento da contorna natural e patrimonio cultural da zona.  
Ímosvos contar un pouquiño do que fixeron!
Comezaron esta andaina pola senda do río Almofrei, merendaron polo camiño para repoñer forzas e así chegar ata o muíño da Bouza. Aquí fixeron dous grupos, mentres uns quedaban fóra e aprendían a debullar o millo, o outro grupo entraba no muíño para ver como se moía o gran! 
Tiveron que marchar do sitio a fume de carozo porque o pasaron tan ben que nin se acordaron de mirar o reloxo. E claro, chegaron xustiños ao cole! Pero a "culpa" foi de Amelia e Gonzalo, os dous monitores que espertaron en todos eles o interese por repetir esta experiencia coa familia ou con amigos, e que fixeron que o tempo se lle pasase voando! Grazas!

Por certo, nesta experiencia tamén coñecemos a outros nenos e nenas, xa que a compartimos co alumnado de sexto de Educación Primaria do colexio de Lérez.
Para ver máis fotografías, facer click aquí. 

Ningún comentario: